Académicos e académicas

Manuel María Fernández Teixeiro

Manuel María Fernández Teixeiro

Outeiro de Rei, Lugo, 06/10/1929 - A Coruña, 08/09/2004

Nado en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, coñecido como Manuel María, un foi poeta, narrador e dramaturgo recoñecido de extensa obra e profundo compromiso político co nacionalismo galego.

Fillo de Antonio Fernández Núñez e Pastora Teixeiro Casanova, a súa familia labrega acomodada educouno nun ambiente tradicional e relixioso, ao mesmo tempo que lle ofreceu a oportunidade de achegarse á lectura desde o propio fogar. Cursou o primeiro ensino en Rábade, na outra beira do río Miño con respecto a Outeiro de Rei, e, co pasamento de seu pai o 2 de maio de 1943, Manuel María trasladouse a vivir a Lugo co seu tío Xosé Fernández ata que, en 1958, se instala en Monforte. Ao tempo que cursou o ensino secundario entre o Instituto Masculino e o colexio dos Maristas da cidade de Lugo, o futuro escritor non ignorou a abondosa biblioteca que o seu tío, párroco e profesor, albergaba na casa. Tamén nesta altura temperá comezou a entrar en contacto co insigne poeta do Courel, Uxío Novoneyra e, máis adiante, no faladoiro do Méndez Núñez, aviváronse as inquietudes intelectuais do noso biografado ao entrar en contacto co doutor Luís Pimentel, co pensador Celestino Fernández de la Vega, cos escritores Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro ou cos profesores Carballo Calero e Aquilino Iglesia Alvariño, que daquela exercían a docencia en Lugo. Chegado o ano 1949, os seus versos viron por primeira vez a luz na revista de poesía Xistral, que fundou el mesmo coa axuda do seu amigo Manuel Antonio Sopena. O seu primeiro libro tampouco tardou en chegar: Muiñeiro de brétemas publicouse en 1950, cando o autor contaba só 19 anos, o que o converteu no poeta máis novo que publicaba en galego na posguerra. Aínda debedor da mocidade, este primeiro poemario inaugurou a denominada 'Escola da Tebra', caracterizada pola influencia da filosofía existencialista de Martin Heidegger e Karl Jaspers, así como tamén pola obra de Jean-Paul Sartre e Albert Camus.

Aínda que o seu desexo era estudar Filosofía, a vontade de seu tío levouno a matricularse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela no ano 1951; época en que concibiu o libro de poemas Morrendo a cada intre, publicado en 1952. A morte por atropelo do seu irmán Xesús María aos 13 anos multiplicou certa angustia existencial que xa acompañaba ao poeta e favoreceu a creación de Libro dos pregos, un conxunto de poemas premiado en Bos Aires no ano 1955 e publicado con algúns cambios oito anos despois. Co seu amigo Uxío Novoneyra realizou o servizo militar en Compostela nun momento no que os dous se achegaron ao pintor Carlos Maside, que introduciu a Manuel María nas teses marxistas. Nesta altura participaron do faladoiro do Café Español a carón de Borobó, Bouza Brey, Ramón Lugrís, García Sabell, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo... e outros escritores máis novos como Pura Vázquez, Pilar Vázquez Cuesta, Celso Emilio ou Xosé Manuel Beiras. Manuel María era, xa naquela altura, coñecido nos centros culturais do país e participaba en numerosos recitais de poesía os anos 50. Arredor de 1954 foi convidado por Ramón González Alegre, director da revista Alba, a colaborar na publicación e na súa casa coñeceu a dous poetas dos máis novos: Bernardino Graña e Xosé Luís Méndez Ferrín.

Ao rematar o servizo militar volveu a Lugo, onde se preparou para Procurador dos Tribunais desde 1953. No ano seguinte, gañou os Xogos Florais de Ourense e coñeceu algúns dos máis importantes intelectuais ourensáns: Cuevillas, Antón Tovar ou Vicente Risco. Nos anos seguintes participou en diversos certames poéticos -A Coruña, 1960; a Mariña de Lugo, 1965; Vilagarcía, Monforte, Guimaraes...-, mentres, en 1957, acadou o título profesional de Procurador, que o levou a comezar o exercicio da súa profesión en Monforte. En maio de 1959 casou con Saleta Goi García, unha muller que o acompañou en na maior parte dos seus proxectos e a quen o poeta quixo citar ao longo da súa obra.

