Académicos e académicas

Henrique Monteagudo

Henrique Monteagudo

Muros, A Coruña, 1959
Data de ingreso
25/02/2012
A proposta de
Xosé Luís Axeitos, Darío Xohán Cabana e Antón Santamarina
Resposta pronunciada por
Rosario Álvarez Blanco
Exerce o cargo de
Presidente (04/04/2025 - Actualidade)
Vicesecretario (24/04/2021 - 14/03/2025)
Secretario (24/04/2013 - 26/03/2021)
Anteriormente neste cargo:
Presidente/aVíctor Fernández Freixanes (24/04/2021 - 14/03/2025)Víctor Fernández Freixanes (28/03/2017 - 26/03/2021)Xesús Alonso Montero (20/04/2013 - 17/03/2017)Xosé Luís Méndez Ferrín (23/01/2010 - 13/03/2013)Xosé Ramón Barreiro Fernández (17/12/2005 - 18/12/2009)Xosé Ramón Barreiro Fernández (20/12/2001 - 16/11/2005)Francisco Fernández del Riego (29/11/1997 - 29/11/2001)Domingo García-Sabell Rivas (06/11/1977 - 29/06/1997)Sebastián Martínez-Risco y Macías (09/10/1960 - 24/09/1977)Manuel Casás Fernández (15/10/1944 - 30/07/1960)Eladio Rodríguez González (19/06/1944 - 15/10/1944)Manuel Casás Fernández (13/12/1942 - 19/06/1944)Manuel Lugrís Freire (28/05/1934 - 20/08/1935)Eladio Rodríguez González (20/11/1926 - 04/03/1934)Francisco Ponte y Blanco (31/03/1924 - 22/07/1926)Andrés Martínez Salazar (12/05/1923 - 06/10/1923)Manuel Martínez Murguía (04/09/1905 - 02/02/1923) Secretario/aXosé Luís Axeitos Agrelo (23/01/2010 - 13/03/2013)Manuel González González (20/12/2001 - 16/12/2009)Constantino García González (29/11/1997 - 29/11/2001)Marino Dónega Rozas (20/03/1983 - 29/11/1997)Francisco Vales Villamarín (17/04/1949 - 25/08/1982)Alejandro Barreiro Noya (15/10/1944 - 22/11/1948)Ramón de Artaza Malvárez (19/06/1944 - 15/10/1944)Alejandro Barreiro Noya (13/12/1942 - 19/06/1944)Alejandro Barreiro Noya (12/09/1937 - 13/12/1942)Fernando Martínez Morás (18/01/1927 - 11/09/1937)Eladio Rodríguez González (27/01/1920 - 20/11/1926)Uxío Carré Aldao (20/11/1909 - 02/08/1919)Salvador Golpe Varela (01/12/1906 - 23/06/1909)Uxío Carré Aldao (04/09/1905 - 20/11/1906) Vicesecretario/aAndrés Torres Queiruga (20/04/2013 - 26/03/2021)Francisco Fernández Rei (23/01/2010 - 20/04/2013)Salvador García-Bodaño Zunzunegui (17/12/2005 - 18/12/2009)Salvador García-Bodaño Zunzunegui (20/12/2001 - 16/11/2005)Luz Pozo Garza (29/11/1997 - 19/11/2001)

Catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigador especializado na sociolingüística, a historia da lingua e os procesos de normalización lingüística, así como no estudo e a edición da obra de autores como Martín Sarmiento e Castelao. É membro do comité científico do Instituto da Lingua Galega (ILG), director de Grial. Revista Galega de Cultura e forma parte do consello científico da editorial Parábola (São Paulo) e do consello editorial de revistas como Journal of Iberian Medieval Studies, Treballs de Sociolinguistica Catalana ou LaborHistórico. Foi secretario do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega (2013-2021). Na actualidade ocupa o posto de vicesecretario, ademais de coordinar o Seminario de Sociolingüística da institución.

Licenciouse en Filoloxía Hispánica (Galego-Portugués) na USC e doutorouse na mesma institución coa tese Ideas e debates sobre a lingua (1916-1936). Afonso D. R. Castelao e a tradición galeguista, dirixida por Antón Santamarina. Neste traballo, distinguido co premio extraordinario de doutoramento, estudou a loita do galeguismo pola normalización social do galego e os debates ao seu redor, profundando no establecemento dunha norma para a escrita e prestándolle especial atención ao ideario lingüístico de Castelao.

