Académicos e académicas

Marino Dónega Rozas

Marino Dónega Rozas

Huelva, 1916 - A Coruña, 2001
Data de ingreso
03/11/1973
A proposta de
Francisco Fernández del Riego, Fermín Bouza-Brey Trillo e Francisco Vales Villamarín
Resposta pronunciada por
Ramón Piñeiro López
Exerce o cargo de
Secretario (20/03/1983 - 29/11/1997)
Tesoureiro (26/12/1976 - 20/03/1983)

Nado en Huelva o 3 de marzo de 1916 e finado na Coruña o 1 de abril de 2001, foi avogado, Conselleiro de Cultura e militante do galeguismo desde a súa mocidade. Tamén foi membro da Real Academia Galega e Secretario da corporación.

O seu nacemento fóra de Galicia débese ao cargo de funcionario que ostentaba seu pai, un feito que levou a familia a vivir en Toledo, Badajoz, Huelva, Valladolid e Lugo. Así se explican os abondosos documentos que sitúan o nacemento de Dónega Rozas na cidade luguesa, onde si cursou os seus primeiros estudos e a primeira parte do seu bacharelato. A segunda realizouna xa na Coruña, que se converteu, posteriormente, na súa cidade, xa que foi alí onde residiu e exerceu a profesión de avogado colaborando co ilustre xurista e presidente da Real Academia Galega Sebastián Martínez-Risco y Macías, despois de estudar Dereito na Universidade de Santiago de Compostela.

Desde moi novo amosou inquietudes pola cultura e literatura de noso, sen esquecer os problemas políticos de Galicia. Este compromiso coa nación levouno a participar das filas do galeguismo desde moi pronto, chegando a ser presidente da Mocedade Galeguista da Coruña en 1936. En consonancia coa súa militancia, participou da campaña polo referendo do Estatuto de Autonomía de Galicia. Desenvolveu a súa sensibilidade literaria e tamén a preocupación pola vida cultural galega nas numerosas crónicas e artigos que asinou, moi especialmente, no Boletín da Real Academia Galega e en Grial, mais tamén en El Pueblo Gallego, La Tarde, La Voz de Galicia, A Nosa Terra, Guieiro e Resol. Foi un dos socios fundadores da editorial Galaxia (1950), o seu presidente (de 1980 a 1996) e o vicepresidente do seu Consello de Administración. Asemade, foi conselleiro da Fundación Penzol e pertenceu ao Consello de Redacción da revista Grial. Pertenceu, ademais, aos Patronatos do Instituto da Lingua Galega, do Museo Emilia Pardo Bazán e da Fundanción Ramón Otero Pedrayo. Foi tamén secretario do Patronato do Museo de Arte Galega Carlos Maside, vogal do Consello da Cultura Galega e membro de honra da Asociación Galega de Xurisprudencia e Lexislación.

O 3 de novembro de 1973 ingresou na Real Academia Galega, a proposta de Francisco Fernández del Riego, Fermín Bouza-Brey e Francisco Vales Villamarín. Exerceu os cargos de Tesoureiro, desde o 26 de decembro de 1976 até o 20 de marzo de 1983 e de Secretario, desde o 20 de marzo de 1983 até o 29 de setembro de 1997. Na RAG traballou, durante case vinte anos, en estreita colaboración con García Sabell, que ostentaba a Presidencia cando Dónega Rozas foi elexido secretario. O seu discurso de entrada na Academia, “A resignación e maila rebeldía na obra de Castelao Os dous de sempre” constitúe unha achega fundamental no estudo desta obra cumio do escritor de Rianxo. Continuou amosando a súa dedicación á obra de Castelao na edición de Escolma posible, un traballo que non contén só unha antoloxía significativa da produción do polifacético autor, senón tamén un brillante prólogo que o precede.

Do mesmo xeito que García Sabell, Dónega seguiu participando, como xa fixera na súa mocidade, na política e na cultura galega, sen esquecer a súa formación de xurista. Así, en 1972, ocupou unha das vicepresidencias da sección terceira do I Congreso de Dereito Galego, celebrado na Coruña. En 1977, Dónega Rozas asistiu ao Encuentro de Nacionalidades Europeas sin Estado (Bilbao-Gernika, 1977) e asinou o Documento dos 29. En 1978, sendo presidente do Goberno galego Antonio Rosón, foi nomeado Conselleiro de Cultura da Xunta preautonómica a proposta dos senadores independente se por designación real.

A súa bibliografía céntrase, fundamentalmente, no estudo da literatura galega, ben da prosa, ben da poesía; constituíndo un material indispensable para o coñecemento completo da nosa produción literaria. Ademais de ser responsable da dirección de tres cursos sucesivos de Literatura Galega na Coruña, publicou abondoso material crítico.

Recollemos, a continuación, unha mostra da súa produción.

Publicacións exentas

Prosas galegas. Vigo: Galaxia, 1962. Conxunto de ensaios e traballos literarios de Florentino López Cuevillas. Fai accesible a obra deste investigador da arqueoloxía que até o momento se encontraba dispersa en revistas e xornais.

Escolma posible. Vigo: Galaxia, 1964.

Poesías:Escolma. Vigo: Galaxia, 1976. Recolle poemas de Ramón Cabanillas.

A memoria e os amigos. Trasalba: Fundación Otero Pedrayo, 1994.

Luís Seoane: vida e obra literaria. A Coruña: Real Academia Galega, 1994.

 

O 26 de xuño de 1994 recibiu o Premio Trasalba e foi instituído membro honorario da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación. O seu libro de memorias De min para vós. Unha lembranza epistolar  (Vigo: Galaxia, 2003) presentouse postumamente na Coruña, en abril de 2003.