Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Sebastián, Sebastiana
Nome cristián
Pronuncia
Sebastián:
Sebastiana:
Variantes
Masculinas Bastián
Hipocorísticos
Másculinos Sebas, Sabas
Femininos Chana
Etimoloxía e historia
Do latín Sebastianus, derivado do grego sebastós 'digno de respecto, venerable', derivado de sébas 'veneración, reverencia'. Sebastós era, como Augustus, título que se lle daba ao emperador e aos membros da súa familia. Na Idade Media corría Sebaschán, pero esta forma non se consolidou e xeneralizouse o semicultismo Sebastián, como na maior parte das linguas.
Motivación
San Sebastián era oficial da garda palatina do emperador Diocleciano, quen, ao saber que non sacrificaba aos deuses pagáns e que era cristián, ordenou que o martirizasen cravándolle frechas en partes do corpo que non resultasen mortais, pois o obxectivo era darlle tormento para facelo cambiar de idea. Así é como adoita aparecer na arte, espido, con frechas cravadas nas extremidades. Despois o emperador mandaría azoutalo ata a morte. Foi avogoso contra a peste durante toda a Idade Media, ata que a finais do século XV foi substituído nesta función por san Roque.
En Portugal o rei Sebastián I, movido por un soño misioneiro e colonialista, marchou conquistar “a Mourama” (Marrocos), pero a expedición acabou de maneira desastrosa na batalla de Alcácer Quibir (1578), onde morreron el e mais o mellor da nobreza portuguesa. Con el extinguiuse a dinastía de Avis e entrou a filipina (Filipe II de España e I de Portugal). Durante moitos anos espallouse por Portugal a lenda do sebastianismo, que aseguraba que don Sebastián non morrera e que volvería para recuperar o reino perdido.
Deulle sona onomástica universal o compositor alemán Johann Sebastian Bach (1685-1750). Dentro da música, lembremos tamén a ópera de Mozart Bastián e Bastiana (1768). No eido da literatura galega, Bastián de Cornide é un personaxe de Álvaro Cunqueiro n’Os outros feirantes (1979).
Chamáronse así
O navegante e explorador galego Sebastián de Ocampo, que demostrou a insularidade de Cuba (1508), e o beato Sebastián de Aparicio (1502-1600), natural da Gudiña, que en México sería coñecido como “o frade das carretas”. En tempos máis achegados a nós lembramos o pontevedrés Sebastián González García-Paz (1908-1967), historiador e arqueólogo, que foi secretario do Seminario de Estudos Galegos; e tamén o ourensán Sebastián Martínez-Risco Macías (1899-1977), que foi presidente da RAG de 1960 a 1977; durante a súa presidencia instaurouse en 1963 o Día das Letras Galegas, por iniciativa do académico Francisco Fernández del Riego.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Bastian | |
Sebastian | ||
Bretón | Bastian | |
Catalán | Sebastià | Sebastiana |
Español | Sebastián | Sebastiana |
Éuscaro | Saustin | |
Sebastian | Sebastiana | |
Sebastia | Sebastene | |
Sausten | Saustitza | |
Francés | Sébastien | |
Bastien | ||
Inglés | Sebastian | |
Italiano | Bastiano | |
Sebastiano | ||
Portugués | Sebastião | Sebastiana |
Romanés | Sebastian | |
Ruso | Sevastian | Sevastiana |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]