Académicos e académicas
Ramón Villares Paz
Xermade, Lugo, 1951
Data de ingreso
24/11/2006
A proposta de
Rosario Álvarez Blanco, Francisco Díaz-Fierros e Víctor F. Freixanes
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Víctor F. Freixanes
Cazás (Xermade, Lugo), 1951. Investigador de referencia na historiografía galega, é catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela (USC), institución da que foi reitor (1990-1994) . A súa extensa obra centrouse inicialmente nos estudos agrarios, mais abrangue temas máis amplos, relacionados coa historia contemporánea tanto galega coma peninsular e europea. Foi presidente do Consello da Cultura Galega (2006-2018). Na actualidade coordina a sección de Historia da Real Academia Galega.
A carreira de Ramón Villares está vinculada dende os seus comezos á USC, onde se licenciou en Historia no ano 1973. En 1980 doutorouse cunha tese sobre a evolución da propiedade da terra na provincia de Lugo, dirixida por Antonio Eiras Roel, a cal lle mereceu o premio extraordinario de doutoramento. Sete anos despois, obtivo a cátedra de Historia Contemporánea.
A temática da súa tese, centrada nos estudos agrarios e a loita pola propiedade da terra por parte do campesiñado, constitúe un dos principais eixes do seu labor académico e foi desenvolvida en traballos posteriores como La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936 (1982), Foros, frades e fidalgos (1982) -premio da Crítica Galicia na modalidade de ensaio- e Donos de seu. Estudios de historia agraria de Galicia (1988), así como en numerosos artigos e publicacións. A organización do Simposio Internacional de Historia Rural, celebrado en Santiago de Compostela en 1988, e a súa participación na creación de institucións especializadas, como o Seminario de Historia Agraria, actual Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA) en 1990, de alcance transnacional, son outras mostras do seu esforzo pola promoción dos estudos agrarios.
A emigración e o exilio galegos é outro dos temas recorrentes nas súas investigacións, das que se ocupou en monografías como Historia da emigración galega a América (1996), Emigrante nun país soñado. Luís Seoane entre Galicia e Arxentina (2011) e Galicia. Unha nación entre dous mundos (2019). Entre 2003 e 2018 dirixiu, no seo do Consello da Cultura Galega, o Arquivo da Emigración Galega, iniciativa que reflicte a súa vontade de dotar de corpo institucional a investigación das migracións e o exilio.
As personalidades da cultura e a política galegas conforman outra das pólas da súa vizosa produción científica. En Figuras da nación (1997) recolle un conxunto de doce ensaios sobre a Galicia contemporánea a través de persoeiros como Lois Peña Novo, López Ferreiro ou Castelao. O profesor Villares dirixiu ademais o congreso sobre o intelectual rianxeiro celebrado en Santiago de Compostela no ano 1986, que supuxo un importante salto cualitativo no eido dos estudos sobre o autor de Sempre en Galiza.
Atención especial mereceulle tamén a figura de Ramón Otero Pedrayo, protagonista do seu discurso de ingreso na Academia, Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista, pronunciado en novembro de 2006. Na mesma liña de historiografía política sitúase o libro Identidade e afectos patrios (2017), premio Mondoñedo 10 ao mellor ensaio da década, unha serie de reflexións sobre a formación dunha narrativa de Galicia como nación cultural.
Publicou dous libros sobre institucións galegas, Parlamento de Galicia (1993) e Idea de Universidade (1996); foi comisario das exposicións A forza da palabra. 40 anos de Parlamento de Galicia (2021) e Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos (2023); e participou en obras colectivas de homenaxe a personalidades como Xesús Ferro Couselo, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Marcos Valcárcel, Ramón Suárez Picallo, Xosé Manuel Beiras, Luís Seoane ou Fermín Penzol.
As achegas bibliográficas de Ramón Villares abranguen, ademais, publicacións divulgativas e didácticas. É autor dalgún dos primeiros manuais e textos de historia de Galicia destinada ao público escolar, como Historia de Galiza (1980). O seu libro A Historia (1984), ampliado e reeditado co título Historia de Galicia, foi traducido ao castelán, o portugués e o francés.
Alén do foco galego, impulsou a creación de institucións como a Asociación de Historia Contemporánea, que presidiu entre 1996 e 2002; ou a editorial Marcial Pons, onde dirixiu, canda Josep Fontana, a edición en doce volumes da Historia de España (2009), na que asinou o sétimo, Restauración y dictadura, con Javier Moreno Luzón. É ademais coautor doutros títulos como El mundo contemporáneo. Siglos XIX y XX, escrito con Ángel Bahamonde (2001).
O profesor Villares compaxinou a súa destacada carreira investigadora coa formación de novas xeracións de historiadores. Dirixiu vinte e cinco teses de doutoramento e sete proxectos de investigación, e realizou estadías na Università di Bologna (1989) e na École des Hautes Études en Sciences Sociales (2001), estreitando contactos con outros referentes da historiografía europea. Foi presidente do Panel Internacional de Avaliación das Unidades de investigación en Historia, nomeado pola Fundação da Ciência e da Tecnologia de Portugal (2007-2008), e do Panel de Avaliación de proxectos de investigación das áreas de Historia, Patrimonio e Historia da Ciencia na mesma institución (2009-2011).
Entre 1997 e 2005 foi director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Tamén é membro do consello asesor das revistas Historia Social (Valencia), Ler História, Análise Social (Lisboa) e Ayer, revista de Historia contemporánea (Madrid), e forma ou formou parte dos padroados do Museo do Pobo Galego, da Fundación Luís Seoane, da Fundación Otero Pedrayo, da Fundación Juana de Vega e da Fundaçâo Inês de Castro (Coimbra). Nos anos 2017-2021 foi membro do Conselho Geral de Governo da Universidade do Minho.
Entre outros galardóns, recibiu os premios Fernández Latorre (2005), Puro Cora (2017), da Cultura Galega de Proxección Exterior (2018) e Ramón Otero Pedrayo (2019), e desde 2011 é investigador honorario do Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Lisboa. Foi ademais investido doutor honoris causa polas universidades de Buenos Aires (1992), do Minho (2015) e Rennes 2 (2017). En 2018 foi elixido membro correspondente da Real Academia de Bones Lletres de Barcelona e en 2023, membro correspondente en España da Academia Nacional de Historia, de Buenos Aires.