-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Ingresos
Durante a presidencia de Barreiro Fernández ingresaron na Academia dez académicos numerarios e dous de honra. O primeiro deles, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, fíxoo cun ensaio sobre a historia ecolóxica de Galicia (2002). A seguir, Camilo González Suárez-Llanos, Camilo Gonsar, fixo a súa entrada cun discurso Sobre a literatura galega: un achegamento subxectivo (2002) onde considera que a historia das nosas letras está marcada por interrupcións traumáticas: primeiro os séculos escuros e, despois, a guerra civil, coa prohibición do galego.
O poeta Manuel María Fernández Teixeiro, Manuel María, ingresou o 15 de febreiro de 2003, cunha pequena antoloxía dos poetas chairegos: A Terra Chá: poesía e paisaxe. A seguir, foi recibida a filóloga Rosario Álvarez Blanco, cun discurso, Variedade e diversidade da lingua: algunhas reflexións sobre cambio variación e galego estándar (2003), en que reflexiona sobre o cambio lingüístico e a relación desigual do galego e o español.
O escritor e xornalista Víctor F. Freixanes analizou no seu ensaio Desafíos para un novo século: entre a Trabe de Ouro e a Paxariña de Armenteira (2004) os retos da Galicia contemporánea, nomeadamente, os referidos á Sociedade da Información, a comunicación e as novas tecnoloxías. O historiador Ramón Villares Paz analizou a biografía intelectual de Ramón Otero Pedrayo en Fuga e retorno de Adrián Solovio: sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista (2006).
O filólogo e crítico Xosé Luís Axeitos Agrelo revisou a Galicia do exilio a través da figura de Luís Seoane e a súa complexa relación coa Academia, a quen reivindica en A Academia no discurso exílico de Luís Seoane (2004). O dramaturgo Euloxio Rodríguez Ruibal revisa en Do escénico e o fílmico: notas sobre a linguaxe teatral no cinema contemporáneo (2006) as relacións entre teatro, cine e artes plásticas.
A xornalista, escritora e cineasta Margarita Ledo Andión realizou unha interpretación da cultura galega en base ás súas interrupcións e continuidades: Do bucle e da fenda. Para un ensaio crítico sobre a cultura galega (2009). No mesmo ano, o escritor Manuel Rivas reivindica en A boca da literatura. Memoria, ecoloxía, lingua a literatura como espazo de memoria, creación e liberdade.
Baixo a presidencia de Ferrín producíronse os ingresos de Henrique Monteagudo e Xosé Luís Regueira Fernández. O discurso de ingreso de Henrique Monteagudo centrou a súa reflexión na normalización lingüística do galego, abordando a situación de crise que atravesa o idioma e os retos aos que se enfronta no contexto sociolingüístico actual (2012). Xosé Luís Regueira ingresou como académico no mesmo ano cunha exposición sobre a importancia da lingua oral, a relación entre lingua e identidade e a situación do galego.
Xosé Fernández Ferreiro ingresou cun discurso titulado Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas, no que analizou as relacións e diferenzas entre literatura e xornalismo. No seu discurso tamén reflexionou sobre o futuro da novela, que considerou inseparable da propia condición humana, e mostrou a súa preocupación pola crise e o control político e económico dos medios de comunicación.
Neste período a Academia abriu as súas portas a tres académicos de honra: o filólogo italiano Giuseppe Tavani (2004), John Rutherford (2008), profesor e creador do Galician Studies Centre dependente do Queen's College da University of Oxford, e o escritor e investigador uruguaio de orixe galega Carlos Alberto Zubillaga. (2012).


