Académicos e académicas

María López Sández

María López Sández

Lugo, 17/09/1973

María López Sández (Lugo, 1973) é filóloga e escritora e actualmente é profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela. Como investigadora centra os seus estudos na teoría da literatura, a sociolingüística e a didáctica da lingua, e como creadora literaria é autora de distintas obras de ficción, entre elas A forma das nubes (2012), gañadora do Premio Repsol de Narrativa Breve.

Licenciada en Filoloxía Galega, Hispánica e Inglesa, foi premio fin de carreira de Galicia e segundo premio nacional de Terminación de Estudos Universitarios de Filoloxía. Doutorouse en teoría da literatura e literatura comparada cunha tese na que analizou a descrición da paisaxe como unha das condicións simbólicas da nación a través de Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo e Xosé Luís Méndez Ferrín. Nela baséase Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio (Galaxia, 2008), obra merecedora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007 e texto de referencia na relación da literatura galega co territorio.

Dende entón a paisaxe é un dos temas nos que segue a profundar atendendo, entre outros aspectos, os imaxinarios rurais e urbanos no campo das letras galegas en autores como Eduardo Blanco Amor e Carlos Casares e mais a análise semiótica da cartografía, subliñando a centralidade cultural do mapa de Galicia do matemático Domingo Fontán. O seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego, explora a importancia da paisaxe na xénese do ensaísmo galego.

A filóloga participou tamén en proxectos que indagaron na relación entre lugares da xeografía galega e a literatura a través das humanidades dixitais (compostelaxeoliteraria.org). Rosalía de Castro e a súa relación coa natureza e o territorio constitúen outro obxecto de estudo da investigadora. Un dos últimos traballos que dedicou á autora fundacional das letras galegas contemporáneas é o herbario literario Nasín cando as prantas nasen (2022), un achegamento botánico á obra rosaliana asinado xunto a María Isabel Fraga Vila e Miguel Fraga Vila. A contribución completouse cun herbario físico que, tras dar lugar a unha exposición no Real Xardín Botánico de Madrid, foi cedido á Casa Museo Rosalía de Castro, de cuxo padroado é membro. A achega máis recente arredor de Rosalía é a publicación Mordouelias, Rosalía e As Terras da Maía (2023), na que repasa a relación entre a escritora e o val da Maía.

É ademais coautora, xunto a Marilar Aleixandre, Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021), volume no que se establece un diálogo entre as ideas e propostas feministas de Rosalía de Castro e Pardo Bazán; e coordinadora da sección “O espello das letras” da revista cultural Grial.

No campo da sociolingüística aplicada ao ensino, ten realizado diversas contribucións dende o eido da educación. Coordinou o equipo de traballo da Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO (2020) e é coautora de Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames, ambas as publicacións do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, do que é colaboradora.

Como docente e experta en didáctica da lingua e da literatura publicou libros e outros materiais didácticos e imparte ás futuras e aos futuros mestres materias de perfil sociolingüístico dende unha ollada cara á promoción do galego no ensino ao longo de todas as etapas. A súa experiencia neste eido remóntase ao ano 1997, cando se incorporou ao ensino como profesora tras aprobar as oposicións de secundaria. Posteriormente, compatibilizou durante once anos a docencia na secundaria coa universitaria. Na actualidade é catedrática de instituto en excedencia e dedícase a tempo completo á universidade como parte do cadro de persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias da Educación da USC, da que é vicedecana.

Como creadora literaria, tras A forma das nubes (2012), gañadora do Premio Repsol de Narrativa Breve, publicou O faro escuro (2015), finalista do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia; A noite da Deusa (2020), finalista do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña; e Illados. Diario da pandemia (2020), no que os textos da súa autoría dialogan coas fotografías de Miguel Muñiz. Conta ademais cunha columna semanal en La Voz de Galicia.