Letras Galegas 2026

Begoña Caamaño. Definitivamente utópica, radicalmente vital

Por Ana Romaní

“E se o que conta Homero non foi verdade?”

As preguntas impulsan o proxecto literario de Begoña Caamaño, enfían unha traxectoria tecida de xenerosas complicidades e implicacións colectivas. Definitivamente utópica, radicalmente vital. Atenta lectora da realidade, audaz nas súas formulacións, vibrante no debate, sutil e delicada nas relacións persoais, a súa é unha biografía movida por unha magnética paixón vital de lúcida intelixencia e entregada determinación.

Da pregunta da xornalista emerxe a narradora e a escolla da ficción como exploración do horizonte do posíbel. Comeza así a revisión literaria dos mitos no desexo de interpelar o seu tempo, o noso tempo. Literatura e xornalismo son, na autora, instrumentos para o coñecemento, outra forma de reflexión e acción, desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a complicidade da maxia e dos soños.

1/33

“Por que leo?”

A maxia e os soños aduban o territorio da infancia. Na de Begoña Caamaño unha nai le en voz alta ao pé da cama e dúas nenas adormecen entre as historias que a súa imaxinación recrea. A nai é Carmen Rascado Rodríguez, as nenas son Begoña e Beatriz. Viven, xunto co pai Roberto Caamaño Cabanas e os irmáns Roberto e Javier, no primeiro andar da casa da súa avoa, no Calvario, en Vigo. Na mesma casa onde Begoña, a segunda dos catro irmáns, nacera o 14 de outubro de 1964.

E por que leo?

Leo porque tiven a sorte de descubrir a maxia dende pequena. Porque tiven un avó que se inventaba historias. Porque tiven unha nai que cada noite sentaba aos pés da miña cama e me lía poesías.

Begoña Caamaño foi unha lectora moi precoz dos clásicos, tamén de Los cinco, Los tres mosqueteros, Oliver Twist... Xermola así a paixón que acompañará toda a súa vida e explicará a actividade da xornalista e da escritora, a lectura: “Escribo porque leo”.

O Calvario era un espazo máxico para unha infancia de imaxinación desbordante. Un pilón e un pozo ocupaban o espazo central dun patio que comunicaba as casas familiares da bisavoa e das súas fillas. Unha delas, a avoa Carmiña, será unha figura fundamental na vida da escritora. Acompañará a infancia e a puberdade despois, en Coia, cando a familia se vexa obrigada a se trasladar ao novo barrio vigués trala derruba da finca familiar por mor do novo plan urbanístico.

A vida ao aire libre debuxa unha nenez de xogos no patio, nas hortas próximas, nas fincas da contorna. As roupas ao clareo iluminan a fantasía e a nena Begoña Caamaño crea e recrea contos aos que dá vida coa complicidade da cativada do barrio. Acaso procure nas súas historias inventadas as protagonistas que non atopa nos libros.

Tiven a sorte de ler a Homero de bastante pequecha, nesa idade na que aínda buscas nos libros un referente co que te identificar e que che faga vivir a historia en primeira persoa. E na Odisea non o tiña. Claro, o normal é que fose Ulises ou Odiseo, pero xa daquela debía ter eu un mal costume que co tempo deveu en vicio, obsesión ou, cando menos, hábito moi pernicioso: necesitaba identificarme con raparigas. E, a poder ser, com raparigas um bocadinho rebeldes.

A “rapariga rebelde” convértese en activa adolescente que reclama espazos e dereitos nas mobilizacións estudantís.

Pases pro bus

A cidade de Vigo medra absorbendo os barrios e parroquias periféricas. O traslado a Coia a mediados dos anos 70 marca unha inflexión na biografía da futura escritora. É un polígono de nova construción, representativo do desarrollismo da época, tamén da conflitividade que a expansión (expropiacións incluídas) xera. A campaña “A Bouza é nosa” defendía as zonas verdes e a calidade da vida do novo barrio. Un grupo de frades dominicos, aliñado coa Teoloxía da Liberación, dinamiza o asociacionismo local, promovendo iniciativas para a mocidade nas que a adolescente Begoña Caamaño participa: grupos de debate, excursións, acampadas... Rematados os estudos de EXB no Colexio Amor de Dios, cursa bacharelato no Instituto Coia 2 (agora Alexandre Bóveda), un dos centros máis activos nas mobilizacións que reclamaban descontos no transporte público. Begoña Caamaño cursaba 3º de BUP cando os “Pases pro bus” deron nome a unha das protestas estudantís de maior repercusión na cidade.