Nos anos sesenta e setenta a poesía e a narrativa de Manuel María avanzou desde unha voz existencialista ou pesimista cara ao compromiso social, canalizando unha resposta nacionalista ao franquismo. No entanto, a carón do traballo intelectual, o poeta manifestou o seu compromiso na militancia política clandestina. Así, formou parte da UPG e da Fronte Cultural da ANPG. Este comportamento provocou a súa marxinación en certos sectores intelectuais que se ben traballaban na resistencia cultural, non aprobaban a participación en organizacións políticas marxistas. Neste sentido, a disparidade de posicións con respecto ao grupo de Galaxia, levouno a formar a Editorial Xistral en Lugo, no ano 1952. Seis anos máis tarde, en Monforte, con Saleta, publicaron a colección Val de Lemos, onde viron a luz poemas de Luz Pozo, Carballo Calero, Pura Vázquez ou Cabanillas. No ano 1970, Manuel María e Saleta abriron en Monforte a Libraría Xistral, entendida, máis que coma unha tenda, coma centro de dinamización cultural.

No ano 1968 naceu Nova Canción Galega, un movemento musical de especial relevancia na nosa historia que foi presentado polo escritor no Cine Capitol de Compostela o 1 de decembro. A partir daquela altura, Manuel María converteuse nun dos poetas máis cantados polos grupos galegos marcadamente antifranquistas e galeguistas. De feito, a implicación política do noso autor non cesou e, en 1977, presentouse de número un na lista do BN-PG ao Senado por Lugo. Asemade, nas primeiras eleccións municipais tras a ditadura foi escollido concelleiro polo BNG en Monforte. Mais tarde chegou a ruptura coa UPG-Liña Proletaria liderada por Ferrín, que concluíu coa continuidade de Manuel e Saleta na UPG. En 1999 o poeta, xa asentado na Coruña, foi na lista do BNG ás eleccións europeas que supuxeron a designación do primeiro deputado nacionalista no Parlamento de Estrasburgo.

A súa produción literaria non se viu afectada a causa da implicación política. Pola contra, o escritor multiplicou a súa actividade publicando varios libros de literatura infantil. A diversidade nos xéneros que practicou recoñeceuse ao gañar, en 1976, o I Concurso de guións cinematográficos de Nós. Cinematográfica Galega. Na súa poesía, 1977 supón un ano ponte entre Poemas pra construir unha patria, o libro máis definido na aposta nacionalista, e Poemas ó Outono, que marcan en parte unha nova etapa que continua con Libro de Baladas e Poemas da Labarada estremecida, publicado en 1981, onde analiza a vida desde unha perspectiva máis madura, con maior preocupación pola forma dos versos e onde se produce, tamén, un regreso á infancia, á paisaxe das súas orixes, Outeiro, a Terra Chá.

Ademais da literatura, escribiu ensaios sobre Bouza Brey, Celso Emilio Ferreiro, Gabriel Aresti ou Crecente Vega. E publicou centos de artigos e algunhas pezas de teatro en xornais e revistas galegas ou de fóra como El Ideal Gallego, El Correo Gallego, El Progreso, Grial ou A Nosa Terra, onde escribiu baixo o pseudónimo Manuel Hortas Vilanova. Unha das últimas campañas coas que colaborou foi coa Burla Negra e a Plataforma Nunca Máis a raíz do desastre do barco petroleiro Prestige. Ao longo da súa vida, foi recoñecido con numerosos galardóns entre os que podemos salientar o premio “Celanova, casa dos poetas”, outorgado en 1990, ou o “Pedrón de Ouro”, outorgado en 1994 na Casa Museo de Rosalía de Castro. Asemade, 15 de setembro de 1995 a Asociación Socio-Pedagóxica Galega dedicoulle unha homenaxe no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e, en maio de 1997, a Asociación de Escritores en Lingua Galega organizou en Outeiro de Rei a homenaxe “O escritor na súa terra” que supuxo a plantación dun carballo, o descubrimento dunha pedra conmemorativa e a inauguración dunha rúa co nome do poeta. Outros lugares coma Lugo, Monforte ou A Pobra do Caramiñal, contan tamén cunha rúa na súa honra. A influencia do escritor foi tal que a súa reivindicación da Terra Chá obtivo os seus froitos cando, en xuño de 1990, a Asociación Xermolos celebrou os Primeiros Encontros na Terra Chá, unha cita que segue a ter lugar todos os anos co obxectivo de estudar a obra dun creador da comarca. Ademais, en 1999, todos os centros de ensino da Terra Chá, xunto con colectivos culturais e concellos, decidiron celebrar todos os 21 de marzo o “Día das Letras Chairegas”, cuxo primeiro homenaxeado, no ano 2000, foi Manuel María. No ano 1987 foi nomeado fillo adoptivo de Monforte e, en 1998, instalouse na cidade da Coruña, onde viviu ata a súa morte.

