Académicos e académicas

José Pérez Ballesteros

José Pérez Ballesteros

Santiago de Compostela, A Coruña, 30/06/1833 - A Coruña, 30/10/1918

Nado en Santiago de Compostela o 30 de xuño de 1833 e finado na Coruña o 30 de outubro de 1918, foi un poeta do Rexurdimento que participou no labor cultural do provincialismo e do rexionalismo. Asemade, foi un dos 40 membros fundadores da Real Academia Galega e o seu Tesoureiro.

Licenciouse en Filosofía e Letras e doutorouse en Dereito Civil e Canónico. Aos 22 anos ingresou no ensino, desempeñando, na súa cidade natal, as cátedras de Literatura Latina, Economía Política e Estatística e Dereito Canónico, entre outras. Por oposición obtivo a cátedra de Psicoloxía, Lóxica e Ética do Instituto da Coruña, que estivo baixo a súa dirección desde 1873 ata a súa xubilación. Ao longo da súa vida pertenceu a diversas corporacións científicas e literarias de Galicia e do estranxeiro. A asociación El Folklore Gallego, coa que colaboraba, publicou o seu Cancioneiro popular gallego y en particular de la provincia de La Coruña, unha obra en tres tomos que o converteu nun folclorista de sona e que lle valeu os galardóns da medalla de bronce na Exposición Permanente de Nápoles e da medalla de honra da sociedade Propaganda da Ciencia Popular. Mesmo na actualidade, o tratamento da lingua galega no Cancioneiro de Pérez Ballesteros continúa sendo obxecto de análise (vid.: “O tratamento da lingua no cancioneiro popular gallego (1885-1886) de José Pérez Ballesteros”, en Garoza, n.º 6 (2006); p. 173-194). No que respecta á Real Academia Galega, non só participou da súa fundación, senón que tamén exerceu labores de tesoureiro desde os inicios, en 1905, ata o 2 de novembro de 1914.

Pérez Ballesteros dá comezo á súa creación literaria moi novo, co poema “O soño” recollido no Álbum de la Caridad, en 1853. A produción poética do noso biografada considérase debedora do posromanticísmo e do decadentismo, mentres é recoñecida pola súa riqueza lingüística. Aínda que só publicou dos libros de poemas, deixounos unha achega moi relevante, tanto literaria como ensaística, en numerosos xornais da época coma El Heraldo Gallego, O Novo Galiciano, Revista de Galicia, Galicia ou La Ilustración gallega y asturiana. Asemade, deixou inédito o traballo Refranero gallego y diccionario analítico, que foi premiado no certame organizado pola Reunión Recreativa de Artesanos da Coruña en 1884. No ámbito da investigación, a etnografía foi do seu principal interese, pero tamén a historia e mesmo a tradución.

Publicacións exentas
Poesía
Versos en dialecto gallego y corresponencia castellana de sus principales voces. Madrid: P. Calleja y Compañía, 1878. Con prólogo de Juan A. Saco y Arce.
Foguetes. A Coruña: Imp. Martínez Salazar, 1888. Epigramas galegos.

Ensaio
Programa de las lecciones que deben esplicarse en el primer curso de Derecho canónico a los alumnos de 4º año de jurisprudencia y de 6º de Teología: curso de 1856 a 1857. Santiago de Compostela: Imp. Jacobo Santo e hijo, 1856.
Juicio crítico acerca del Concilio de Trento y estado de la disciplina eclesíastica antes y después de su celebración: discurso leído en la Universidad Central. / Por D. José María Pérez Ballesteros en el acto solemne de recibir la investidura de Doctor en Derecho Civil y Canónico.Madrid: Universidad Central, 1859.
Apuntes cervantinos... con motivo del tercer centenario del Quijote. A Coruña: Tip. La Constancia, 1905.

Antoloxias
Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña/ Por José Pérez Ballesteros; con un prólogo del ilustre mitógrafo portugués Theóphilo Braga y concordancias por Antonio Machado Álvarez. Madrid: Tip. Ricardo Fé, 1886.