Académicos e académicas

Margarita Ledo Andión

Margarita Ledo Andión

Castro de Rei, Lugo, 1951
Data de ingreso
07/02/2009
A proposta de
Luz Pozo Garza, Rosario Álvarez Blanco e Víctor F. Freixanes
Resposta pronunciada por
Rosario Álvarez Blanco
Exerce o cargo de
Secretaria (24/04/2021 - Actualidade)
Arquiveira-Bibliotecaria (20/04/2013 - 17/03/2017)

Castro de Rei, 1951. Cineasta, escritora e catedrática de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A súa concepción da arte caracterízase pola vontade de intervención política e experimentación formal desde unha ollada nacionalista e feminista. Foi a promotora e primeira directora do periódico A Nosa Terra e a primeira decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Tras cursar o bacharelato en Lugo, iniciou Filosofía e Letras na USC, carreira que abandonou para estudar Xornalismo en Barcelona. Nesta cidade comezou a militar dende a clandestinidade na Unión do Povo Galego (UPG) e entrou en contacto coa vizosa escena da contracultura barcelonesa. De volta en Galicia en 1974, comezou a traballar como redactora en El Ideal Gallego, pero ao pouco viuse obrigada a se exiliar en Portugal, en plena Revolución dos Cravos. Alí comezou a traballar como lectora de galego na Facultade de Letras da Universidade do Porto, onde organizou as Xornadas da Cultura Galega, que contaron coa presenza de intelectuais galegos e portugueses como Rodrigues Lapa e Prado Coelho e onde se proxectou o filme Universidad Comprometida, do cineasta galego exiliado en México Carlos Velo.

De volta en Galicia, participou na posta en marcha do semanario A Nosa Terra, que dirixiu entre 1977 e 1980. En 1982 regresou ao mundo académico, primeiro en Lisboa, cunha bolsa da Fundación Calouste Gulbenkian, e a partir de 1983 como docente na Universitat Autònoma de Barcelona. Nesta xeira, elaborou o proxecto da primeira revista da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Escrita, e fixo o deseño gráfico da revista Festa da Palabra Silenciada, editada por Feministas Independentes Galegas. Doutorouse en 1986 coa tese Foto-xoc e xornalismo de crise, publicada en 1988, na que analiza desde unha perspectiva crítica a relación entre a fotografía e a prensa. En 1991 promoveu a creación da primeira Facultade de Ciencias da Comunicación de Galicia e dende 1993 é catedrática de Comunicación Audiovisual da USC. 

Na literatura, iniciouse na colección de poesía Val de Lemos, dirixida por Manuel María, con Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto (1970) e O corvo érguese cedo (1973), ao que cumpriría engadir Un pouco de leite callado (1972), volume intervido pola censura. Foi incluída, xunto a outros nove autores, na escolma Os novísimos da poesía galega (1973). En diante seguiu escribindo poesía que apareceu publicada en escolmas de festivais, como o do Condado, e recompilacións diversas. 

En 1982 recibiu un accésit do Premio Modesto R. Figueiredo de narracións curtas por Rematado a man, e ao ano seguinte publicou Mamá-Fe (1983), volume distinguido co Premio Álvaro Cunqueiro do Concello de Vigo. Na súa primeira novela, Trasalba ou Violeta e o militar morto (1985), visita a figura patriarcal de Otero Pedrayo desde o fragmentarismo e a coralidade de voces narrativas. En Linguas mortas. Serial radiofónico (1989) presentou un conxunto de poemas e textos narrativos con fotografías de Anna Turbau, prologado por Xosé Luís Méndez Ferrín. A novela Porta blindada (1990) trata a figura do militante do Partido Galeguista Antón Moreda, recluído no sanatorio mental de Castro de Rei. En Historias como Barcelona (1992) volveu cultivar a narración curta, que continuou levando ao prelo en libros colectivos e publicacións periódicas. Fixo ademais unha incursión na narrativa infantil e xuvenil con O serrote do Gil (2009), con ilustracións de David Pintor.

Como cineasta, Margarita Ledo aposta pola fusión de ficción e documental, o lirismo visual e o compromiso político aplicados a materiais tirados da historia contemporánea de Galicia. Na súa primeira longametraxe, Santa Liberdade (2004), conta o secuestro dun transatlántico por parte dun comando formado por exiliados galegos e portugueses, o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), contra as ditaduras de Franco e Salazar. Ese mesmo ano preparou o deuvedé Materia de Galicia para a exposición Galicia Moderna, a partir de fragmentos recuperados do filme Galicia-Finis Terrae de Carlos Velo. De 2005 son a mediametraxe Manuel María: fala e terra desta miña terra e mais a curtametraxe Lavacolla, 1939, para o filme colectivo Hai que botalos! Tamén en 2005 foi produtora executiva da longametraxe CCCV (Cine Clube Carlos Varela), dirixida por Ramiro Ledo Cordeiro en homenaxe ao cineasta Carlos Varela Veiga. 

No documental Liste, pronunciado Líster (2007) afonda, como directora e guionista, na figura do comunista galego Enrique Liste, organizador do célebre Quinto Rexemento; e en Cienfuegos, 1913 presenta un proxecto de cinema de correspondencia coa cineasta Belkis Vega. Ledo asinou tamén a longametraxe de ficción A cicatriz branca (2012), unha historia sobre a emigración das mulleres galegas a Buenos Aires; e Nación, un documental sobre o conflito das traballadoras da fábrica de porcelana Pontesa, premio Cineuropa, do Festival Europeo de Sevilla ou o Mestre Mateo.

O traballo académico de Margarita Ledo abrangue, entre outras liñas, o estudo do xornalismo e do cine galego desde unha perspectiva histórica e a súa relación co espazo da lusofonía, o feminismo ou a teoría da imaxe. En Da prensa galega do XIX ao primeiro periódico nacionalista. 20 anos de “A Nosa Terra” (1916-1936) (1982) traza unha historia do xornalismo galeguista desde o século XIX á contemporaneidade. En Documentalismo fotográfico (1998) analiza a relación entre imaxe e realidade na fotografía documental contemporánea, un tema no que afonda en Del Cine-Ojo al Dogma 95: Paseo por el amor y la muerte del cinematógrafo documental (2003) e Cine de fotógrafos (2005), premio da Fundació Espais d’art Contemporani. Coordinou os tres volumes da serie Para unha historia do cinema en lingua galega (2018-2020).

Especialista na obra do cineasta Carlos Velo, recuperou e estudou con Ramiro Ledo e Pablo Cayuela o considerado primeiro filme galeguista, Galicia-Finis Terrae (1936), así como a peza desaparecida Terra do Chicle (1952). Canda Ana Rodríguez coordinou A discapacidade en imaxe (2011), e en 2017 comisariou a mostra da fotógrafa catalá Anna Turbau A intimidade da imaxe, sendo autora do capítulo do mesmo titulo en Anna Turbau. Galicia 1975-1979.

Margarita Ledo é presidenta de honra da Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación, presidiu a Federación Lusófona de Ciencias da Comunicación e foi vicepresidenta primeira da Asociación Española de Investigación en Comunicación e da Asociación Iberocamericana de Comunicación. A súa traxectoria foi recoñecida, entre outros, cos premios Nacional da Cultura Galega, da Asociación Española de Investigación de la Comunicación AE-IC, Tecmerin da Universidad Carlos III de Madrid, Ramón Piñeiro-Facer País, Ramón Otero Pedrayo, Alecrín de Ouro da Federación Galega de Entidades Culturais de Cataluña, Mulleres no Foco da Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais, Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual, e o Lois Porteiro Garea á promoción e uso do galego da USC.