Académicos e académicas

Ramón Otero Pedrayo

Ramón Otero Pedrayo

Ourense, 05/03/1888 - Ourense, 10/04/1976

Nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado en Ourense o 10 de abril de 1976, Otero Pedrayo é hoxe un dos grandes nomes da nosa literatura. Posuidor dunha amplísima cultura, integrou, xunto a Vicente Risco, Castelao e Florentino López Cuevillas, o Grupo Nós. Promoveu a consolidación da prosa en galego e foi iniciador dun novo teatro na nosa lingua.

Otero Pedrayo era descendente dunha familia de tradición fidalga que posuía un pazo en Trasalba, perto da cidade das burgas, que foi un dos escenarios favoritos do escritor, xunto coa cidade de Ourense. Despois de estudar o bacharelato en Ourense, entre 1898 e 1904, trasladouse a Santiago de Compostela para iniciar o curso preparatorio para comezar as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras. Cursou Dereito e Filosofía e Letras en Madrid, desde 1905 a 1912. Durante eses anos observou as influencias dos autores da Xeración do 98, dos poetas simbolistas franceses e do modernismo. Ao rematar, volveu á súa cidade natal, onde se integrou no Ateneo, dinamizando o ambiente cultural cos que máis adiante serían os seus compañeiros na revista Nós: Risco e Cuevillas. Con eles, e mais con Primitivo Rodríguez Sanjurjo, deu Otero os seus primeiros pasos na literatura e no xornalismo, colaborando na revista La Centuria entre 1917 e 1918. Nesta altura, todos estes nomes uniron os seus esforzos intelectuais no que se deu en chamar o grupo ou a xeración Nós, onde Otero Pedrayo tivo un protagonismo ineludible, sobre todo desde a súa posición de renovador da prosa escrita en lingua galega. Neste proceso, a influencia de Antón Losada Diéguez, tal e como o propio Otero reflicte no seu Libro dos amigos, foi decisiva para o desenvolvemento do devandito grupo. 

En 1918 ingresou nas Irmandades da Fala, poñendo de manifesto as inquietudes nacionalistas que nunca abandonou e participou activamente nas eleccións xerais dese ano en apoio da candidatura de Lois Porteiro Garea polo distrito de Celanova, mesmo publicando artigos de tema político na prensa local. Gañadas as oposicións a cátedras de instituto como profesor de Historia en 1919, dedicouse por completo á actividade cultural galeguista e ao cultivo das nosas letras desde distintos xéneros. Colaborou na revista ideolóxico-cultural das Irmandades e do Partido Galeguista, A Nosa Terra (1916-1936), e que máis tarde continuou en Nós (1920-1936), ou mesmo noutros periódicos e revistas en diversas etapas da súa vida como Boletín Auriense, Boletín de la Comisión de Monumentos de Ourense, Céltiga, Cuadernos de Estudios Gallegos, A Fouce, Galicia, Grial, El Heraldo de Galicia, Logos, Misión, Posío, El Pueblo Gallego, La Región, Vida Gallega eVieiros. Asemade, desenvolveu unha intensa actividade na sección de Xeografía e Historia no Seminario de Estudios Galegos, publicando algún dos seus primeiros escritos técnicos, sobre todo artigos centrados na área de xeografía, e dous libros de texto, Treinta y tres lecciones de Geografía General (1929) e Lecciones elementales de Historia Universal (1929). Asemade, nestes anos ven a luz tamén as súas primeiras novelas e ensaios, fundamentalmente de temática histórica, xeográfica ou literaria. Froito do prestixio que xa gozaba, ingresou na Real Academia Galega o 9 de decembro de 1929 coa lectura do discurso Romantismo, Saudade, Sentimiento da Raza e da Terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal (1931). 