Membro do ILG desde 1981, foi primeiro profesor de Filoloxía Románica da USC (1982-1995) e desde 1995 é profesor de Filoloxía Galega, departamento do que foi primeiro secretario. Como docente coordinou ademais o Programa Oficial Interuniversitario de Posgrao “Máster en Política Lingüística e Normalización en Galicia”, das tres universidades galegas. Foi investigador colaborador do Centro de Linguística Geral e Aplicada da Universidade de Coimbra, profesor lector na universidade de Birmingham (Reino Unido) e profesor convidado nas universidades de Nova York (CUNY), California (UCSB), Lisboa (UL), Buenos Aires (UB), São Paulo (USP), Montevideo (Universidad de la República), Federal Fluminense (UFF, Rio de Janeiro) e do Estado de Bahia (UNEB).

O seu traballo como lingüista conta con contribucións como Gramática galega (1986), en colaboración con Rosario Álvarez Blanco e Xosé Luís Regueira, e o Dicionario normativo galego-castelán (1988), con Ana Isabel Boullón e Xermán García. Tamén son de relevancia os seus estudos sobre a gramática histórica do galego e do portugués, ámbito en que se sitúa o volume Galego e português brasileiro: história, variação e mudança (2012), que coeditou xunto a Xoán Lagares.

Entre as súas monografías salienta pola súa importancia Historia social da lingua galega (1º ed. 1999, 3ª ed. 2024). Merecente do premio Losada Diéguez de investigación, nesta obra trazou unha visión panorámica da historia da lingua galega desde a antigüidade ao primeiro terzo do século XX. Destaca igualmente O idioma galego baixo o franquismo: da resistencia á normalización (2021), onde historiou a situación da lingua durante a ditadura.

A sociolingüística aplicada ao caso galego é unha das áreas de estudo predilectas na produción científica de Henrique Monteagudo. Entre os seus estudos sobre a situación social da lingua nos nosos días, cómpre sinalar O proceso de normalización do galego 1980-2000 (4 vols., 2002-2008), que dirixiu xunto a Xan Bouzada; e O idioma galego na sociedade: evolución sociolingüística 1992-2008 (2011), título tamén dirixido por el que debuxa unha radiografía da evolución do uso do galego no cambio de século. Nun sentido semellante, e con datos fornecidos polo Instituto Galego de Estatística, atópase Lingua e sociedade en Galicia: a evolución sociolingüística 1992-2013 (2016), unha análise realizada canda Xaquín Loredo e Martín Vázquez. En 2024 elaborou con Xaquín Loredo e Gabino S. Vázquez-Grandío, o Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023, aprobado polo pleno da Real Academia Galega.

No Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021), realizado canda os xa citados Loredo e Vázquez-Grandío, e mais Lidia Gómez Martínez, analiza a perda progresiva de falantes do galego ao longo do proceso educativo no alumnado dos centros de ensino público deste concello da área periurbana de Santiago de Compostela. Esta obra tivo continuidade con Prácticas lingüísticas na infancia: A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización (2021), realizada en colaboración con X. Loredo, G. Vázquez-Grandío e Anik Nandi; e Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames (2021), elaborada con Bieito Silva, María López-Sández, Loredo e Vázquez-Grandío.

Henrique Monteagudo ten unha presenza activa nos debates públicos sobre a normalización lingüística, con frecuentes intervencións nos medios de comunicación, conferencias e mesas redondas. Sobre este tema centrou o seu propio discurso de ingreso na Academia, Facer país co idioma: sentido da normalización lingüística, respondido por Rosario Álvarez Blanco (2012). Con anterioridade publicou, en colaboración con Socorro García Conde, Héctor López Ruíz de Castro e Xaime Subiela, A normalización lingüística a debate (2002), un balance da situación social da lingua aos vinte anos da aprobación da Lei de normalización lingüística; e As razóns do galego: apelo á cidadanía (2009), que recolle artigos de carácter divulgativo ao redor da situación e dos debates sociais sobre o idioma e o seu futuro. Así mesmo, coordinou o volume Linguas, sociedade e política: un debate multidisciplinar (2012), unha escolma de ensaios sobre política lingüística en Galicia e no Estado español.

