Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Alexandre, Alexandra
Personaxe histórico
Pronuncia
Alexandre:
Alexandra:
Hipocorísticos
Másculinos Xandre, Xano, Xanolo, Xanucho, Xanducho, Álex
Femininos Xandra, Xana
Etimoloxía e historia
Do grego Aléxandros, composto do verbo aléxein 'protexer' e o substantivo anḗr, andrós 'home', é dicir, 'defensor dos homes' ou 'protexido', a través do latín Alexander (ac. Alexandrum).
Motivación
O macedonio Alexandre Magno ou Alexandre o Grande (256-323 a. C.), fillo de Filipo de Macedonia, conquistou en pouco tempo un dos imperios máis extensos da Idade Antiga, que ía desde Grecia e Exipto deica o río Indo. Foi o prototipo de conquistador da antigüidade. Morreu aos 33 anos.
Alexandre foi nome de santos, como o papa Alexandre I (século II) ou Alexandre Nevski (século XIII), venerado nos países eslavos, e adoptárono oito papas; o de máis triste sona foi o valenciano Alexandre VI (Roderic de Borja, o papa Borgia en italiano), que converteu o seu papado (1492-1503) nunha corte de intrigas, traizóns e escándalos de todo tipo.
Polo seu interese para Galicia salientamos o papa sienés Alexandre III, que durante o episcopado do arcebispo galego Pedro Suárez de Deza —e, sen dúbida a petición deste—, confirmou o privilexio do Ano Santo Xacobeo de Santiago de Compostela cando o 25 de xullo cadrase en domingo, polo que é posible gañar na catedral compostelá as mesmas indulxencias que se conseguen en Roma os anos xubilares. Na bula Regis aeterni (1179) confírmase un privilexio anterior concedido polo papa Calisto II no ano 1120. Este papa canonizou durante o seu mandato (1159-1181) a Thomas Becket, Bernaldo de Claraval e o rei inglés Eduardo o Confesor.
Chamáronse así
Escritores como a arxentina Alejandra Pizarnik (1936-1972), o italiano Alessandro Manzoni (século XIX), os franceses Alexandre Dumas, pai e fillo (século XIX), ou os rusos Aleksandr Pushkin (século XIX) e Aleksandr Solzhenitsyn (século XX); científicos como o italiano Alessandro Volta (1745-1827), o inglés Alexander Fleming (1881-1955) e o naturalista prusiano Alexander von Humboldt (1769-1859), que o 5 de xuño de 1799 saía do porto da Coruña no veleiro Pizarro en dirección ao continente americano, onde levou a cabo durante cinco anos un gran labor científico (identificou plantas, cartografou territorios e estudou distintas estruturas xeolóxicas); pola data de partida do porto coruñés instaurouse o 5 de xuño como o Día Mundial do Medio Ambiente.
Alexandre Bóveda Iglesias (Ourense 1903-Poio 1936), o motor do Partido Galeguista da II República, segundo o seu amigo Castelao. Foi redactor da parte económica do Estatuto Galego de 1936. Tras a súa detención polos militares sublevados en xullo dese ano, foi condenado a morte e fusilado o 17 de agosto na Caeira (Poio). Na súa memoria instaurouse nesta data o Día da Galicia Mártir.
Alejandra Martínez-Murguía de Castro (1859-1937), máis coñecida como Alejandra Murguía, foi unha debuxante galega.
Alejandro Finisterre ̶̶—galeguizado como Alexandre de Fisterra nunha canción na súa honra ̶̶—, foi o pseudónimo de Alejandro Campos Ramírez (1919-2007), escritor natural de Fisterra, máis coñecido por ser o inventor do futbolín. En 1967 foi nomeado académico correspondente da RAG.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Sander (hip.) | |
Alexander | ||
Catalán | Alexandre | Alexandra |
Español | Álex (hip.) | |
Alejandro | Alejandra | |
Éuscaro | Alesander | |
Aleksandar | ||
Alexandere | ||
Alexandro | Alexandra | |
Alexander | Alesandere | |
Francés | Alexandre | Alexandra |
Gaélico | Alister | |
Alastair | ||
Húngaro | Sándor | |
Inglés | Sandy (hip.) | |
Alex | ||
Alec | ||
Alexander | Alexandra | |
Italiano | Sandro | Sandra |
Alessandro | ||
Portugués | Alexandre | Alexandra |
Romanés | Lisandru | |
Alexandru | ||
Ruso | Saxa (hip.) | |
Alexander |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Alexandre
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]