Académicos e académicas

Antonio Iglesias Vilarelle

Antonio Iglesias Vilarelle

Santiago de Compostela, 1891 - Pontevedra, 1971

Músico e musicólogo, impulsou iniciativas como a Sociedade Filharmónica de Pontevedra e a Coral Polifónica desta mesma cidade. Foi director da revista de pensamento cristián Logos, a primeira deste tipo en galego, e membro do Seminario de Estudos Galegos.

Nado nun fogar acomodado de profundas crenzas relixiosas, en 1893 a familia trasladouse a Pontevedra, onde o seu pai fora destinado como funcionario da Audiencia Provincial. Realizou os estudos primarios na cidade do Lérez, onde coincidiu con Sánchez Cantón e Blanco Porto, cos que mantivo unha estreita amizade o resto da súa vida. Regresou a Santiago de Compostela para cursar a carreira de Dereito, que interrompeu para permanecer dez anos en Madrid cubrindo unha vacante na Tesouraría de Facenda. Alí proseguiu na Universidade Central os seus estudos xurídicos, que alternou coa aprendizaxe da música e co traballo con Sánchez Cantón na Capela Real. En 1920 volveu a Pontevedra, onde se radicou de xeito definitivo e traballou como funcionario na Delegación de Facenda.

Iglesias Vilarelle intégrase decontado na vizosa vida cultural pontevedresa desta época, organizada ao redor do club deportivo Karepas e do faladoiro do que formaban parte, entre outros, Losada Diéguez, Pintos Fonseca, Areses Vidal e Castelao. O grupo pon en marcha a Sociedade Filharmónica (1921), da que foi o primeiro secretario, e a Sociedade Coral Polifónica (1925), que tivo como primeiro director a Blanco Porto e a Castelao como pintor dos decorados. Logo da morte de Blanco Porto en 1940, Iglesias Vilarelle pasou a dirixir a Coral ata 1965. Nesta mesma xeira, traballou pola recuperación da Escola Municipal de Música de Pontevedra, que el mesmo dirixiu ata xaneiro de 1966.

Como compositor asinou pezas musicais como Por sermos da culpa escravos, Miserere, a suite para orquestra Churrucuchú, Cantiga en sol menor, e para coros e orquestra escribiu Keltia, preludio sinfónico para grande orquestra, Os anxeliños da groria ou Pandeirada.

En 1922 participou na Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas, precedente do Seminario de Estudos Galegos (SEG), fundado ao ano seguinte e ao que el se incorporou en 1931. No seu seo, Iglesias Vilarelle participou na sección de Pedagoxía, da que tamén formaban parte Antón Alonso Ríos, Xosé Núñez Búa e Filgueira Valverde. Este grupo sentou as bases da Escola Rural Galega, un proxecto que procuraba un ensino vehiculizado en galego e relacionado co contorno socioeconómico do alumnado. Tamén colaborou desde o SEG coa súa irmá, a pedagoga Josefa Iglesias Vilarelle, na edición do seu manual de aprendizaxe do galego, Método de lectura, publicado en 1932. Outro proxecto no que se comprometeu foi a Sociedade Arqueolóxica de Casto Sampedro, xermolo do actual Museo de Pontevedra, fundado en 1927.

Iglesias Vilarelle formou parte da mocidade galeguista Ultreya e musicou algúns dos seus himnos. Integrante do Partido Galeguista, estaba aliñado coas teses dereitistas de Risco e Filgueira Valverde que deron lugar á escisión de 1935, cando o resto do partido escolleu a alianza coa Fronte Popular nas eleccións de 1936.

Traballou a prol da galeguización da Igrexa en Galicia e dirixiu a revista de pensamento cristián Logos (1931), escrita integramente en galego. Tamén publicou artigos en revistas como Galicia, do Centro Galego de Buenos Aires, Lar ou Sonata Gallega.

Membro da Academia de Belas Artes de San Fernando, recibiu recoñecementos como a Cruz de Cabaleiro de Isabel a Católica e a consideración de fillo adoptivo de Pontevedra en 1950. En 1942 foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega a proposta de Ramón Torrado, Ángel del Castillo e Xosé Filgueira Valverde e, en 1951, numerario a iniciativa de Ángel del Castillo, Francisco Vales Villamarín e Leandro Carré Alvarellos. No seu discurso de ingreso na institución, Los músicos del Pórtico de la Gloria, analiza a representación dos vinte e un instrumentos gravados na arquivolta do Pórtico, os seus precedentes nas miniaturas da literatura apocalíptica, como a obra do Beato de Liébana, ou no tímpano da abadía de San Pedro de Moissac. Os instrumentos representados, todos de corda, son variantes da viola, a zanfona e o organistro, moi populares nas cortes europeas da era do Románico. A resposta, en nome da Academia, correspondeulle a Xosé Filgueira Valverde.