No que atinxe ás dinámicas das linguas en contacto, editou, con Eva Gugenberger e Gabriel Rei Doval, Contacto de linguas, hibrididade, cambio contextos, procesos e consecuencias (2013) –obra na que distintos autores analizan o impacto que ten no galego o contacto co castelán–, ademais de numerosos artigos en publicacións dispersas. No ámbito dos estudos sobre os procesos de estandarización, é tamén editor dos volumes Estudios de sociolingüística galega. Sobre a norma do galego culto (1995), onde se ofrecen seis traballos sobre diversos aspectos do proceso de estandarización do galego; Norma lingüística e variación, unha perspectiva desde o idioma galego (2004), xunto a Rosario Álvarez (2004); e A estandarización das linguas na Península Ibérica: procesos, problemas e novos horizontes (2024), que recolle traballos de corte teórico e sobre o galego, o catalán, o éuscaro, o español e o portugués.

O status social e literario do galego e os debates lingüísticos das Irmandades da Fala, que xa analizara na súa tese de doutoramento, é o tema de publicacións como Irmandades da Fala: oratoria e prosa non ficcional. Antoloxía (2016). Sobre a mesma cuestión publicou, con Dolores Sánchez Vales, No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos (2017); con Nélida Cosme, Ideas, propostas e debates sobre a lingua (1916-1936): 1. Lingua nacional, idioma moderno (2023); e de novo con Dolores Sánchez Vales Ideas, propostas e debates sobre a lingua (1916-1936): 2. A demanda da norma (2023). No ano 2024 asumiu a edición, xunto a Ramón Villares, do volume colectivo de estudos Saber de nós. O Seminario de Estudos Galegos.

Castelao é unha figura central na produción científica de Henrique Monteagudo. Levou ao prelo unha recolla da súa oratoria no volume Castelao de viva voz. Conferencias e discursos (1996), foi coordinador da edición das súas Obras (8 volumes, 2000) e é autor da biografía divulgativa Castelao. A forxa dun mito (2021). Os traballos sobre as súas ideas lingüísticas están recollidos no volume Castelao. Defensa e ilustración do idioma galego (2000). Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro e Carlos Casares son outras grandes figuras das letras galegas que mereceron a súa atención.

A lírica medieval tamén foi obxecto dos seus estudos, nos que afondou en figuras como Paio Gómez Chariño, Afonso X O Sabio e o xograr Martin Codax, a quen lle dedicou varias obras. No ao 2009 foi galardoado co Premio da Crítica de Galicia, na modalidade de Investigación, pola publicación sobre as orixes da escrita en galego na Idade Media Letras primeiras. O foral do Burgo de Caldelas, os primordios da lírica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito. Con Ana Boullón editou ademais os testemuños máis antigos da escrita en galego no volume De verbo a verbo. Documentos en galego anteriores a 1260 (2008).

O traballo filolóxico sobre autores e textos senlleiros da nosa cultura é outra das áreas de traballo do académico. Estudou a vida e a obra de Martín Sarmiento en diversos artigos e editou a monumental Obra de 660 pliegos: de historia natural y de todo género de erudición (5 vols., 2008-2023), unha especie de enciclopedia na que Sarmiento verteu boa parte do seu saber no solpor da súa vida; e o Discurso crítico-botánico sobre el vegetable gallego «seixebra» (2025), a obra máis extensa do sabio bieito sobre asunto botánico. Por parte, editou o volume Erudición e ilustración. Estudos sobre Martín Sarmiento (2024).

Henrique Monteagudo compaxinou a súa carreira como docente e investigador con responsabilidades en distintos proxectos culturais e institucións. Foi un dos fundadores da revista Dorna. Expresión poética galega (1981) e dirixe Grial. Revista Galega de Cultura. Foi vicepresidente da Fundación Castelao, é padroeiro e membro da xunta directiva da Fundación Penzol, socio da Fundación Carlos Casares desde a súa creación e formou tamén parte da Comisión de Lingua e Literatura do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA). Membro do Consello da Cultura Galega de 1998 a 2014, foi o seu secretario de 1999 a 2010 e coordinador da súa Sección de Lingua de 1998 a 2007. É o primeiro director da Cátedra Castelao da USC, creada no ano 2024.

No ano 2012 ingresou na Real Academia Galega como membro de número nun acto no que lle deu resposta en nome da institución Rosario Álvarez Blanco.