Académicos e académicas
Xosé Luís Regueira Fernández
Vilalba, Lugo, 1958
Data de ingreso
02/06/2012
A proposta de
Antón Santamarina, X.L. Axeitos, Xesús Alonso Montero e Salvador García-Bodaño
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Manuel González González
Goiriz, Vilalba, 1958. Catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), é especialista en fonética e variación da lingua oral. A gramática, a sociolingüística e as situacións de linguas en contacto e conflito lingüístico son outros dos seus principais eidos de estudo. Foi director do Instituto da Lingua Galega (ILG) e coordina a publicación da RAG Cadernos de Lingua desde a súa creación 1990.
Nado na parroquia chairega de Goiriz, aos tres anos a súa familia trasladouse a Aldixe, no concello de Abadín, e despois á vila de Vilalba, onde rematou os estudos primarios e fixo o bacharelato. Estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela. En 1981 comezou a colaborar co Instituto da Lingua Galega e, entre 1985 e 1987, foi lector de galego e español na Universidade de Colonia, onde foi o encargado de impartir, por primeira vez, cursos de galego nunha universidade alemá. Regresou en 1987 á Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse en 1989 en Filoloxía Románica coa tese A fala do Norte da Terra Chá: estudio descritivo, dirixida por Antón Santamarina.
É autor, canda os académicos Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo, de Gramática Galega (1986), que gañou o Premio Losada Diéguez de Investigación. Tamén iniciou neses anos traballos de historiografía lingüística, co obxectivo de dar a coñecer tanto en Galicia coma no exterior os traballos de lingüística galega. Para iso iniciou a colaboración con diferentes bibliografías internacionais, sobre todo coa Linguistic Bibliography, editada nos Países Baixos, na que publica a produción anual da lingüística galega desde 1993 ata a actualidade. En 1996 coordinou a Guía bibliográfica de lingüística galega, unha guía selectiva e comentada dos traballos de lingüística galega publicados ata aquel momento, e posteriormente publicou algúns outros traballos sobre o estado e a evolución dos traballos de lingüística galega, orientados a avaliar en que medida os estudos sobre a lingua galega están aliñadas coas temáticas e metodoloxías máis avanzadas da lingüística internacional.
Pioneiro no estudo da lingua falada e da fonética acústica do galego, na década de 1990 comezou a investigar sobre o uso oral da lingua galega en diversos campos: nos medios de comunicación, na produción audiovisual, na administración pública ou na actividade política. Nesta xeira encetou a definición dun estándar oral para a lingua galega e a creación de recursos para a súa aprendizaxe, como o libro-cedé Os sons da lingua (1998), un método de aprendizaxe da pronuncia do galego para persoas non galegofalantes, do que foi coordinador. Neses anos comezou unha liña de traballo (con presentacións en congresos e publicación de artigos) sobre os criterios e problemas para a definición dun estándar oral para o galego. Estes traballos deron como resultado o Dicionario de pronuncia da lingua galega, publicado pola RAG en 2010, con máis de 47 mil palabras, que ten como finalidade fornecer os profesionais dos medios de comunicación, das artes escénicas ou ensinantes dun modelo estandarizado de pronuncia das palabras galegas. En 2011 publicouse unha versión falada en liña, na que a pronuncia das voces contidas no Dicionario da Real Academia Galega se complementa coa de milleiros de topónimos e antropónimos. Desde 2012 coordina o Corpus oral informatizado da Lingua Galega, CORILGA, que atesoura textos orais en lingua galega desde 1965 de diferentes rexistros de lingua (desde conversas informais ata conferencias, actividade política, produtos audiovisuais ou medios de comunicación) para a realización de estudos sobre a variación e o cambio lingüístico en Galicia.
Publicou artigos en libros e revistas especializadas sobre fonética e fonoloxía galega, e editou o libro Perspectivas sobre a oralidade (2008), con Elisa Fernández Rei. O seu discurso de entrada na Academia, Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI (2012), respondido por Manuel González, versa tamén sobre a lingua falada.
A partir dos traballos sobre fonética e sobre o estándar oral desenvolveu unha liña de traballo sobre variación no galego actual, poñendo o foco na variación social e contextual, así como polo contacto e cambio lingüístico. Sobre ese tema dirixiu e participou en varios proxectos de investigación competitivos e publicou diferentes traballos en revistas e en libros de especialidade e editou, canda Noemi Basanta, Estudos sobre o cambio lingüístico no galego actual (2017).
Nos últimos anos está a traballar sobre temas relacionados coas ideoloxías lingüísticas e mais con lingua e identidades, sempre atendendo á intersección destes temas con variación e contacto lingüístico. Realizou numerosas presentacións sobre eles en congresos internacionais e publicou varios artigos e capítulos. Actualmente forma parte do equipo investigador do Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da intelixencia artificial, que contribuíu a poñer en marcha desde a dirección do Instituto da Lingua Galega, xuntamente co Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, para crear recursos e desenvolver tecnoloxías lingüísticas de texto e voz (tradutores, xeradores de texto, asistentes virtuais, recoñecedores de voz ou voces sintéticas, entre outras) para a lingua galega.
Xosé Luís Regueira é un dos promotores dos Cursos de verán de lingua e cultura galega “Galego sen fronteiras” para persoas de fóra de Galicia que dirixiu e codirixiu en varias edicións. Estes cursos -organizados pola Academia da man do ILG e iniciados en 1988- foron merecentes do Premio Cultura na categoría de Proxección Exterior. Desde 1990 coordina a revista Cadernos de Lingua, concibida como un instrumento de difusión da investigación no ámbito lingüístico galego.
Foi secretario do Instituto da Lingua Galega entre 1996 e 2005 e director deste centro desde 2018 ata 2023.É membro do comité asesor da revista Verba. Anuario Galego de Filoloxía, do comité científico da revista Estudos de Lingüística Galega e da Revista Internacional de Lingüística Iberoamericana, do Instituto Ibero-Americano de Berlín, a Universität Zürich e o Iberoamerika Zentrum da Universität Heidelberg.