A reivindicación de dereitos e a mobilización por causas xustas acabará por conformar un dos trazos significativos da escritora que manterá durante toda a súa vida un constante debate sobre a xustiza, a ética, os dereitos, as opresións...

Un feminismo adolescente empezaba a sentir a necesidade de deconstruir modelos e arquetipos. Foi entón cando comezou a miña cabeza a remoer a idea de revisar aquelas lecturas dos últimos anos de infancia.

Para iso aínda mediarían moitas outras lecturas e preguntas. As da xornalista que escolle a radio despois de rematar estudos de Maxisterio na Escola Universitaria.

“É un pracer ser entrevistado por unha xove tan guapa e encantadora”

A discriminación das mulleres no ámbito laboral, na radio, centra un dos seus primeiros artigos. É o ano 1990 e escribe:

Os homes seguen sendo os depositarios da profesionalidade e da intelixencia, para eles é o recoñecemento da valía e da súa capacidade, pola contra as mulleres seguen a ser bonecas, calquera parte da súa anatomía é máis digna de louvanzas que o seu cerebro.

Begoña Caamaño atopara no xornalismo radiofónico o seu lugar. Despois de rematar estudos de Maxisterio ten noticia dunhas probas en Radio Noroeste e preséntase. Xa non deixará a radio. En novembro de 1986 incorpórase á redacción de Radio Popular e dous anos máis tarde á delegación da Radio Galega en Vigo. Traballa nos servizos informativos, cobre rodas de prensa, fai crónicas, entrevistas, elabora información, fai seguimento da actualidade, das mobilizacións da frota pesqueira do Banco Canario-Sahariano, as folgas de Álvarez, as grandes manifestacións do naval. A cidade despregábase nun combativo movemento obreiro que a xornalista segue a pé de rúa, son as profesionais que traballan a noticia, unha escola (in)formativa que impregnou o seu estilo. O xornalismo radiofónico demanda o seu propio ritmo: a inmediatez, a proximidade, a resonancia da voz e o son das rúas. Begoña Caamaño formouse nese son e nun labor no que se cultivaban as fontes, se contrastaban as noticias, se traducía o discurso, se respectaba a audiencia.

As que cubrían a información das mobilizacións que marcaron os anos 80 daquel Vigo convulso da reconversión naval eran xornalistas novas que coincidían nas rodas de prensa, nos peches e nas asembleas. Unidas por vínculos de complicidade e compañeirismo, compartían fontes, recursos, axudábanse. Esa xeración de xornalistas novas que entrevistaban, informaban e coñecían os líderes e representantes dun loitador sindicalismo obreiro, racharon estereotipos sobre as relacións entre dous mundos aparentemente tan distantes. Xornalista apaixonada, Begoña Caamaño forma parte das profesionais que nos anos 80 e 90 entraron nas redaccións e tentaron ampliar formas, enfoques e diccións dun oficio que precisaba observar e informar da realidade na súa amplitude.

A información ocupará toda a súa vida laboral, na radio mais tamén en xornais e publicacións. A relevancia dos datos, o coidado na precisión da expresión, a consciencia da responsabilidade social distinguen a súa voz. “Esa xove tan guapa e encantadora” sabía de política internacional, de laboral, tiña un amplo coñecemento de historia contemporánea, das mobilizacións sociais, das loitas obreiras, dos movementos de liberación, das dinámicas da economía mundial. Unha xornalista atenta ao mundo... e incesante viaxeira.

“Ler o mundo”

“Cando regreso dunha viaxe son outra persoa: alguén máis sabia e máis humilde.”

