Académicos e académicas

Giuseppe Tavani

Giuseppe Tavani

- 22/03/2019

Giuseppe Tavani (1924 -2019), catedrático de Filoloxía Románica e profesor emérito da Universidade de Roma La Sapienza, centrou fundamentalmente a súa investigación na poesía lírica galego-portuguesa e na poesía lírica e narrativa provenzal, catalá e francesa.

Foi doutor honoris causa das Universidades de Santiago de Compostela, Barcelona e Lisboa, socio correspondente do Institut D'Estudis Catalans e da Academia das Ciencias de Lisboa, director das coleccións filolóxicas “Romanica Vulgaris” e “Quaderni di romanica vulgaria”, e membro do comité de redacción de numerosas revistas especializadas europeas e americanas. A súa produción científica comprende máis de trescentos títulos, entre libros, traducións, artigos, notas, introducións, voces enciclopédicas, recensións e novas bibliográficas, estendéndose por todos os sectores da filoloxía románica.

Para a cultura galega é indispensable a súa contribución ao estudo da nosa lírica medieval, tanto as edicións críticas coma os estudos sobre a métrica ou as interpretacións de conxunto de toda a lírica. Salientan o monumental Repertorio métrico della lirica galego-portoghese e mais o Dicionário da Literatura Medieval Galega e Portuguesa.

Obtivo numerosos premios entre os que destacan o Premio da Crítica Galicia, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao e o Premio Internacional Ramón Llull.

Unha provenza hispánica: a Galicia medieval, forxa da poesía lírica peninsular é o título do seu discurso de ingreso, que tivo resposta do académico Ramón Lorenzo Vázquez.