Enrique Peinador Lines, empresario galeguista

O dono do Gran Hotel-Balneario de Mondariz desenvolveu, ao longo de toda a súa vida, un activo labor de mecenado de numerosas iniciativas culturais galegas.
Vistas de Mondariz cara a 1920
Vistas de Mondariz cara a 1920


As propiedades medicinais das augas do manancial de Troncoso, en Mondariz, eran xa coñecidas desde o século XVIII grazas á publicación, en 1772, de Descripción de las 54 fuentes minerales del Reyno de Galicia, do estudosos Pedro Gómez de Bedoya, pero non é ata 1873 cando Enrique Peinador Vela (1847-1917) decide fundar o Gran Hotel-Balneario de Mondariz nesta paraxe, que acadará, andado o tempo, sona mundial como un dos mellores establecementos na súa categoría, e que mereceu mesmo a visita do monarca Alfonso XIII en abril de 1919.

Alfonso XIII en Mondariz
Alfonso XIII en Mondariz


Pero será o seu fillo, Enrique Peinador Lines (1880-1940) -xerente do Gran Hotel a partir de 1907, membro correspondente da Academia, do Partido Galeguista e socio protector do Seminario de Estudos Galegos desde a súa fundación en 1923- o que ha converter Mondariz nun dos principais centros de promoción do activismo galeguista durante o primeiro terzo do século XX e ata a chegada da Guerra Civil.

Enrique Peinador na recepción de Castelao
Enrique Peinador, de pé terceiro pola esquerda, no acto de recepción de Castelao como membro da Academia


O seu labor de mecenado abrangueu multitude de iniciativas. No editorial, salientamos a publicación do semanario La Temporada en Mondariz entre 1878 e 1931, que incluía tamén un Suplemento mensual, no que se que editaban textos en castelán e galego de autores como Manuel Murguía, Celso G. de la Riega, Aurelio Ribalta, Ramón Cabanillas ou do propio Enrique Peinador –habitualmente baixo pseudónimo- sobre cuestións relacionadas coa historia e a etnografía galegas ou de creación literaria, alén dos artigos de temática medicinal e de vida social propia dunha publicación deste tipo.

A relación de Peinador Lines con Murguía e Cabanillas foi particularmente estreita. Xa en 1905 publica un artigo na Revista Gallega, denunciando a precaria situación económica do Patriarca, a quen lle ofrece a posibilidade de publicar asiduamente e de xeito remunerado nas páxinas de La Temporada. No Fondo Murguía do Arquivo da Academia consérvase unha carta de Enrique Peinador a Murguía de 1922, que se pode consultar aquí, que pon de manifesto a profundidade dos intereses en materia historiográfica do empresario pontevedrés.

No que atinxe á súa relación con Cabanillas, o poeta cambadés escolleu o Balneario de Mondariz como escenario para a súa recepción como membro de número da Academia, o 31 de agosto de 1931. Así mesmo, Cabanillas dedicoulle a obra O Mariscal a ao dono de Mondariz, lugar no que pasou longas temporadas como convidado nas súas instalacións.

Julio Dantas e Ramón Cabanillas en Mondariz
Julio Dantas e Ramón Cabanillas en Mondariz


O labor como promotor galeguista de Enrique Peinador sobordou os lindes da mera acción cultural e estendeuse tamén á area da política, como podemos comprobar nas bases deste concurso feito público nas páxinas do Suplemento de La Temporada en Mondariz o 21 de xullo de 1921, en cuxo primeiro punto se pode albiscar un verdadeiro programa de acción política nacionalista. Esta militancia halle custar, coa instauración do novo réxime tras da Guerra Civil, a confiscación de parte dos seus bens, entre eles, os terreos onde está situado o actual Aeroporto de Peinador.