O 15 de febreiro de 2003 -a proposta de Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo Vázquez e Xosé Luís Méndez Ferrín-  ingresou na Real Academia Galega co discurso A Terra Chá: poesía e paisaxe.

Autor dunha das obras máis extensas da historia da nosa literatura, Manuel María foi, sobre todo, poeta. A seguir referenciamos a súa produción exenta:

Obra poética
Muiñeiro de brétemas. Pontevedra: Gráficas Torres, 1950.
Cinco pequenos poemas. Lugo: Antonio de Ron, 1950.
Morrendo a cada intre. Lugo: Imp. La Voz de la Verdad, 1952.
Advento. Bos Aires: Ed. Galicia do Centro Galego de Bos Aires, 1954.
Terra Chá. Lugo: Celta, 1954.
Libro de cantigas. Lugo: [s.n.], 1955.
Documentos personaes. Lugo: Celta, 1958.
Libro de pregos. Lugo: Celta, 1962.
Mar Maior. Vigo: Galaxia, 1963.
Versos frolecidos en louvanza de Foz. Foz: Bahía, 1967. Primeiro premio e 'frol natural' nos primeiros Xogos Florais de Foz, celebrados en 1966.
Proba documental. Monforte de Lemos: Fénix, 1968.
Versos pra un país de minifundios. Bos Aires: Nós, 1969.
Versos pra cantar en feiras e romaxes. Montevideo: Patronato da Cultura Galega, 1969.
Remol. Bos Aires: Nós, 1970.
Canciós do lusco ao fusco. Monforte de Lemos: Xistral, 1970.
99 poemas de Manuel María. Razão Actual: Porto, 1972.
Odes dun tempo de paz e de alegria. Razão Actual: Porto, 1972.
Aldraxe contra a xistra. Xenebra (Suíza): Roi Xordo, 1973.
Informe pra axudar a alcender unha cerilla. Montevideo: Patronato da Cultura Galega, 1973.
Laio e clamor pola Bretaña. Xenebra (Suíza): Roi Xordo, 1973.
Seis pétalos de rosa en xeito de retrato. Ed. do autor, 1973. Asinado co pseudónimo Xohán Carneiro.
Cantos rodados para alleados e colonizados. Monforte de Lemos: Xistral, 1976.
Poemas ó outono. Monforte de Lemos: Xistral, 1977.
Poemas para construír unha patria. Santiago de Compostela: AN-PG, 1977.
O libro das baladas. Santiago de Compostela: Follas Novas, 1977.
Catavento de neutrós domesticados. Lugo: Alvarellos, 1979.
Brétemas do muiñeiro e poema da neboa aferrollada. Monforte de Lemos: Xistral, 1980.
Poemas da labarada estremecida. Monforte de Lemos: Xistral, 1981.
Versos do lume e do vagalume. Ourense: Galiza Editora, 1982.
Cantigueiro do Orcellón. O Carballiño: A. C. Avantar, 1984.
A luz ressuscitada. A Coruña: AGAL, 1984.
O camiño é unha nostalxia. A Coruña: Arrancada, 1985.
Poemas da labarada estremecida. Monforte de Lemos: Xistral, 1985.
Oráculos para cavalinhos-do-demo. Ourense: Caixa Ourense, 1986.
Ritual para unha tribu capital do concello. Ourense: Follas Secas, 1986.
As lúcidas lúas do outono. A Coruña: Vía Láctea, 1988.
Sonetos ao Val de Quiroga. Quiroga: Concello de Quiroga, 1988.
Saturno. Barakaldo: A. C. Rosalía de Castro, 1989. Ed. Bilingüe galego-éuscaro.
Cancioneiro de Monforte de Lemos. Monforte de Lemos: Concello de Monforte, 1990.
Homenaxe ao regato do Cepelo. Ed. do autor, 1990.
Compendio de orballos e incertezas. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1991.
Hinos pra celebrar ao século futuro. Santiago de Compostela: Ed. Compostela, 1991.
Panxoliñas. Guitiriz: Asociación Cultural Xermolos, 1992.
Antoloxía poética. A Coruña: Espiral Maior, 1993.
Poemas a Compostela. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1993.
A primavera de Venus. A Coruña: Espiral Maior, 1993.
Cantigas e cantos de Pantón. Pantón: Concello de Pantón, 1994.
Poemas para dicirlle a dúas lagoas. A Coruña: Espiral Maior, 1994.
O Miño, canle de luz e néboa. A Coruña: Espiral Maior, 1996.
Antoloxía poética. Vigo: AS-PG/A Nosa Terra, 1997.
Sonetos á casa de Hortas. A Coruña: Espiral Maior, 1997.
Cantos, coplas e romances de cego. Lugo: Ophiusa, 1998.
MiniEscolma. Ed. do autor, 1998.
Camiños de luz e sombra (2000).
Obra poética completa I (1950-1979) e II (1981-2000). A Coruña: Espiral Maior, 2001.
Elexías á miña vida pequeniña. Vilalba: Instituto de Estudos Chairegos, 2004.