As viaxes conforman outra lectura do mundo, nutren como vasos comunicantes a xornalista e a escritora. Son viaxes de descuberta como a Cabo Verde, viaxes profesionais que estende en vínculos de amizades como as que realiza a Cuba, viaxes que implican experiencias límite como a Senegal, desprazamentos que configuran períodos de formación e encontro como a Nicaragua. Chiapas, Arxentina, Honduras, Uruguai, Italia, Holanda...viaxar é unha forma de coñecemento, tamén de construción do pensamento, celebración da diversidade, recoñecemento dos saberes humanos e das propias contradicións:

Viaxar é ler o mundo sen intermediarios; sendo a protagonista da lectura. Viaxar é ler o país, a xente, os sabores, os aromas e as cores dos lugares que visito e, ao tempo, ser consciente de como todos eles inciden en min, como o meu pensamento muda ao me enfrontar, non a través das páxinas do libro, senón en vivo e en directo a outras realidades.

As viaxes serán o substrato dun dos seus últimos proxectos radiofónicos e de moitos dos seus artigos, alentan o seu xornalismo crítico e transformador. Era unha profesional situada na tensión entre a realidade, a súa comprensión, e o afán por transformala.

“Unha radio para un país”

Na fotografía, entre as persoas que pasan, asoma a cabeza de Begoña Caamaño sorrindo. Está con outros compañeiros ás portas do Parlamento de Galicia. Detrás, nunha pancarta, pode lerse “Manipulación Nunca Máis. Comités TVG-RG”.

A maior parte da vida laboral da xornalista está vinculada á Radio Galega, desde 1988 a 2012. Despois de catro anos na delegación de Vigo trasládase a Compostela onde desenvolverá o resto da súa actividade profesional. Foi unha activa traballadora dos medios públicos galegos, que defendeu con constancia como piares basilares para o futuro da lingua e do país: "Eran tempos en que criamos que estabamos a construír unha radio para un país".

Desenvolveu un intenso traballo sindical, intervén nas mobilizacións contra a manipulación informativa. Presidiu o Comité Interempresas entre 2000 e 2003:

A sociedade tem que tomar o control dos meios públicos se nom quer estar permanentemente manipulada (...) há que mudar as leis e implicar-se activamente na construçom dum modelo público de meios de comunicaçom que nos faga máis sábi@s e máis livres.

Rigorosa e esixente, consideraba que os medios públicos deben proporcionar á cidadanía información e contidos precisos para poder decidir con liberdade e responsabilidade. Defendía unha información de calidade e condicións laborais xustas fronte á utilización partidaria, a manipulación informativa e a que consideraba usurpación dun ben social polo poder político.

Convencida da función de servizo público do periodismo, tanto nos medios públicos coma nos privados, alertou sobre o efecto dos medios de comunicación de masas, o borrado das cousas importantes co que operan sometidos a outras axendas e intereses. A súa posición ilumina, no balbordo do actual territorio mediático, a urxencia por reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía.

“A quen pertence o corpo das mulleres?”

Leo porque quero cambiar o mundo, leo porque necesito facer habitable o meu mundo.

Begoña Caamaño foi unha decidida axente de movementos e organizacións, formou parte de Mulheres Nacionalistas Galegas, implicouse na Marcha Mundial das Mulleres, colaborou en publicacións como Festa da Palabra Silenciada, Deliberadamente, A Nosa Terra, ou Tempos Novos, formou parte do consello de redacción da revista antimilitarista Ar!, participou na constitución da Asociación Mulleres Galegas na Comunicación, impartiu conferencias, participou en xornadas, mesas, coloquios, subscribiu e redactou manifestos... Son moitas as súas intervencións en manifestacións e accións: o antimilitarismo, a insubmisión, contra a violencia de xénero, a favor do aborto, na defensa da sanidade e o ensino público, contra a xestión e consecuencias do Prestige, contra o decreto do plurilingüismo...

Na Compostela dos 90 intégrase no movemento asociativo da cidade, inscríbese no tecido sociopolítico e cultural que formula outras praxes políticas para outro futuro: “Creo que todo pobo, toda nación ten dereito a se reivindicar a si propia e a esixir o seu recoñecemento”, afirma. Anos despois participará como relatora nas Jornadas Independentistas Galegas e en 2008 na xénese da plataforma Causa Galiza. Comprométese na defensa da soberanía e a liberdade dos pobos, con sólidas conviccións mobilízase na crítica da inxustiza social, as opresións, o poder e os seus abusos, as desigualdades e os privilexios. Unha das súas últimas accións foi na plataforma Avante Galiza da campaña do BNG.

