Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Xoana, Xoán
Nome cristián
Pronuncia
Xoana:
Xoán:
Variantes
Hipocorísticos
Másculinos Nucho, Xaíño
Femininos Nucha
Etimoloxía e historia
Procede do hebreo Yohanan ou Yehohanan, composto por Yoh ou Yah, abreviatura de Yahweh 'Deus', e hanan (a mesma forma que deu orixe ao feminino Ana) 'misericordia': 'Deus é misericordioso'. Pasou ao grego como Ioánnes e ao latín como Iohannes e, máis popular, Ioannes. Posiblemente sexa este, con María, un dos nomes con máis vitalidade nos últimos dous mil anos, non só en Galicia senón en todo o mundo occidental. Boa proba son as variantes e combinacións que admite en todas as linguas e a gran cantidade de tradición oral que atesoura. Tamén deu orixe a varios apelidos, entre os que están Anes, Oanes e Eanes. O culto do santo é moi antigo: é o quinto en número de advocación, en 236 parroquias, coas formas San Xoán ou as populares Seoane, Seivane, Sevane, que tamén produciron apelidos; deles, o apelido Seoane é un dos 50 máis frecuentes.
Motivación
San Xoán Bautista, chamado “o Precursor” (c. 5 a. C. - c. 30 d. C.) era fillo de Zacarías e Isabel e curmán de Xesús de Nazaré, a quen anunciaría como o Mesías prometido. Bautizou a Xesús no río Xordán e foi decapitado por orde de Herodes Agripa.
San Xoán Apóstolo, o Evanxelista, foi irmán de Santiago o Maior. Era o máis novo dos doce apóstolos de Cristo. Acompañou a Xesús ata a súa morte no Gólgota. Téñense poucos datos da súa vida despois do 49 d. C. Retirouse á illa de Patmos, onde tivo as visións da Apocalipse. Pasou os seus derradeiros anos en Éfeso, onde escribiu o seu evanxeo.
O nome de Xoán é o máis representado no santoral, pois levárono outros moitos santos: Xoán de Deus, Xoán Bosco, Xoán Bautista de La Salle, Xoán Crisóstomo, Xoán Damasceno e Xoán Nepomuceno.
Entre as santas, salientamos santa Xoana de Arco (1412-1431), heroína francesa. Outras santas con este nome foron Xoana de Portugal (1439-1475), Xoana de Lestonnac (1556-1640) e Xoana de Chantal (1572-1671).
Chamáronse así
Foi un nome escolleito por bastantes papas, vinte e tres en total como nome único —o último, Xoán XXIII (1958-1963)— aos que lles hai que unir os dous Xoán Paulo, I e II (de 1978 a 2005). Tamén o escolleron non poucas monarquías europeas: Rusia tivo seis tsares con este nome (entre eles Iván IV o Terrible, do século XVI); Portugal cinco reis (o último, do século XVIII), Castela tres (un do século XIV e outro do XV e unha raíña do século XVI); Francia outros dous monarcas (no século XIV); e Inglaterra tan só un (no século XIII).
Non obstante, son incontables os persoeiros que o portaron: escritores como Boccaccio, Juan de la Cruz, Racine, Molière, Rousseau, Goethe ou Sartre; músicos como Bach ou Brahms; artistas plásticos como Valdés Leal, Ingres, Miró ou Gris; teólogos como Calvino e Huss; físicos como Kepler; inventores como Gutenberg; políticos como John F. Kennedy e actores como Juan-Paul Belmondo ou Sean Connery.
Foi un dos nomes máis frecuentes na Galicia baixomedieval, que levaron trobadores e segreis en lingua galega dos séculos XIII e XIV como Xoán Baveca, Xoán Lobeira, Xoán López d’Ulloa, Xoán Romeu de Lugo, Xoán Zorro, Xoán de Cangas, Xoán de Requeixo ou Xoán Airas. Do século XV é o relixioso e poeta Xoán Rodríguez de Padrón, e o xefe irmandiño Xoán Branco.
A finais do século XIV o fidalgo coruñés Xoán Fernández de Andeiro constituíuse no máximo valedor do rei Fernando I de Portugal como rei de Galicia, fronte ao rei castelán Henrique II de Trastámara. Fracasado este intento, exiliouse a Portugal e alí tivo unha grande influencia na corte; a el se lle debe o primeiro tratado de alianza entre Portugal e Inglaterra (o Tratado de Tagilde, 1372), alianza que perdurará durante séculos.
