Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Afonsa, Afonso
Personaxe histórico
Pronuncia
Afonso:
Variantes
Hipocorísticos
Másculinos Fonso, Fon, Foncho
Femininos Fona
Etimoloxía e historia
Nome formado pola confluencia de varios nomes xermánicos moi próximos: Adefonsus, Ildefonsus, Aldefonsus, se ben en Galicia a forma máis frecuente era a primeira. Teñen en común o segundo elemento, *funs 'disposto, valente’. Este nome era un dos máis comúns en Galicia na Idade Media.
Motivación
Levaron este nome once reis da zona noroccidental da Península Ibérica (reinos de Galicia, León e Castela), cinco da zona nororiental (Navarra e Aragón) e cinco de Portugal.
No que atinxe á zona noroeste, nos séculos VIII e IX, Afonso I, Afonso II o Casto e Afonso III o Grande, por teren a súa corte en Oviedo, foron chamados “reis de Asturias” pola historiografía española, mais para os cronistas musulmáns da época estes monarcas ata o século XII eran “reis dos galegos” ou de “Yilliquiya”, “Jalikiah” ou “Chaliquia”, é dicir, da Gallaecia, que aínda conservaba o extenso territorio herdado da antiga provincia romana. Nos documentos carolinxios, Afonso II aparece como rei de Galicia e Asturias, nesta orde.
Cando no século X a corte real se traslada á cidade de León, os monarcas deste territorio seguen figurando nos documentos como Galletia rex ou Rex Galletiae, entre eles Afonso IV (926-930) e Afonso V (999-1028). A historiografía española introduciría a posteriori un “reino de León”, que non se documenta oficialmente ata moitos anos despois.
Deste xeito, da mesma maneira que en tempos relativamente recentes o idioma galego medieval se deu en chamar convencionalmente “galego-portugués”, hai medievalistas que tamén denominan de maneira convencional “reis ástur-galegos” ou “galaico-asturianos” aos da corte ovetense, e “reis galaico-leoneses” aos da corte leonesa.
Xa no século XII, Afonso VI (1067-1109) recibira dos seus pais o reino de León, pero acabou conquistando tamén os de Castela e Galicia (véxase García). O seu neto Afonso VII, fillo de Raimundo de Borgoña e da infanta Orraca (condes de Galicia), nado en 1105 en Caldas de Reis e criado no mosteiro de Moraime polo conde Pedro Froilaz de Traba, sería primeiro coroado rei de Galicia (ano 1111), pero despois herdaría tamén os reinos de León e Castela á morte da súa nai Orraca I (1126).
Afonso VII o Emperador deixa á súa morte (1157) a Fernando II os reinos de Galicia e León e a Sancho III, o de Castela. O fillo do primeiro será Afonso VIII de Galicia e León (1188-1230) e o do segundo, Afonso VIII de Castela (1158-1214). Ante a coincidencia dos ordinais, a historiografía española acabará dándolle prioridade de maneira arbitraria —pois non eran dun mesmo reino—, ao monarca castelán e converteu en Afonso IX o galaico-leonés. Cómpre salientar que o noso Afonso VIII de Galicia e León foi, xunto co seu pai, un rei que favoreceu moito a Galicia, ás súas vilas e cidades e á súa lingua e cultura; a súa tumba atópase no Panteón Real da catedral de Santiago. Esta arbitraria alteración dos ordinais daría lugar a que cando o neto do anterior monarca herde en 1252 os reinos de Castela, León e Galicia, Afonso o Nono —así adoitaba aparecer nos documentos da época e de séculos posteriores—, pasará a converterse en Afonso X. Este rei pasaría a historia como o Sabio por antonomasia polo seu mecenado cultural e tamén por ser o autor, en lingua galega, das Cantigas de Santa María. A Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas do ano 1980.
Deste xeito, o verdadeiro Afonso X, bisneto do Sabio, acabou converténdose no “Onceno” para a historiografía oficial: Afonso XI de Castela, chamado o Xusticeiro, que reinou de 1312 a 1350. Os dous seguintes con este nome xa serían dous reis de España pertencentes á dinastía borbónica: Afonso XII, que reinou de 1874 a 1885, e Afonso XIII, que reinou de 1902 a 1931.
Chamáronse así
É sabido que ao prócer galego Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (1886-1950) lle impuxera o monárquico crego de Rianxo o primeiro nome porque coincidía o seu nacemento co do futuro rei Afonso XIII. Na casa sempre lle chamarían Daniel, aínda que el acabaría asinando Alfonso R. Castelao, e Alfonso foi tamén o nome do seu único fillo. A Real Academia Galega dedicoulle a Castelao o Día das Letras Galegas de 1964, o segundo da historia.
O músico galego Canuto Berea compuxo unha célebre muiñeira, Alfonsina, dedicada a Afonso XIII e interpretada, entre outros moitos, por Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Alfons | |
Catalán | Alfons | Alfonsa |
Español | Alfonsa | |
Alonso | ||
Alfonso | Alfonsina | |
Éuscaro | Alontso | Alontsa |
Alfontso | Alfontsa | |
Francés | Alphonse | |
Inglés | Alphonsus | |
Italiano | Alfonso | |
Portugués | Afonso |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]