Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Diego
masculino
Nome cristián
Pronuncia
Diego:
Variantes
Masculinas Diago
Etimoloxía e historia
Antigo nome que se atesta moi frecuentemente na documentación galega desde o século VIII, coa forma Didacus, nos documentos latinos. A orixe etimolóxica é discutida: talvez sexa a masculinización do nome feminino Didaca e que represente o grego didakhē 'doctrina, instrución', ou quizais proceda de raíces ibéricas, dada a gran difusión da voz unicamente na Península. Da forma latinizada deste nome proceden os apelidos Díaz, Díez e Diz, e da forma galega, Diéguez.
Motivación
Dous importantes bispos composteláns medievais levaron este nome. O primeiro foi Diego Páez, que foi bispo de Iria e Compostela de 1071 a 1088. Malia ser designado bispo por Sancho II de Castela, tras ser aprisionado por este o rei García de Galicia, sempre foi sospeitoso de apoiar o lexítimo rei galego. Contra o ano 1075 iniciou as obras da construción da catedral de Santiago, baixo a dirección do mestre Bernaldo; o seu nome aparece nun capitel da capela do Salvador. Acabou por se enfrontar ao rei Afonso VI por asuntos relacionados coa primacía eclesiástica entre Toledo e Santiago, e viuse enleado na rebelión do nobre galego Rodrigo Ovéquiz. Páez foi acusado de traizón e deposto polo rei Afonso, baixo a sospeita de que conspirara para restaurar a independencia do reino de Galicia cunha alianza con Guillerme o Conquistador, rei de Inglaterra.
Diego Xelmírez foi bispo de Santiago de Compostela entre 1101 a 1120, e o seu primeiro arcebispo desde este ano a 1136. É unha das personalidades fundamentais da historia medieval de Galicia: a coñecida como “época de Xelmírez” coincidiu cos reinados de Afonso VI, Orraca I e Afonso VII de Galicia, León e Castela. Potenciou o culto ao Apóstolo e conseguiu para Compostela, a pesar da oposición dos bispos de Braga e de Toledo, a categoría de sé metropolitana en detrimento de Mérida. Cando obtén a dignidade de arcebispo pasan a depender de Santiago os bispados da Guarda, Lamego e Idanha —no actual Portugal— e de Salamanca e Zamora, así como as provincias eclesiásticas de Mérida e Braga. Estes e outros feitos nárranse na Historia Compostellana, ‘Historia Compostelá’, crónica que abrangue de 1100 a 1139 orientada a loar a súa figura e os logros do seu episcopado. Ademais de continuar coas obras da catedral compostelá, Xelmírez interveu activamente na política da época. Entre outras actuacións, de acordo co conde Pedro Fróilaz de Traba, enfrontouse á raíña Orraca e coroou rei de Galicia o fillo desta, o infante Afonso Raimúndez, en 1111. A súa figura segue provocando controversia entre os historiadores, pois o seu empeño en trasladar a sé metropolitana de Braga a Compostela reforzou o poder compostelán pero acelerou a secesión da metade sur do reino de Galicia, o condado Portucalense, futuro reino de Portugal.
Diego Sarmiento de Acuña (1567-1626), gobernador da fortaleza de Baiona e primeiro conde de Gondomar, foi embaixador de Filipe III e Filipe IV de España en Londres entre 1613 e 1622. Defendeu para o reino de Galicia o voto nas cortes de Castela, cousa que logrou en 1622. Nacera en Astorga, pero tiña un fondo sentimento galego: “desexo ser e parecer bo e verdadeiro galego”, dicíalle por carta ao irmán do conde de Lemos, embaixador en Roma. Tamén tiña en grande estima a lingua galega, que utilizaba na súa correspondencia particular, e consérvanse cartas dirixidas a el no mesmo idioma, pois os remitentes sabían que iso lle agradaba.
Chamáronse así
Os pintores Velázquez (1599-1660), español, e Rivera (1886-1957), mexicano.
Diego Antonio Cernadas Castro (1702-1777), coñecido como O cura de Fruíme, sacerdote e escritor en lingua galega.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Diego | |
Catalán | Dídac | |
Didaco | ||
Español | Diego | |
Éuscaro | Didako | |
Diego | ||
Italiano | Diego | |
Portugués | Diogo |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]