Académicos e académicas

Miguel Anxo Araúxo Iglesias

Miguel Anxo Araúxo Iglesias

Sabadelle, Pereiro de Aguiar, Ourense, 10/01/1920
Data de ingreso
30/05/1980
A proposta de
Isidoro Millán González-Pardo, Sebastián Martínez Risco e Manuel Chamoso Lamas
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Ramón Piñeiro López

Miguel Anxo Araúxo Iglesias (Sabadelle-Pereiro de Aguiar, 1920; Ourense, 22 de xullo de 2007) iniciou os seus estudos no Instituto Nacional de Ensino Medio de Ourense e en 1932 na Universidade Pontificia de Comillas onde, despois de rematar o bacharelato, obtivo a licenciatura en Filosofía (1941) e Teoloxía (1945).

Foi consagrado sacerdote en Comillas en xullo de 1945. Durante vinte e cinco anos exerceu o ministerio sacerdotal na cidade das Burgas, como profesor de Teoloxía do Seminario diocesano desa cidade e como reitor desde 1956 a 1966. O 6 de setembro de 1970 foi ordenado bispo da diocese Mondoñedo-Ferrol, na catedral de Ourense, cerimonia presidida polo cardeal de Santiago de Compostela, Fernando Quiroga Palacios. O acto da súa ordenación episcopal foi realizado, por primeira vez na historia da igrexa galega, en galego. O día 13 deste mesmo mes fixo a súa entrada oficial na Sé Episcopal de Mondoñedo e sete anos despois na Concatedral de Ferrol. En 1985 a Santa Sé concedeulle a xubilación anticipada. Foi un home moi comprometido coa súa misión pastoral, que desenvolveu sempre que puido en contacto moi directo coa xente e os lugares da súa diocese.

O 30 de maio de 1980 ingresou na Real Academia Galega para ocupar a cadeira que deixara vacante Ramón Otero Pedrayo, co discurso que leva por título: A igrexa de Mondoñedo nas súas Sinodais; e a quen contestou en nome da institución Ramón Piñeiro.

A preocupación de monseñor Araúxo pola lingua e a cultura galegas levouno a presidir a comisión técnica encargada da tradución do Misal romano ao galego. Traballou tamén na versión ao galego dos Rituais sacramentais e preparou un devocionario popular en lingua galega.

Foi consiliario de diversos movementos de Acción Católica, delegado diocesano do Apostolado Seglar, delegado diocesano do Clero e de Misións e membro das comisións episcopais de Apostolado Seglar, Medios de comunicación social e Migración da Conferencia Episcopal Española.

O seu maxisterio pastoral escrito é moi abondoso e xira permanentemente arredor da problemática de Galicia e dos galegos; a emigración, o mundo rural, o paro obreiro, os accidentes laborais, etc., están presentes na maior parte da súas publicacións.

Publicou diversas pastorais no Boletín do bispado de Mondoñedo-Ferrol e outros textos de pensamento cristián entre os que destacan: A fe cristiá ante a cuestión da lingua galega(1975); Escritos cristiáns sobre problemas, personaxes e conflictos de Galicia (1987);Palabras para os amigos (1989); Escritos pastorais (1990); Oracional galego (1991, en colaboración con Ramiro González Cougil); Memoria de vida (1993); Os bispos de Galicia e o Concilio Vaticano II (1996).

Colaborou con certa frecuencia en diversos xornais como La Voz de Galicia ou La Región e revistas como IrimiaEncrucilladaRaigame ou a Revista de estudios Mindonienses.

Posúe diversos premios e galardóns como o Pedrón de Ouro, que lle foi concedido en 1977, en 1988 recibiu a medalla Castelao, un ano despois o premio Trasalba e en 1992 o Grelo de Ouro.