O feminismo vertebra o seu pensamento e a súa biografía. Fai del instrumento central do seu traballo intelectual. Trátase de promover cambios profundos, non só estruturais tamén conceptuais: “É o momento non de cambiar as regras senón de cambiar de xogo”.

Participa nos debates que foron construíndo o pensamento e a axenda feminista. Artigos como “Triste é o cantar que cantamos” sobre a violencia estrutural do patricardo: “Somos feministas e acreditamos portanto noutro jeito de fazer as cousas, noutra forma de contruçom social”; a política de cotas que cuestiona en “Mulleres na política”: “Temos pois que superar o discurso da paridade no poder para reclamar a destruiçom desse poder que nos afoga”; as políticas natalistas en “Ter fillos para isto”; “O non das loiras” sobre a integración en Europa ou “Que (non) me rexistren” sobre as parellas de feito e o matrimonio, afondan na reflexión pública da feminista. En 2012 nun dos seus últimos artigos, “Aborto: unha cuestión de soberanía”, interrógase:

...non queremos discutir sobre semanas ou circunstancias, falamos dalgo moito máis básico e vital: o recoñecemento do noso dereito intrínseco a decidir sobre nós mesmas, o dereito a ser donas de nós, soberanas únicas dos nosos corpos. Poñemos sobre a mesa a raíz da cuestión e preguntamos: a quen pertence o corpo das mulleres?

“A utopía que nos fai avanzar”

“O feminismo é a utopía que nos fai avanzar. E para avanzar milleiros de mulleres de todo o mundo realizan nestes días unha marcha, a Marcha Mundial das Mulleres cun lema común: 2000 boas razóns para marchar”.

Así comezaba a Festa do Feminismo Galego que se celebraba en Compostela en marzo do ano 2000. Unha convocatoria unitaria que se sumaba ao lema co que a Marcha Mundial das Mulleres despregaba no cambio de milenio as súas reivindicacións. O movemento internacional organizábase en Coordinadoras Nacionais en máis de 60 países. A Coordinadora Nacional Galega aglutinará os distintos colectivos e asociacións feministas neses anos. Begoña Caamaño participa con entusiasmo, comprométese organizativamente e será unha peza fundamental para as relacións internacionais. En outubro de 2000 viaxa a Bruxelas formando parte da ampla presenza galega que acode á convocatoria da MMM. En setembro de 2001 asiste como representante da Coordinadora Nacional ao Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres en Montreal e en xaneiro de 2001 ao Foro Social de Porto Alegre onde a Marcha reivindicará o feminismo no movemento antiglobalización. Dedicará ao tema conferencias e artigos:

“Ninguem como nós sabe o que é a espoliaçom absoluta. Nom ser dona do teu corpo nem dona da terra, nem dona do país. Ninguém como nós sabe a crueldade das leis do mercado, ninguém como nós sabe o que é ser mercadoría”

O asociacionismo impregnou a actividade feminista de Begoña Caamaño que explorará tamén a posibilidade dun Sindicato de Mulleres e participará nas accións da Rede Feminista creada en 2009.

Formada nun feminismo irreverente, ousado e solidario, era unha perspicaz lectora da situación, da trama que engasta discursos, comportamentos e imaxinarios. Enténdeo desde a reelaboración constante dun movemento que non para, desde as minúsculas accións das vidas que moven os marcos e mudan a sociedade. O seu é un feminismo liberador, asomado ás contradicións e urxido a se situar no mundo. A alegría, o gozo, a risa, a felicidade son discurso político: “É o tempo do feminismo, é dicir, da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade, e por que non? da felicidade”. Enfía transgresión e humor facendo uso de imaxinativos recursos na desmontaxe de crenzas, lugares comúns e prexuízos. Lectora atenta das filósofas e teóricas feministas, participa nos debates da época e no compromiso colectivo para a elaboración doutras formas no discurso político, co feminismo como medio e método: “Unha cosmovisión, un xeito de entender o mundo”.

