Fotogalería Ingresos
O inicio da guerra civil provocou a paralización da vida académica durante varios anos, non sendo posible incorporar novos membros para substituír os xa falecidos. Nestas circunstancias a institución quedou reducida a menos da metade dos corenta integrantes estipulados nos seus Estatutos.
Para axilizar a entrada de novos numerarios, en maio de 1938 a Academia solicitou ao Ministerio de Educación Nacional do goberno formado por Francisco Franco poder incorporalos sen o requisito da lectura dun discurso de ingreso. Concedido o permiso en febreiro de 1939, o 22 de abril dese ano a Academia acolleu seis numerarios que xa foran propostos antes de 1936, entre eles o poeta Antonio Noriega Varela, quen dende o comezo da guerra se mostrara abertamente favorable ao golpe de Estado militar.
Carta de Antonio Noriega Varela aceptando o seu nomeamento como numerario.
Real Academia Galega. Arquivo
En 1941 a Academia volveu solicitar permiso para incorporar novos membros sen a necesidade de ler un discurso de ingreso. Concedida a autorización, o 27 de xullo celebrouse no Paraninfo da Universidade de Santiago unha cerimonia para efectuar o ingreso colectivo de dezanove numerarios, entre os que había unha presenza destacada de relixiosos, mais nos que había tamén representantes do galeguismo anterior á guerra civil, como Florentino López Cuevillas, Fermín Bouza-Brey e Xosé Filgueira Valverde.
Perante as autoridades congregadas ese día no Paraninfo leuse un único discurso de ingreso en representación de todos os novos académicos: o de Fermín Bouza-Brey, a quen contestou en nome da institución o seu presidente, Manuel Casás Fernández.
Comunicación do Ministerio de Educación Nacional autorizando o ingreso colectivo dos dezanove académicos en 1941.
Real Academia Galega. Arquivo
Baixo a presidencia de Manuel Casás ingresaron na Academia un total de cincuenta novos numerarios. Se nun primeiro momento —en 1939 e 1941— foron ingresos colectivos e sen a lectura do preceptivo discurso, a partir de 1945 os ingresos retoman o seu carácter individual e a obrigatoriedade do relatorio.
O primeiro ingreso efectuado consonte os requisitos marcados polos Estatutos foi o dun antigo membro da Irmandade da Fala coruñesa, Leandro Carré Alvarellos, quen se converteu en numerario o 3 de marzo de 1945 lendo un discurso que versaba sobre o idioma galego na Idade Media e que foi contestado por Xosé Filgueira Valverde.
Leandro Carré Alvarellos
Real Academia Galega. Arquivo
Aos académicos galeguistas que ingresaran en 1941 e 1945 uníronse anos despois outros dous novos numerarios que cultivaban a literatura galega: Victoriano Taibo García en 1948 e Aquilino Iglesia Alvariño en 1949.
O primeiro entrou na Academia lendo un discurso sobre Rosalía de Castro e o segundo fíxoo disertando acerca da lingua dos poetas do norte de Lugo.
A entrada na Academia de persoas favorables á lingua e á cultura galegas acadou unha nova dimensión a partir de 1950, coa creación da Editorial Galaxia e coa estratexia de galeguización cultural iniciada polos seus promotores. Unha parte desa estratexia estaba dirixida a revitalizar a vida académica mediante as incorporacións de numerarios afíns aos ideais do galeguismo, incorporacións que ademais estaban impulsadas polo pequeno sector galeguista que xa existía dentro da institución.
Recepción de Aquilino Iglesia Alvariño.
Real Academia Galega. Arquivo
Na paseniña integración de académicos de ideoloxía galeguista xogou un papel fundamental Ramón Otero Pedrayo, quen era numerario dende 1929 e tamén unha figura senlleira da resistencia cultural nos tempos da ditadura franquista. Grazas á súa iniciativa e á do sector galeguista, este recibiu en 1951 novas incorporacións.
Primeiro foi Ramón Vilar Ponte, co seu discurso sobre a Xeración do 16.
Despois ingresaron nun acto conxunto Xaquín Lorenzo Fernández disertando sobre a casa tradicional galega e Xesús Ferro Couselo cun discurso acerca do escritor do século XVII Mauro Castellá Ferrer.
Máis tarde entrou Manuel Gómez Román cunha reflexión sobre a arquitectura galega moderna.
E finalmente Antonio Iglesias Vilarelle, quen tratou da representación de músicos no Pórtico da Gloria.
Cerimonia do ingreso de Xaquín Lorenzo Fernández e Xesús Ferro Couselo en Celanova o 16 de setembro de 1951.
Real Academia Galega. Arquivo
En anos posteriores a presenza galeguista reforzouse coa entrada de novos académicos. En 1953 ingresou Sebastián Martínez-Risco cun discurso acerca do sentimento da xustiza na literatura galega.
En 1956 fíxoo Antonio Fraguas Fraguas falando sobre as cancións populares de Cotobade.
Ricardo Carvalho Calero incorporouse á Academia en 1958 cunha disertación sobre as fontes literarias de Rosalía de Castro.
En 1959 entrou Domingo García-Sabell presentando unha achega á antropoloxía médica do pobo galego.
E xa en 1960, un mes antes da morte de Manuel Casás, Isidro Parga Pondal converteuse en numerario lendo un discurso acerca da xeoloxía galega.
Ao remate da presidencia de Manuel Casás o sector galeguista consolidara a súa influencia dentro da Academia.
Ingreso de Antonio Fraguas o día 8 de maio de 1956.
Vida Gallega 711 (xuño 1956). Real Academia Galega. Hemeroteca


