Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Mariño, Mariña
Nome cristián
Pronuncia
Mariña:
Etimoloxía e historia
Do nome latino Marinus / Marina, que podería ser derivado de Marius, ou proceder do adxectivo latino marinus, -a, um 'mariño', 'que vén do mar', 'que vive no mar'. Na Idade Media era un nome feminino moi frecuente, pero seguramente con outra orixe, porque se considera que debía ser unha variante de María, como forma diminutiva.
Motivación
Unha lenda medieval galega, recolleita no Nobiliario do conde de Barcelos (século XIV), di que os nobres galegos de apelido Mariño eran fillos de Mariña, unha serea que o conde don Froilán capturou na beira do mar e, cativado pola súa beleza, tomou por esposa.
Hai dúas santas lendarias co nome de Mariña: unha delas, talvez do século V, seica se vestira de home para entrar nun convento (tomou o nome de irmán Mariño); a outra sería a galega do santuario de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), que ten unha lenda distinta da anterior, máis ligada ao mundo oriental, cunha sucesión interminable de tormentos moi semellante á de santa Margarida de Antioquía, santa Pelaxia e outras mártires.
O culto a santa Mariña en Galicia xa está presente no século IX e a igrexa de Augas Santas xa existía no século XI. No ano 1100 era titular de doce igrexas entre os ríos Miño e Mondego. Dun xeito ou doutro a gran cantidade de igrexas e, sobre todo, ermidas —algunhas xa en ruínas ou desaparecidas—, existentes en Galicia na súa honra fan pensar aos investigadores que se non era unha santa galega si era intensamente galeguizada, do mesmo xeito que santa Eufemia, e coma ela sometida a un proceso de localización do seu berce: para uns en Xinzo de Limia (bispado de Ourense), para outros no bispado de Tui. É titular de 108 parroquias en Galicia.
Chamáronse así
O escritor Marino Dónega Rozas (Huelva 1916 - A Coruña 2001), cofundador da Editorial Galaxia e secretario da RAG durante vinte anos.
Marina Ginestà i Coloma (1919-2014), militante comunista durante a guerra civil española, coñecida pola fotografía que en 1936 lle fixo o fotógrafo alemán Hans Gutmann. Esta foto converteuse nunha das iconas gráficas da guerra civil. Durante a contenda traballou como xornalista e como intérprete.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Marinus | Marina |
Catalán | Marí | Marina |
Español | Marino | Marina |
Éuscaro | Itxasne | |
Itsasne | ||
Marino | Marina | |
Francés | Marin | Marine |
Inglés | Marina | |
Italiano | Marino | Marina |
Portugués | Marino | |
Marinho | Marinha | |
Romanés | Marin | Marina |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]