Otero Pedrayo estivo tamén atento á organización política. Defensor da cooficialidade do galego, declarouse abertamente republicano. Participou na fundación do Partido Nazonalista Repubricán e foi elixido o seu presidente, substituíndo a Vicente Risco. Nas eleccións do 12 de abril de 1931, foi elixido deputado polo meso PNR. Durante esta época en Madrid, compartiu inquietudes e debates con outros políticos galegos como Antón Vilar Ponte, Rodríguez Castelao ou Suárez Picallo. Posteriormente, o PNR integrouse no Partido Galeguista e Otero continuou nas novas siglas traballando polos dereitos da nosa lingua, defendendo a aprobación do Estatuto de Autonomía. Mesmo se, no momento do estoupido da Guerra Civil, Otero decidira xa apartarse temporalmente da militancia política, isto non lle impediu sufrir a mesma persecución que a moitos outros intelectuais galegos: unha resolución emitida en agosto de 1937 expedientaba e cesaba do seu cargo como catedrático de Instituto a Otero Pedrayo. Desde este momento e ata 1946, momento en que volveron aparecer as súas colaboracións en prensa, o noso homenaxeado mantívose fiel ás súas ideas galeguistas, mais en silencio. En setembro de 1948 conseguiu recuperar o seu posto e, dous anos máis tarde, accedeu á cátedra de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela. 
Coa morte de Castelao en 1950, Otero converteuse nun representante do luminoso nacionalismo do primeiro terzo de século e comezou a ser reivindicado como o patriarca das nosas letras. Neste anos participou da fundación de distintas iniciativas a prol da cultura galega: Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos (1943), Patronato Rosalía de Castro (1948) e editorial Galaxia (1950), da que foi presidente e na que viron a luz numerosas obras da súa autoría. Ao mesmo tempo, asistiu con asiduidade aos faladoiros da intelectualidade galeguista, tanto aquí como en América, sendo sempre recoñecido como o principal expoñente da nosa cultura. Otero continuou publicando libros e numerosos artigos na revista Grial ou en xornais como La Noche e La Región e participou en numerosos actos culturais como as Semanas Culturais do Orfeón Unión Orensana, ou os xogos florais organizados polos distintos concellos. Nos seus últimos dez ou quince anos de vida, recibiu numerosas homenaxes e premios pola súa longa traxectoria: Premio Galicia (1962), da Fundación Juan March; Premio da Deputación Provincial de Ourense (1964) ao mellor estudo da obra do Padre Feijoo; a homenaxe polo seu oitenta aniversario en Santiago de Compostela (1968), ademais da publicación de dous libros na súa honra Homaxe (1958) e Ramón Otero Pedrayo. A súa vida e a súa obra (1958). Hoxe, Otero Pedrayo representa a consolidación da prosa galega –con Os camiños da vida, O mesón dos ermos ou Arredor de si- e a renovación do noso teatro, un xénero que non volveu ser o mesmo despois de creacións como A lagarada, Teatro de máscaras ou O desengano do prioiro. A Fundación Otero Pedrayo e mais a Fundación Penzol conservan a biblioteca e o arquivo do noso homenaxeado.
O noso homenaxeado viviu en Compostela ata 1958. Faleceu en Traslaba o 10 de abril de 1976. Os seus restos descansan no cemiterio de San Francisco, en Ourense.  

A súa obra fundamental contén os seguintes títulos:


Conto
Pantelas, home libre. A Coruña: Lar, 1925.
Contos do camiño e da rúa. Santiago de Compostela: Nós, 1932.
O mesón dos ermos. Santiago de Compostela: Nós, 1936.
Entre a vendima e a castañeira. Vigo: Galaxia, 1957.

Novela
Escrito na néboa. A Coruña: Lar, 1927.
Os camiños da vida. Santiago de Compostela: Nós, 1928.
Arredor de si. Santiago de Compostela: Nós, 1930.
Fra Vernero. Santiago de Compostela: Nós, 1934.
Devalar. Santiago de Compostela: Nós, 1935.

Teatro
A Lagarada: farsada tráxica para ler. Santiago de Compostela: Nós, 1928.
O desengano do prioiro ou o pasamento da alegría. Vigo: Monterrey, 1952.