Académicos e académicas

Ramón de Artaza Malvárez

Ramón de Artaza Malvárez

Muros, A Coruña, 1877 - A Coruña, 1976
Data de ingreso
22/04/1939
A proposta de
Uxío Carré Aldao, Manuel Martínez Murguía e Francisco Tettamancy y Gastón
Título do discurso

Gremios y cofradías

[Para cubrir as vacantes de varios numerarios, Manuel Casás Fernández solicitou un permiso ministerial co fin de que se puidese realizar unha toma de posesión colectiva na que os académicos entrantes non tivesen que dar lectura ao preceptivo discurso de ingreso e así axilizar os trámites. Concedido este permiso, ingresaron o 22 de abril de 1939 na Real Academia Galega: Ramón de Artaza Malvárez, Narciso Correal y Freyre de Andrade, Jaime Solá Mestre (que xa presentaran o texto do discurso segundo consta no seu expediente), Juan Domínguez Fontenla, Antonio Noriega Varela e Lisardo Rodríguez Barreiro]

Exerce o cargo de
Secretario (19/06/1944 - 15/10/1944)

Naceu en Muros o 6 de marzo de 1877 e finou na Coruña o 29 de decembro de 1976. Foi avogado, escritor e cronista oficial da vila de Muros. Distinguiuse axiña polos seus coñecementos históricos, a súa ampla cultura e a súa predilección pola súa vila natal. Foi membro da Real Academia Galega e o seu Secretario na ausencia, durante catro meses, de D. Alejandro Barreiro Noya.

A súa bibliografía xira arredor de temas históricos e aquelas publicacións que esclarecen momentos da historia da vila de Muros foron varias veces galardoadas. Así, a Comisión da Real Academia da Historia concedeulle o premio “Al Talento”, en 1920,  polo libro Muros, páginas de su historia, que foi posteriormente completado, en 1959, con outra obra que leva por título La Villa de Muros y su Distrito. En 1962 rematou de perfeccionalo co seu “Apéndice documental”, que espertou o interese da Deputación Provincial da Coruña, posto que se decidiu a subvencionar as súas producións. Outra das obras máis aplaudidas a comezos de século foi Reconquista de Santiago en 1809, publicada en 1909 cun prólogo de Vales Faílde.

Ramón de Artaza Malvárez foi escollido académico numerario da Real Academia Galega o 22 de abril de 1918, a proposta de Uxío Carré Aldao, Manuel Martínez Murguía e Francisco Tettamancy y Gastón. No entanto, non efectuou o seu ingreso ata o 22 de abril de 1939. Este desaxuste no tempo debeuse a circunstancias forzosas e impostas por accións adversas. Polos mesmos motivos, no momento do seu ingreso, Ramón Artaza non puido ler o seu discurso “Gremios y cofradías”, como tampouco puideron facelo outros numerarios que ingresaban na Corporación ese mesmo día: D. Narciso Correal y Freire Andrade, D. Juan Domínguez Fontenla, D. Antonio Noriega Varela, D. Jaime Solá Mestre e D. Lisardo R. Barreiro.

A seguir amosamos unha relación das súas publicacións máis representativas, a meirande parte arredor de Muros e a súa historia.

Ante el palenque: colección de artículos. Valladolid: Imp. De Juan Rodríguez Hernando, 1900.
Recuerdos de la muy noble, leal y humanitaria villa de Muros. Santiago: Imp. 'El Eco de Santiago', 1908.
Reconquista de Santiago en 1809. Madrid: Tejada y Martín, 1909.
Muros: páginas de su historia. Vigo: Tip. Heraldo, 1920.
Da nosa terra: folklorismo e historia. Noia: Imprenta Loroño, 1936.
Páginas históricas de la villa de Muros: Galicia. Buenos Aires: Estrach Alfonso Ruiz & Cía, 1940.
Gelmírez y su época. A Coruña: Tip. El Ideal Gallego, 1945.
La Villa de Muros y su distrito. Pontevedra : Imp. e Lib. E. Paredes Valdés, 1959-1962.
Las Rías gallegas. Buenos Aires: Galicia, 1951.

No entanto, a dimensión da súa obra continúa nos abondosos artigos cos que colaborou no Boletín da Real Academia Galega, moi especialmente, e tamén noutras publicacións como Sonata Gallega ou Aires d'a miña terra. En xaneiro de 1976 a súa traxectoria como historiador do noso país foi recoñecida séndolle concedida, xunto a Ramón Otero Pedrayo e a Eduardo Blanco Amor, o premio Fundación Pedro Barrié de la Maza a figuras da investigación histórica e a creación literaria.