Académicos e académicas

Jenaro Marinhas del Valhe

Jenaro Marinhas del Valhe

A Coruña, 1908 - 1999

Nado na Coruña o 25 de novembro de 1908 e finado na mesma cidade en 1999, foi un destacado dramaturgo, narrador e poeta preocupado pola lingua galega.

Marinhas del Valhe tomou contacto coa intelectualidade galeguista desde a súa primeira infancia, dado que seu pai era un dos asistentes habituais aos faladoiros da Cova Céltica, entre os que se encontraban Tettamancy, Lugrís Freire ou Eladio Rodríguez. Desde moi novo, xa que logo, asistiu ás veladas teatrais da Irmandade da Fala da Coruña, da que chegou a ser tesoureiro. Nesa altura foi tamén vogal da Sección de Temas Locais e Galegos da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña. Cursou estudos de Bacharelato na súa cidade natal e, posteriormente, trasladouse a Santiago de Compostela para continuar a súa formación na carreira de Filosofía e Letras, se ben a abandonaría para matricularse en Empresariais. Desde entón, dedicouse á profesión mercantil como contable.

Na década de 1920 viron a luz poemas seus na revista Vida Gallega e realizou colaboracións xornalísticas en A Nosa Terra, La Voz de Galicia ou El Noroeste, ademais de formar parte do Consello Consultivo da revista Nós. Posteriormente, publicou artigos en xornais de Bos Aires coma Correo de Galicia ou a revista Galicia. No ano 1933 participa da fundación das Mocidades Galeguistas, onde foi electo Secretario Xeral e, nese mesmo ano, fundou e dirixiu, con Alfredo Canalejo, a publicación satírica La Draga. En 1936, noutra mostra do seu compromiso con Galicia, formou parte activa da campaña a favor do Estatuto de Autonomía. Rematada a Guerra Civil, viaxou por toda Europa sen perder o contacto co galeguismo da época. De volta, en torno a 1943, participou de reunións clandestinas que darían na creación da editorial Galaxia e da revista Grial.

O 25 de febreiro de 1978, e pola proposta de Rafael Dieste, Leandro Carré Alvarellos e Francisco Vales Villamarín, Marinhas del Valhe ingresou na Real Academia Galega co discurso Importancia do público na revelación teatral. No entanto, por mor da súa defensa da unidade lingüística entre galego e portugués, preferiu non manter unha actitude activa no seo da Academia. De feito, o 1 de xullo de 1990, trala morte do seu amigo e compañeiro Ricardo Carvalho Calero, renunciou á cadeira que ocupaba por desconformidade co rumbo da corporación. Nesta etapa de madurez, foi Vice-Presidente da “Comissão para a Integração da Língua da Galiza no Acordo da Ortografia Simplificada” e membro de honra da Associaçom Galega da Língua e mais da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Nos últimos anos da súa vida, recibiu homenaxes por parte de colectivos como a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, a Agrupación Cultural O Facho ou a Fundación Alexandre Bóveda.

A súa obra comprende principalmente producións dramáticas ou textos teóricos sobre o feito escénico. Así afirmaba a súa preocupación intelectual polo xénero dramático no seu discurso de entrada na RAG: “Alí onde haxa un teatro florecente hai un pobo que defende as súas libertades e alí onde a súa produción sexa escasa, hai un pobo esmorecente”.

Boa parte das súas pezas viron a luz en publicacións como Grial e Agália. Referimos a seguir a súa bibliografía exenta máis relevante:

A revolta e outras farsas. Vigo: Galaxia, 1965. Inclúense as pezas “Monifates, contos dialogados”, “A obriga” e “A revolta”, que foi presentada, por amigos e sen o autor sabelo, ao Concurso de Teatro Galego Castelao, en 1965, no que obtivo o primeiro premio.

Importancia do público na revelación teatral: discurso lido o día 25 de febreiro de 1978 na súa recepción. A Coruña: Real Academia Galega, 1979.

Lembrando a Manoel Antonio. Santiago de Compostela: Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, 1979.

A vida escura. A Coruña: Associaçom Galega da Lingua, 1987.

Ramo cativo: folc-drama en tres estáncias. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 1990.