Académicos e académicas

John Rutherford

John Rutherford

St Albans, Inglaterra, 1941
Data de ingreso
04/10/2008
A proposta de
Xosé Luís Méndez Ferrín, Francisco Fernández Rei e Antón Santamarina
Resposta pronunciada por
Antón Santamarina
Profesor especializado nos estudos galegos e hispánicos e tradutor, en 1991 promoveu a creación do Galician Studies Centre dependente do Queen's College da University of Oxford. Traduciu ao inglés a obra de autores galegos como Castelao e Méndez Ferrín e foi o promotor e coordinador do obradoiro de tradución galego-inglés do Queen's College que trasladou ao inglés a obra de varios autores galegos.

Comezou os seus estudos de español no Wadham College e proseguiunos na etapa de doutoramento no Saint Anthony’s College, ambos os dous vencellados á University of Oxford. En 1968 iniciou a súa carreira como profesor de lingua e literatura española no Queen’s College -onde desenvolvería toda a súa carreira docente-, mentres remataba na mesma institución a súa tese, titulada Mexican Society during the Revolution: A Literary Approach, baixo a supervisión dos prestixiosos hispanistas Peter Russell e Raymond Carr.

Vinculado a Galicia desde moi novo, en 1991 fundou o Centro de Estudos Galegos, Galician Studies Centre da University of Oxford, a primeira entidade internacional especializada na investigación da nosa lingua e literatura. Polas súas aulas pasaron, ademais de numerosos alumnos interesados na cultura galega, lectores como Benigno Fernández Salgado, Xelís de Toro ou María Liñeira.

O Centro de Estudos Galegos desenvolveu, así mesmo, unha intensa actividade tradutora de textos de autores galegos ao inglés a través do Obradoiro de Tradución Galego-Inglés do Queen's College, que botou a andar en 1992 e do que saíron libros como Them and Other Stories (1996), unha colectánea de contos de Xosé Luís Méndez Ferrín, na que participaron Benigno Fernández Salgado e Xelís de Toro ademais do propio Rutherford; ou Cousas, Things (2001) de Castelao. A miscelánea de relatos curtos From the Beginning of the Sea: Anthology of Contemporary Galician Short Stories (2008), outro volume saído deste proxecto, recolle textos de Marilar Aleixandre, Manuel Rivas, Xurxo Borrazás, Uxía Casal, Luísa Castro, Cid Cabido, Marina Mayoral, Miguel-Anxo Murado, Gonzalo Navaza, Xavier Queipo, Suso de Toro e Xelís de Toro.

Desde o ano 2013, o Centro de Estudos Galegos de Oxford pasou a se chamar John Rutherford Centre for Galician Studies en homenaxe ao seu fundador, quen se implicou tamén activamente na Asociación Internacional de Estudos Galegos: en 1991 ocupou a súa vicepresidencia e de 1994 a 1997 foi o seu presidente.

Alén do ámbito da tradución, Rutherford estudou tamén aspectos da obra de Álvaro Cunqueiro, como a súa relación coa literatura anglófona ou a xénese galega do pícaro castelán. Como narrador publicou a novela As frechas de ouro (2004), un percorrido ficcionado polo Camiño de Santiago que constitúe unha confesión da súa relación sentimental con Galicia, iniciada durante verán de 1959 en Ribadeo.

No ámbito dos estudos hispánicos, ademais do seu traballo como profesor e investigador, salientan as súas traducións de dous clásicos de gran dificultade técnica: La Regenta (1984) e O Quixote (2001), ambos publicados por Penguin Classics. Outras áreas de interese do académico de honra son a novela picaresca e o emprego do humor nos clásicos da literatura española, como La Celestina ou o Poema de Mío Cid.

Desde a súa primeira viaxe a Galicia, o académico de honra mantén unha estreita relación de Ribadeo. Foi animador das Xornadas Mar por medio, que se celebran desde 1992 na vila mariñá, que o declarou fillo predilecto no ano 2012. Outros recoñecementos recibidos polo galicianista inglés son a Medalla Castelao (1998), o Premio Trasalba (2007) e os títulos de doutor honoris causa pola Universidade da Coruña (2012) e a Universidá d'Uviéu (2014). O 4 de outubro de 2008 ingresou como académico de honra na Real Academia Galega cun discurso titulado O fermoso sorriso do profeta Daniel, que foi respondido en nome da institución por Antón Santamarina.