Académicos e académicas

Isidro Parga Pondal

Isidro Parga Pondal

Laxe, A Coruña, 1900 - A Coruña, 1986
Data de ingreso
25/06/1960
A proposta de
Luís Iglesias Iglesias, Paulino Pedret Casado, Aquilino Iglesia Alvariño
Resposta pronunciada por
Luís Iglesias Iglesias

Especialista en xeoquímica, a mineraloxía e a xeoloxía galegas, foi un dos científicos galegos máis recoñecidos do século. XX. Membro do Seminario de Estudos Galegos (SEG) e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), da que o expulsaron durante a ditadura franquista polo seu ideario galeguista e progresista, as súas achegas ao coñecemento das propiedades químicas do solo e subsolo galegos permitiron o desenvolvemento de varias iniciativas empresariais.

Isidro Parga Pondal naceu en Laxe no seo dunha familia acomodada. Era sobriño neto de Eduardo Pondal por parte materna e, por parte de pai, neto do doutor Isidro Pondal Abente, director médico do balneario de Mondariz e figura decisiva na súa escolla vocacional polas ciencias naturais, pois foi el quen o agasallou co seu primeiro laboratorio de mineraloxía e química analítica. Entre os seus primeiros mentores achábase tamén o químico galego José Casares Gil. Logo de completar o bacharelato en Santiago de Compostela, en 1918 trasladouse a Madrid, onde cursou a carreira de Ciencias Químicas. Tivo entre os seus profesores o matemático Julio Rey Pastor e o químico Ángel del Campo Cerdán. Empeza a encamiñar os seus estudos pola especialidade de Xeoquímica, materia na que acabaría acadando un recoñecemento internacional. En 1925, de volta en Galicia, casou con Avelina Peinador, filla do empresario galeguista Enrique Peinador, dono do balneario de Mondariz.

En 1923 obtén, por oposición, a praza de profesor auxiliar de Química Inorgánica e Análise Química na sección de Química da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Gaña axiña sona entre o alumnado como docente pola súa vontade de modernización do ensino e preferencia polo traballo práctico no laboratorio e pola constitución de amplos equipos de investigación que incluísen mulleres como Dolores Lorenzo Salgado, Amparo Arango e Encarnación Fraga Padín. Dous dos seus alumnos máis destacados foron Clemente Zapata Zapata e Xosé Vázquez Garriga.

Durante o seu período como docente obtivo o premio Alonso Barba (1930) outorgado pola Sociedad Española de Física y Química, e recibiu dúas importantes bolsas para continuar a súa formación: unha da Junta para la Ampliación de Estudios, co fin de estudar xeoquímica e xeoloxía en Zürich entre 1930 e 1931 tutelado por Paul Niggli, e outra da Asociación Española de Fabricantes de Cemento, que o levaron a unha estadía en Berlín entre 1932 e 1933 baixo a dirección do profesor Kuhl.

En 1934 presentou en Madrid a súa tese de doutoramento, Quimismo de las manifestaciones magmático-cenozoicas de la Península Ibérica, a primeira de xeoquímica (petroquímica) realizada en España e merecente dun sobresaliente cum laude. No seo da USC, fundou e dirixiu o primeiro laboratorio de xeoquímica do estado, no que se encetaron numerosos traballos de investigación, moitos deles coa finalidade práctica de darlle pulo á creación de novas industrias químicas en Galicia. Da súa estreita colaboración co académico Luís Iglesias Iglesias naceu o Museo Rexional de Historia Natural, adscrito á Facultade de Ciencias da USC.

Parga Pondal principiou a súa carreira investigadora centrando as súas pescudas na análise das algas mariñas galegas. Máis tarde ocupouse da análise dos minerais, para pasar, finalmente, á xeoquímica. Moitos dos seus traballos foinos dando a coñecer na revista Anales de la Sociedad Española de Física y Química, e tamén en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, institución da que formaba parte, encadrado na sección de Ciencias Naturais que dirixía Luís Iglesias, tras a publicación do seu traballo “Datos para la geoquímica de Galícia. El contenido en yodo de las principales algas marinas de las costas de Galicia”. A este traballo seguirían outros seis ensaios sobre a composición química do solo e o subsolo galegos: “La pirrotina de La Mañoca”, “La nontronita de Chenlo”, “La envasita de Negreira” etc. A partir de 1932 fíxose cargo da subsección de Xeoquímica do Seminario, e en 1935 participou na Semana Cultural Galega de Porto en representación do SEG. Tres dos seus traballos foron co-asinados con alumnas súas: un sobre a magnetita e limonita con Dolores Lorenzo Salgado, outro sobre a presenza do volframio en Galicia con Amparo Arango e un terceiro sobre a pegmatita litinífera canda Encarnación Fraga Padín.

En 1936 foi expulsado da universidade polas autoridades franquistas debido ás súas ideas galeguistas e progresistas e tivo que regresar á súa terra natal de Laxe, onde puxo a andar o Laboratorio Xeolóxico de Laxe. Esta institución científica, que converteu nun referente internacional, levou a cabo importantes iniciativas, como a realización de varios mapas xeolóxicos de Galicia en colaboración co Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME), como o mapa Noroeste de la Península Ibérica (1967) e o do Macizo Hespérico (1982), nos que achegou importantes novidades. No Laboratorio acolle, así mesmo, estudosos do solo de distintas universidades europeas, celebra reunións e simposios sobre a xeoloxía galega e publica traballos en revistas especializadas do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e nunha cabeceira propia: o Boletín de los Laboratorios de Lage. Parte dos seus traballos foron dados ao prelo por Ediciós do Castro, que lle dedicou unha colección específica: os Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe.

Tamén na vila da Costa da Morte dirixiu a empresa Kaolines de Lage desde 1938 e comezou a colaborar coa empresa Zeltia, propiedade dos irmáns Fernández, empresarios achegados ao ideario galeguista. Canda eles botou a andar diversas explotacións extractivas, como as do cal do Val do Mao, esenciais para a produción de cemento a través da empresa Cementos del Noroeste, fundada en 1958, ou a do titanio das praias de Razo e Balarés, destinados á produción de pintura.

Académico correspondente desde 1954 a proposta de Leandro Carré, Francisco Vales Villamarín e Sebastián Martínez Risco, foi nomeado numerario en 1960 a proposta de Luís Iglesias Iglesias, Paulino Pedret Casado e Aquilino Iglesia Alvariño. O seu discurso de ingreso na Academia Observación, interpretación y problemas geológicos de Galicia, foi respondido polo seu amigo e colega Luís Iglesias Iglesias. A Academia conserva no seu Arquivo o importante fondo Isidro Parga Pondal, que conta con manuscritos do poeta Eduardo Pondal.

Isidro Parga Pondal obtivo numerosos premios ao seu labor científico e contribucións ao maior coñecemento de Galicia, como o Pedrón de Ouro (1965), o premio de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (1982) e honoris causa da USC ao ano seguinte, amais da Medalla Castelao (1983).