Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Martiño, Martiña
Nome cristián
Pronuncia
Martiño:
Martiña:
Variantes
Masculinas Martín
Hipocorísticos
Másculinos Tiñolo, Martiñoco
Etimoloxía e historia
Do nome romano Martinus, derivado de Mars, Martis ('Marte', deus da guerra). Significa 'de Marte', 'dedicado ao deus Marte'. Nome moi frecuente na Galia de orixe pagá, que aceptaron os cristiáns pola perda de conciencia do seu étimo ou pola popularidade do santo bispo de Tours. A forma feminina tamén se considera diminutivo de Marta. Este nome deu lugar aos apelidos Martínez, Martíns, Martís e Martín.
Motivación
San Martiño de Tours (316-397), orixinario da Panonia (Hungría), foi o apóstolo das Galias. Era militar do exército romano e, segundo a tradición, estando en Amiens partiu coa espada a súa capa para protexer do frío a un pobre. Unha vez bautizado, abandonou o exército e quedou en Poitiers ao lado de santo Hilario. Pola súa sona de milagreiro o pobo elixiuno bispo de Tours (370). Foi o santo máis popular da antiga Francia. En Galicia o seu culto é dos máis antigos, sobre todo na diocese de Ourense.
San Martiño de Braga ou de Dumio (510-580), apóstolo dos suevos de Galicia, tamén era orixinario da Panonia. Contra o 550 chegou á Gallaecia procedente de Constantinopla e fundou o mosteiro de Dumio, preto de Braga, capital do reino suevo. Converteu o rei Teodomiro ao catolicismo e foi abade e bispo de Braga (570). Entre os seus escritos destaca De correctione rusticorum (‘A corrección dos sinxelos’), instrución doutrinal para a corrección das prácticas relixiosas do pobo galaico anteriores ao cristianismo.
Santa Martiña de Roma (século III), virxe e mártir nesta cidade, era filla dun cónsul romano.
Chamáronse así
Para a cultura e a lingua galegas ten unha importancia capital a figura de frei Martín Sarmiento, nome que adoptou Pedro Xosé García Balboa (Vilafranca do Bierzo 1695 - Madrid 1772) cando tomou o hábito de monxe bieito; a RAG dedicoulle o Día das Letras Galegas do ano 2002. Lembramos tamén a Martin Codax (séculos XIII-XIV), o xograr do mar de Vigo, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 1998, xunto con Xoán de Cangas e Mendiño.
Martin Luder (ou Luther), adaptado ao noso idioma como ‘Martiño Lutero’ (1483-1546), monxe e teólogo alemán iniciador da Reforma protestante. O filósofo alemán Martin Heidegger (1889-1976); o pastor evanxélico estadounidense Martin Luther King (1929-1968), defensor dos dereitos civís nos EEUU e Premio Nobel da Paz 1964.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Martin | Martina |
Bretón | Marzhin | Marzhina |
Catalán | Martí | Martina |
Español | Martín | Martina |
Éuscaro | Matxin | |
Martin | Martina | |
Martiko | ||
Martie | Martitza | |
Marti | Martiñe | |
Francés | Martin | Martine |
Holandés | Maarten | |
Inglés | Martin | Martina |
Italiano | Martino | Martina |
Polaco | Marcin | |
Portugués | Martim | |
Martinho | Martinha | |
Romanés | Martin | |
Ruso | Martin | Martina |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]