“O mundo na súa inmensa e marabillosa diversidade”

Así despedía nos domingos do verán de 2010 Andando a Terra, un dos seus últimos proxectos radiofónicos, posibelmente o máis querido. A sintonía, unha canción de Guadi Galego, abría dúas horas de radio nas que Begoña Caamaño nos levaba polas culturas e países do mundo, de Angola a China, de Albania a Bolivia, Acerbaixán, Australia, Bulgaria... Afastado dos contidos divulgativos convencionais, o espazo procuraba un coñecemento en profundidade da amplitude e diversidade das culturas do mundo, acentuando o que hai de excepcional en cada unha e atendendo á complexidade da súa conformación. Unha minuciosa documentación sustentaba o programa cun deseño radiofónico dinámico, buscando sempre os protagonistas nos países de orixe, as referencias culturais, a xeografía e a historia, os detalles das vidas cotiás, as condicións materiais, a perspectiva de xénero e un relato afastado de tópicos. De emisión semanal, Andando a Terra mostraba o rigor e a esixencia dun proxecto que Begoña Caamaño perfilou con entusiasmo.

Vinculada a maior parte da traxectoria profesional aos informativos, nos últimos anos da súa vida laboral decide incorporarse a programas. Intégrase no equipo do Diario Cultural entre 2001 e 2003 e novamente de 2008 e 2010. No verán dese mesmo ano desenvolve os seus propios proxectos, ademais de Andando a Terra, os programas Club Cultura e Expreso de Medianoite. É o período do xornalismo cultural radiofónico de Begoña Caamaño no que conflúen a rigorosidade e calidade estilística da redactora, a profundidade e amplitude de coñecementos da lectora, a sensibilidade e esixencia da novelista. Curiosidade e vontade de saber mobilizan un pensar en movemento, non para a compracencia senón para o debate. A dúbida como procedemento e a paixón como superación de calquera abandono á inercia intelectual. Reivindicou o xornalismo como coñecemento, a cultura é “unha forma de estar no mundo e de querer comprender todo aquilo que nos rodea e, xa que logo, a antítese da indiferenza” e advertiu “A falta de coñecemento leva á alienación, á falta de liberdade”.

E acaso das preguntas da xornalista e dos condicionantes da información abrolle a narradora. Explicou que na xénese de Circe ou o pracer do azul está unha pregunta: “E se o que conta Homero non foi verdade?”

Se escribir foi sempre o seu oficio e ese oficio demandaba unha escritura clara, breve, concisa, agora quería saber se era quen de escribir nunha linguaxe diferente, “xogar co idioma”.

“Entón, por que escribo? Porque sentín a necesidade de me ler a min mesma”

Na biblioteca da rúa Casas Reais en Compostela bosquexa os primeiros apuntamentos de Circe ou o pracer do azul. Había apenas un ano que chegara de Euskadi, de Bergara, onde residira co seu compañeiro Joxe Mari Etxaniz. Estabelécense no barrio de San Pedro, e entre Belvís e Ánimas Begoña Caamaño Rascado escribe, de xeito “case compulsivo”, a súa revisión de Homero sen desmentir a narración de Homero.

Cando publica en 2009 a súa primeira novela ten 45 anos. A experiencia vital e a formación intelectual avalan o desexo de escritura que prende, inesperado mais consciente e decidido, e se inscribe nunha biografía atenta aos sons do mundo, despregada na paixón analítica e na viva tensión coa historia. Circe ou o pracer co azul explora nos ocos da mitoloxía á procura doutras verdades en diálogo coa tradición clásica mais tamén coas reescrituras que mobilizan a historia literaria a partir do século XX. Consciente dunha xenealoxía por reinterpretar, Begoña Caamaño inscríbese nese diálogo colectivo que é o obxecto literario, ao que vai achegar unha reformulación contemporánea da materia clásica coa Odisea no centro. Penélope tece o seu desexo de liberdade que vai afirmándose ao longo da novela ao ritmo da relación epistolar con Circe quen, ao tempo, vela por un espazo de liberdade para as mulleres e pola experiencia única do amor. É unha novela da amizade, dos amores, tamén sobre o poder, os desexos e a esperanza, a posibilidade do cambio. A dimensión política está sempre na lectura da realidade de Begoña Caamaño, tanto no xornalismo como na ficción, as estratexias da acción política para mudar a vida das persoas, o mundo.

