Académicos e académicas

Luís Iglesias Iglesias
Vigo, 1895 - Pontevedra, 1976
Data de ingreso
18/12/1947
A proposta de
Ramón Mª Aller Ulloa, Antonio Couceiro Freijomil e Paulino Pedret Casado
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Ramón Otero Pedrayo
Nesta cadeira
Bernardino Graña Villar (12/06/2010 - 18/01/2025)
Constantino García González (12/03/1982 - 23/10/2008)
Luís Iglesias Iglesias (18/12/1947 - 29/12/1976)
Juan Domínguez Fontela (22/04/1939 - 11/03/1942)
Antonio Rey Soto (30/08/1920 - 26/08/1926)
José Antonio Parga Sanjurjo (28/09/1907 - 12/09/1917)
Valentín Lamas Carvajal (04/09/1905 - 04/09/1906)
Médico, científico e entomólogo especializado no estudo das pragas do campo. Foi reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o primeiro presidente do padroado da Casa de Rosalía de Castro e o derradeiro do Seminario de Estudos Galegos.
Nado no barrio de Teis no seo dunha familia de médicos, completou o bacharelato no Colexio Cívico Militar vigués e fixo en Santiago de Compostela o curso preparatorio e o primeiro de Medicina. A partir de 1913-1914, xa na Universidade Central de Madrid, compaxinou os estudos desta carreira cos de Ciencias Naturais, especialidade na que se licenciou en 1916. Doutorouse ao ano seguinte, con premio extraordinario, coa tese Enumeración de los curculiónidos de la Península Ibérica e Islas Baleares, centrada nun tema entomolóxico, especialidade na que seguiría a esculcar o resto da súa carreira investigadora.
De volta en Santiago de Compostela, proseguiu os estudos de Medicina, que rematou en 1919. Ese mesmo ano comezou a traballar como profesor auxiliar na Facultade de Ciencias compostelá das cátedras vacantes de Xeoloxía e Bioloxía. Ao mesmo tempo, Iglesias Iglesias preparou as oposicións para o corpo municipal de inspectores de sanidade, que gañou en 1927, e para a cátedra de profesor de ensino medio, que aprobou en 1928 co número un da súa promoción na especialidade de Fisioloxía, Hixiene, Xeoloxía e Bioloxía do Instituto compostelán. No seu tempo libre, colaboraba co Museo de Ciencias Naturais da USC, que na actualidade leva o seu nome.
En 1932 acadou, tamén por oposición, a cátedra de Bioloxía da Facultade de Ciencias de Santiago, onde desenvolveu toda a súa carreira docente ata a súa xubilación en 1965. Foi un profesor estimado polos seus pares e o alumnado. Foi decano da Facultade de Ciencias vicerreitor da USC (1934) e reitor (1936), cargo que deixou ese mesmo ano. Máis adiante exerceu, así mesmo, como administrador xeral da USC. Tres veces bolseiro da Xunta para a Ampliación de Estudos (JAE), viaxou por Europa para completar os seus coñecementos en entomoloxía agraria no Real Instituto Superior Agrario de Portini (Nápoles) e noutros centros de investigación agraria de Roma e Boloña.
En 1926 ingresou no Seminario de Estudos Galegos (SEG) cun discurso titulado Aves de Galicia (1927). No seu seo, dirixiu a sección de Ciencias Naturais e foi o seu derradeiro presidente, sucedendo a Cotarelo Valledor, antes do estoupido da guerra civil e a disolución desta entidade científica.
En 1927 participou nunha excursión promovida pola Comisión de Estudios de Galicia da JAE que tiña como obxectivo investigar o legado natural e folclórico das serras dos Ancares, O Invernadoiro e Queixa. Os resultados desta misión –dirixida por Luis Crespí e na que tomaron parte outros eminentes científicos da época, como o xenético ruso Nikolai Ivanovich Vavilov ou o botánico portugués Gonçalo Sampaio– foron publicados en parte no artigo “Impresiones de la excursión a Sierra de los Ancares, Invernadeiro y Queija en el mes de junio de 1927” (1929), nas páxinas do Arquivo do SEG. Neste traballo Iglesias, logo de describir varias especias vexetais e animais en perigo de extinción dos Ancares, propón a creación do que sería o primeiro parque natural de Galicia, para favorecer a súa protección e conservación. No mesmo medio publicou tamén “Reconocimiento de tejidos vegetales por reactivos microquímicos” (1930) e “La lucha antiacrídica” (1932).
Promoveu, canda Rodríguez Cadarso, a fundación do Instituto de Estudios Regionales y Portugueses, a partir do cal naceu o Laboratorio de Fitopatoloxía e o Consultorio de Pragas do Campo (1933), que dirixiu durante trinta anos, e desde o que prestou valiosos servizos no control das pragas ás explotacións agrarias do país. Tamén colaborou, como asesor técnico, coa farmacéutica Zeltia, fundada polos irmáns lucenses Fernández López, no desenvolvemento de produtos fitosanitarios. Mantivo, así mesmo, unha estreita relación con Cruz Gallástegui, o creador da Misión Biolóxica de Galicia.
Foi autor dunha obra extensa na que salientan os seus estudos sobre xeoloxía, parasitoloxía humana e entomoloxía, entre os que destacan Interpretación de escenas de la vida de los insectos, ensaio cunha perspectiva etolóxica que foi lido na inauguración do curso 1941-1942 da USC, e o capítulo “Xeografía fito-zoolóxica”, da Historia de Galiza (1962) dirixida por Otero Pedrayo. Tamén impartiu numerosas conferencias sobre temas científicos, e escribiu artigos de divulgación en medios como Faro de Vigo, El Pueblo Gallego e El Correo Gallego.
Entre os recoñecementos e distincións que recibiu destacan a Medalla de Prata ao mérito cultural da Orde de Cabaleiros de Compostela e a Encomenda e a Gran Cruz Civil de Afonso X O Sabio.
Foi proposto como membro correspondente da Real Academia Galega en 1941 a iniciativa de Ángel del Castillo, Jesús Carro e Paulino Pedret, e numerario co apoio de Ramón María Aller Ulloa, Paulino Pedret Casado e Antonio Couceiro Freijomil. O seu discurso de ingreso, Especies del género Carabus en Galicia, versa sobre cuestións de entomoloxía e foi respondido por Ramón Otero Pedrayo. Anos máis tarde, en 1960, Iglesias Iglesias foi o encargado de darlle resposta ao discurso de ingreso doutro científico do SEG na Academia: Isidro Parga Pondal.