É difícil facer escolla entre os moitos galegos que levaron este nome nos tempos contemporáneos. Unha pequena mostra poden ser os seguintes, do século XIX e principios do XX: Juan Antonio Posse (Laxe 1766 - León 1854), crego de ideoloxía liberal (e colectivista), autor en 1834 dunhas célebres memorias en que se contén unha defensa da Constitución de 1812 e unha breve proclama protonacionalista galega; Xoán Manuel Pintos Villar (1811-1876), un dos precursores do Rexurdimento literario galego, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 1975; Xoán Cuveiro Piñol (1821-1906), escritor e político, autor dun dos primeiros dicionarios galegos; Xoán Antonio Saco y Arce (1835-1881), sacerdote, folclorista e autor dunha das primeiras gramáticas galegas. Ao escritor Xoán Vicente Viqueira Cortón (Madrid 1886 - Bergondo 1924), filósofo, pedagogo e tradutor; dedicóuselle o Día das Letras Galegas do ano 1974.
No relativo ás mulleres galegas que levaron este nome lembramos, en primeiro lugar, a Xoana de Castro (século XIV), filla do conde de Lemos e irmá de Inés de Castro, raíña consorte de Castela polo seu matrimonio con Pedro I, que a abandonou tempo despois do casamento; está enterrada no Panteón Real da catedral de Santiago.
Sor Juana Inés de la Cruz (c. 1648-1695) foi una relixiosa xerónima de Nueva España (actual México), erudita, escritora científica e autora de excelentes poemas e obras teatrais. Desde nena destacara pola súa intelixencia e ansia de saber. Pola súa condición de muller negóuselle o acceso á universidade e, tras rexeitar varias propostas de matrimonio, só lle quedaba entrar nun convento para dedicarse á investigación e ás letras. Ingresou na vida monástica en 1669. É considerada por moitos unha das primeiras feministas da historia. En poemas, cartas e escritos demandou unha mellor educación para as mulleres e un trato de igualdade cos homes. Contra 1692 as misóxinas autoridades eclesiásticas de Nueva España, xunto coa Inquisición, obrigárona a abandonar o cultivo das letras e mesmo a entregar a súa biblioteca e a colección de instrumentos musicais e científicos para que se dedicase en pleno á vida conventual. Tres anos despois faleceu dunha doenza.
A coruñesa Juana de Vega (1805-1872), escritora e activista de ideoloxía liberal progresista, de grande influencia na política galega e española de boa parte do séc. XIX. Foi, xunto con Rosalía de Castro, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán, unha das catro mulleres galegas que se adiantaron ao seu tempo e abriron camiños antes só reservados aos homes. Juana de Vega foi a única muller do séc. XIX que participou abertamente na política española, e a súa opinión sempre foi respectada e tida en conta por persoeiros da importancia de Espartero, Mendizábal, Olózaga e outros. Entre 1841 e 1843 o rexente Espartero designouna aia ou institutriz das infantas fillas do rei absoluto Fernando VII: Isabel e Luísa Fernanda. Educounas tratando de inculcarlles a ideoloxía liberal para facer da herdeira ao trono, Isabel, unha raiña respectuosa coa Constitución ao estilo da raíña Vitoria de Gran Bretaña. Rexeitou honores e distincións e só aceptou o de condesa de Espoz y Mina para defender a memoria do que fora o seu marido (o xeneral Francisco Espoz y Mina). Arriscou a súa vida en defensa dos seus ideais liberais progresistas e tamén no coidado dos enfermos do cólera na Coruña durante o andazo de 1854. Coa entrada no poder dos liberais moderados de Narváez en 1843, abandonou o seu posto de aia das infantas e, retirada na Coruña, distinguiuse pola súa filantropía e accións de carácter social: coidado de orfos e desfavorecidos, enfermos e mulleres reclusas, accións ás que se sumaría a súa amiga Concepción Arenal, quince anos máis nova. Non por iso deixou de participar na política, pois a súa casa coruñesa foi lugar de reunión e mesmo de conspiración dos progresistas galegos ata a súa morte.
A uruguaia Juana Fernández Morales, máis coñecida como Juana de Ibarbourou (1892-1979), poeta de orixe galega, foi considerada unha das grandes escritoras de Iberoamérica do século XX; na súa poesía influíron moito as súas raíces galegas, en particular a obra de Rosalía de Castro.
Xa nos tempos actuais, cómpre salientar a escritora Xohana Torres Fernández (1929-2017), compostelá criada en Ferrol, poeta, narradora e dramaturga, referencia obrigada da literatura galega da segunda metade do século XX; académica da RAG desde 2001.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Hans | |
Johannes | Johanna | |
Catalán | Joan | Joana |
Español | Juán | Juana |
Éuscaro | Joanis | |
Joan | Joane | |
Ganiz | Joanitza | |
Joanikote | Joanitz | |
Joango | Joane | |
Joanes | Joana | |
Jon | Jone | |
Francés | Jean | Jeanne |
Húngaro | János | |
Inglés | Jack (hip.) | |
Ian | Jane | |
John | Joan | |
Irlandés | Sean | |
Italiano | Giovanni | Giovanna |
Polaco | Jan | |
Portugués | João | Joana |
Romanés | Ivan | |
Ioan | ||
Ion | ||
Ruso | Iván |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]