Talvez na evocación que fai de Eea, a illa de autonomía e sosego que Circe cultiva na novela, resoe a experiencia vital da escritora nadando na Comboa, na Arousa, ou quizais se proxecte nos caios de Chichiriviche e na súa casa azul, ou no territorio mítico de Ávalon, onde Viviana soña aínda a posibilidade doutro mundo: “Unha república celta sen caudillos nin vasalos, un estado perfecto de homes e mulleres libres, instruídos e calmos”

“Hai algo máis atroz que un tirano que dorme coa conciencia tranquila?”

Se en Circe ou o pracer do azul o relato da sororidade emerxe na revisión dos mitos, que é a do canon subvertido á luz dunhas figuras femininas con voz que se subtraen á historia, en Morgana en Esmelle propón unha reflexión contemporánea sobre o poder e a ética. A revisión da Materia de Bretaña propicia unha lectura sobre os procesos de transformación social e as tensións e estratexias da acción política e o goberno.

Coa súa segunda novela inscríbese no rico e intenso caudal literario desa tradición europea e en diálogo coas reescrituras desde a literatura galega como a de Álvaro Cunqueiro, un dos fíos que engasta a obra ao amecer o ciclo artúrico coa recreación do mindoniense e dar voz a Felipe de Amancia. A revisión propicia novas lecturas dunha materia de longa tradición. A ciencia, a relixión como estratexia, o coñecemento e a súa utilización por parte dunha elite enfían algúns dos focos da novela mais tamén a responsabilidade das accións e as súas consecuencias, as motivacións últimas, os medios e os fins, a razón e a paixón e a culpa. Enfronta dous modelos da acción política e dúas concepcións antagónicas do poder: a pragmática-posibilista de Merlín, a utópica de Viviana:

A batalla que eu libro vai máis aló da loita polo control dun territorio. Trátase de escoller entre monarquía ou república, relixión ou ciencia, superstición ou razón, liberdade ou medo.

Morgana en Esmelle é unha novela contra a impunidade que resoa con especial intensidade hoxe: “Quixen formular un debate contemporáneo. Sobre que modelo de sociedade queremos”.

“Un idioma é algo precioso, único, o froito de séculos de traballo, cultura, discusións e consenso”

Un dos trazos que singulariza a narrativa de Begoña Caamaño é o tratamento do idioma, a construción dun rexistro que crea e recrea un modelo de lingua en Morgana en Esmelle ou as formas do aedo en Circe ou o pracer do azul. Rompe e amplía nese “xogo co idioma” o previsible da dicción. Os modelos de lingua na súa narrativa e as opcións e escollas lingüísticas que reflicten artigos e conferencias evidencian a posición central que o idioma ten no seu pensamento e na súa biografía, atenta e con intensas conexións con Portugal, Brasil e a lusofonía.

O fundamental da cuestión do idioma é que, para alén doutras consideracións, nos interpela directamente sobre a nosa vontade de ser ou non un pobo.

“A vida foi tan boa comigo”

A publicación de Morgana en Esmelle en 2012 coincide co diagnóstico do cancro que acabará coa súa vida. No seu arquivo figura documentación para os proxectos literarios que preparaba, o relato a partir da figura da súa bisavoa e unha novela arredor da figura de Sherezade que con Circe e Morgana culminaría a triloxía sobre os mitos.

A lectora atenta, a feminista que soña outro futuro, a xornalista rigorosa, a activista a reformular outro escenario de vida máis xusta, máis digna, máis libre están no substrato das súas novelas, reescritas dun pasado para este presente e para outro futuro. A literatura en Begoña Caamaño é outra forma de coñecemento, de liberdade, de reflexión e acción. É parte do seu proxecto, desa luminosa configuración da existencia sempre observando a construción dun mundo mellor desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a xenerosa complicidade dos afectos.

Queremos ser cidadáns, comportarnos como persoas maduras e responsables dos nosos actos, ou simplemente deixar que nos leven pola man? Que é o que entendemos por democracia? Só pan e circo?

Unha literatura para a ética, para o movemento, para nos dar ás e instrumentos para o pensamento crítico e para a liberdade.

O Alalá das Mariñas resoa no mediodía do 27 de outubro de 2014. Begoña Caamaño Rascado falece “nun sorriso único, cálido, amable coma o sol nun día de xuño”. Acababa de cumprir 50 anos.

Ana Romaní
Académica numeraria
Xaneiro 2026