Académicos e académicas
Bernardino Graña Villar
Cangas do Morrazo, Pontevedra, 1932
Data de ingreso
12/06/2010
A proposta de
Xosé Luís Méndez Ferrín, Francisco Fernández Rei e Ramón Lorenzo
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Ramón Lorenzo
Nesta cadeira
Bernardino Graña Villar (12/06/2010 - Actualidade)
Constantino García González (12/03/1982 - 23/10/2008)
Luís Iglesias Iglesias (18/12/1947 - 29/12/1976)
Juan Domínguez Fontela (22/04/1939 - 11/03/1942)
Antonio Rey Soto (30/08/1920 - 26/08/1926)
José Antonio Parga Sanjurjo (28/09/1907 - 12/09/1917)
Valentín Lamas Carvajal (04/09/1905 - 04/09/1906)
Cangas, 1932. Poeta do mar e do amor. Autor dunha obra extensa, de ton vitalista e linguaxe popular. Membro fundador do grupo Brais Pinto (Madrid, 1958), a súa voz é unha das máis recoñecidas polo público e a crítica contemporánea. A paisaxe, a fala, a experiencia amorosa e os ambientes mariñeiros nos que medrou deixan unha fonda pegada na súa lírica. Cultivador tamén do teatro e a narrativa, con especial atención ao público infantil.
O escritor pasou a infancia entre Cangas e Ribadavia, onde o seu pai dirixía unha academia á que tamén asistiu o académico Xesús Alonso Montero, con quen compartiu pupitre. Sendo moi novo, a través do cura e intelectual galeguista Faustino Rey Romero, incorporouse ao comité de redacción da revista de poesía Alba, que dirixía en Vigo Ramón González Alegre, momento en que comezou a coñecer outros escritores e galeguizou a súa poesía. Tras estudar Filoloxía Románica nas universidades de Santiago de Compostela, Salamanca e Madrid, anos máis tarde doutorouse nesta especialidade cunha tese sobre Miguel Torga. Traballou como catedrático de Lingua e Literatura no ensino medio en institutos do Estado español e Galicia en localidades como Molina de Aragón, Xinzo de Limia, Luarca, Onda, Vilarreal, Lugo, Padrón ou Cangas, onde deixou unha forte pegada entre o alumnado.
Gañador do certame de poesía das Festas Minervais nos anos 1954, 1955, 1959 e 1969, o seu primeiro libro, Poema do home que quixo vivir, de marcado carácter existencialista, foi publicado por Brais Pinto en 1958. En 1966 saíu do prelo Profecía do mar, “un dos libros máis nobres da poesía galega contemporánea”, en palabras do seu compañeiro de xeración Xosé Luís Méndez Ferrín. Neste poemario o poeta establece un diálogo apaixonado cun mar investido de gran forza telúrica na lingua patrimonial dos mariñeiros de Cangas (...e mais eu amo as ágoas i é difícil / ser ágoa e darse en ágoa / amo a materia). Logo virían, entre outros, Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Sima-Cima do voar do tolo (1984), o telúrico Himno verde (1992), Ardentía. Obra poética completa (1995) e Luz de novembro (1997).
De 1980 é Se o noso amor e os peixes..., outra das súas obras máis celebradas. O volume inclúe pezas que lindan ás veces coa dicción neotrobadoresca e que constitúen algúns dos mellores exemplos de poesía amorosa en lingua galega, como o célebre poema titulado “Como hei vivir mañá sen a luz túa?” (Case morto vivín sen coñecerte / aló na chaira por absurdas rúas / onde ninguén me soupo dar mornura).
A poesía de denuncia civil, o ecoloxismo, o poema de circunstancias en homenaxe a persoas amigas ou admiradas son outros temas frecuentes na obra dun poeta dotado, en palabras de Xosé María Álvarez Cáccamo, “dunha titánica enerxía vitalista e unha forza destrutiva e purificadora de dimensión cósmica e material que concentra o seu poder simbólico na figura colosal do mar”. Para Xesús Alonso Montero, “a musa do noso Bernardino é unha musa plural, que vai do existencialismo inicial –un pouco inxenuo– á poesía civil pasando polas súas grandes páxinas telúricas”.
Moitos dos seus poemas acadaron sona e difusión alén do ámbito restrinxido do lectorado de poesía. Composicións súas como “O gato da tasca mariñeira”, “Oda aos mariñeiros de Cangas”, “Quedei no bar seco como un peixe” ou a devandita “Como hei vivir mañá sen a luz túa?” foron incorporadas ao cancioneiro popular contemporáneo da man de músicos como Suso Vaamonde, o dúo formado por Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias –Mini e Mero– ou o grupo de rock cangués Astarot.
Alén da poesía, Bernardino Graña cultivou o teatro e a narrativa, onde salienta, sobre todo, a súa produción destinada ao público infantil e xuvenil, con títulos como O león e o paxaro rebelde (1969), premiado no II Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho; Planeta de ratos tolos (1990), Xan Guindán, capitán (1991); Rata linda de Compostela (1994); O gaiteiro e o rato Pérez (1994), premio Merlín de 1993; Xan Guindán e os salvaxes (1996); Xan Guindán mensaxeiro (1997), ou O quirico lambón (1997). Neste xénero Bernardino Graña amosa a influencia da narrativa oral tradicional que coñeceu de neno e celebrou no seu discurso de ingreso na Academia, Contos populares e Rosalía.
Narrador serodio para o público adulto, resultou gañador do Premio Eixo Atlántico do ano 2006 coa novela Protoevanxeo do neto de Herodes. Nestas páxinas o autor transforma a liñaxe canónica de Xesús ao situalo como fillo de María e Antípatro e, por tanto, neto de Herodes. Máis que cuestións de índole teolóxica, a narración desenvolve o conflito político entre Roma e Israel no que Antípatro toma partido polos xudeus. O tema da vida e obra de Xesús sería tratado de novo desde a mesma perspectiva heterodoxa no libro A fuga a Exipto, de 2016.
Como dramaturgo publicou Vinte mil pesos crime (1962), un clásico da literatura dramática de posguerra no que desenvolve un argumento de violencia e corrupción moral mediado polo diñeiro. A esta obra seguíronlle “Sinfarainín contra don Perfeuto” (1975), publicada na revista Grial; Os burros que comen ouro nunca cabalos serán, que recibiu o Premio Abrente de Ribadavia en 1979 e foi publicada en 1992; e Larpancia saborosa do lobo e a raposa, premio Estornela de 2008 e publicada en 2011. Nestas pezas desenvolve con humor, tenrura e sinxeleza cuestións de crítica social e denuncia da mercantilización da vida moderna.
Colaborou como articulista en xornais como Faro de Vigo, La Región, La Noche e O Correio do Minho; e revistas como Grial, Vieiros –editada dende o exilio mexicano –, a mallorquina Dabo, pliegos de poesía, a salmantina Clavero ou a devandita Alba. No eido filolóxico, compilou e publicou, con intención divulgativa e linguaxe actualizada, unha selección de cincuenta composicións das Cantigas de Santa María (1996).
Comprometido nos seus textos cos problemas sociais, políticos e mesmo ecolóxicos do seu tempo, Bernardino Graña tomou partido tamén na vida civil. Foi impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e promotor e socio do Pen Club Galicia. Recibiu, entre outros, o premio Pedrón de Ouro (1999) e o da Cultura Galega (2021). É fillo predilecto do Concello de Cangas (2022).