Obra narrativa 
Contos en cuarto crecente e outras prosas. Lugo: Celta, 1952.
O xornaleiro e sete testemuñas máis. Bos Aires: Ed. Galicia do Centro Galego de Bos Aires, 1971.
Kricoi, Fanoi e Don Lobonis. Vigo: Castrelos, 1973.
Os ontes do silencio. A Coruña: Nova Galicia, 1990.
Cando o mar foi polo río. Vigo: S.M., 1992.
Novena a Santa Isabel, por un devoto de Outeiro de Rei. Guitiriz: Asociación Cultural Xermolos, 1995.
Historias do empardecer. Santiago de Compostela: Laiovento, 2003.

Obra dramática 
Auto do labrego: a Ramón Patiño, amigo, pintor e poeta, e mais que nada, galego. Porto: Escola tip. da oficiana de São José, 195?. 
Auto da costureira. Bos Aires: Hogar Gallego para Ancianos, 197?. 
Auto do taberneiro. 4 ventos. Monforte de Lemos: Xistral, 1970. 2ª ed.
Auto do mariñeiro (brevísima farsa dramática en tres tempos). Monforte de Lemos: Xistral, 1970.
Barriga verde. Vigo: Castrelos, 1973.
Auto trascendental do ensino tradicional (1979).
Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.  Monforte de Lemos: Xistral, 1981.
"Auto do Maio esmaiolado", en Cadernos da Escola Dramática Galega, 1985.
Abril de lume e ferro. Carral: Concello de Carral, 1989.
Auto do Castromil ou a revolución dos baúles. Santiago de Compostela: Castromil, 1992.
Farsa de Bululú. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1992.
A lúa vai encoberta. Vigo: Diario 16 de Galicia, 1992.
Edipo. A Coruña: Universidade da Coruña, 2003. Edición de Miguel Anxo Mato.  

Obra infantil e xuvenil
As rúas do vento ceibe. Monforte de Lemos: Xistral, 1979.
A tribo ten catro ríos. Vigo: S.M., 1991.
Unha sombra vai polo camiño. Como desapareceu a Atlántida e apareceron os lagartos. Vigo: Xerais, 1991.
Cando o mar foi polo río. Vigo: S.M., 1992.
Novos contos para nenos. [Galicia]: Citania, 1992.
Viaxes e vagancias de M. P. Vigo: S.M., 1994.
As ribeiras son escuras. A Coruña: Everest Galicia, 1997.
O bigote de Mimí. A Coruña: Everest Galicia, 2003.
Os soños na gaiola: (versos pra nenos). Lugo: Cartonajes ANMI, 1958.

Obra ensaística 
Notas encol da poesía de Fermínn Bouza-Brei. A Coruña: Real Academia Galega, 1958.  
Noticia da vida e da poesía de Xosé Crecente Vega. Coimbra: Facultade de Letras da Universidade de Coimbra, 1968. 
Noticia da poesía galega de posguerra.  Lisboa. 1972, Sociedade da Língua Portuguesa). 
Homes, feitos e palabras. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1996. 
A Terra Chá: poesía e paisaxe. A Coruña: Real Academia Galega, 2003. Discurso lido o día 15 de febreiro de 2003, no acto da súa recepción na Real Academia Galega. 
Andando a Terra. Vigo: A Nosa Terra, 1990.  Escolma dos artigos publicados no xornal A Nosa Terra co pseudónimo Manuel Hortas Vilanova, ao coidado de Miguel A. Mato Fondo e Mª Pilar García Negro.