Xosé Fernández Ferreiro naceu o 29 de xaneiro de 1931 na parroquia de Santa Cruz de Rubiacós, no concello ourensán de Nogueira de Ramuín e faleceu o 16 de decembro de 2015. Estudante de bacharelato en Ourense, xa nesta data empeza a escribir nos xornais ABC e La Noche, e funda tamén a agrupación cultural Xente Nova. En 1954 trasládase a Madrid a cursar estudos de xornalismo. Aquí funda -xunto con Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño e Ramón Lorenzo- o grupo Brais Pinto que desenvolverá unha intensa actividade cultural no Madrid dos cincuenta, editando os poemarios Bocarribeira, de Otero Pedrayo; Poemas do home que quixo vivir, de Bernardino Graña ou A noite, do propio Fernández Ferreiro. O nome e a épica do personaxe que lle pon nome ao grupo –un ficticio afiador ourensán que, despois de percorrer o mundo enteiro co seu oficio, e xa disposto a regresar á súa vila natal, morre atropelado por un tranvía en Madrid- atribúeselle a Fernández Ferreiro.
Despois de licenciarse en xornalismo, traballou como redactor en La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego ou La Noche, e colaborou tamén cun bo feixe de publicacións como Grial, Vieiros, La Vanguardia ou Destino. O seu labor profesional como xornalista mereceulle, en 1985, o Premio Galicia de Xornalismo.
Como escritor, a prolífica obra de Fernández Ferreiro abrangue desde a poesía -que cultiva xa moi novo, cos libros Ribeirana do Sil, de 1952, e o vangardista A Noite, en 1959- ata o ensaio ou a crónica histórica. Pero será na narrativa –xénero que Fernández Ferreiro practicou en practicamente todas as súas sortes- a modalidade sobre a que cimentará a meirande parte da súa produción literaria e do seu prestixio como autor de referencia nas letras galegas de hoxe.
A súa carreira como novelista dá comezo en 1975 coa primeira novela de vaqueiros escrita en galego: A morte de Frank González, ao que lle seguen Morrer en Castrelo de Miño (1978), sobre a loita dos campesiños desta vila ourensá contra o encoro construído nas súas terras; A saga dun afiador (1980), na que constrúe unha epopea arredor dos afiadores que partiron da chaira ourensá a percorreren o mundo; a novela memorialista A ceo aberto, de 1981; a ficción científica de Reportaxe cósmico (1982); A fraga dos paxaros salvaxes, finalista do Xerais en 1985; un relato onírico e desacougante como O minotauro (1989); Agosto do 36, merecedora do Premio Xerais en 1991, e que supuxo o inicio da escrita sobre a materia da Guerra Civil nas nosas letras. A esta seguiríanlle A cidade das chuvias (1994), Co medo nas mans (1996), O último paraíso (2001), Millo verde (2002), Os últimos fuxidos (2004) e Tempo de centeo (2009).