Académicos e académicas
Antonio Rey Soto
Ourense, 1879 - Madrid, 1966
Data de ingreso
01/01/1940
A proposta de
Manuel Martínez Murguía, Andrés Martínez Salazar e Uxío Carré Aldao
Título do discurso
Las primeras obras tipógraficas impresas y editadas en nuestra región (años 1494 a 1553)
Resposta pronunciada por
Marcelo Macías y García
Naceu na parroquia ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo o 18 de febreiro de 1879 e morreu en Madrid o 21 de febreiro de 1966. Foi poeta e dramaturgo, fundamentalmente en lingua castelá, mais tamén un destacado tradutor e bibliófilo.
Rey Soto cursou estudos de Filosofía e Letras e de Teoloxía no Seminario diocesano de Ourense. Despois de se ordenar crego, en 1901, ampliou os seus estudos nas Universidades de Santiago de Compostela e Madrid. Compañeiro e amigo de Basilio Álvarez, conságrouse á literatura en lingua castelá sen esquecer a realidade social galega e a súa cultura. No ano 1903 escribe o seu primeiro poema en galego coñecido, “O mosteiro de San Esteban de Ribas de Sil”, un par de anos antes de dar á imprenta Falenas, o seu primeiro poemario en galego. Catro anos despois, en 1909, escribe outro poema en lingua galega, “O Pazo”.
No ano 1910, foi escollido académico fundador da Academia de Poesía Española de Madrid e, nos anos seguintes, ao tempo en que publica algunhas obras literarias en castelán, acada celebrados triunfos con representacións de obras teatrais da súa autoría, tanto en Galicia, coma en Madrid ou Barcelona. No ano 1920, foi nomeado membro de número da Real Academia Galega, xunto a Ramón Cabanillas, representante da poesía escrita en galego. No seu ingreso, que non se realizou ata o 1 de xaneiro de 1940, leu o discurso “El libro en Galicia”, que foi respondido por Marcelo Macías.
No ano 1922, Rey Soto viaxa a Cuba, onde se instala e comeza a interesarse vivamente polo cine, participando na fundación de Celta-film e mais en numerosas conferencias en salas de proxección. Pasados uns anos de intensa actividade intelectual en Cuba, retírase, en 1925, a Guatemala, onde retoma o labor explicitamente sacerdotal, exercendo, durante cinco anos, como reitor da Parroquia Vieja. Volve tamén ao labor literario e pedagóxico na Cátedra de Literatura Hispanoamericana da Universidade Nacional de Guatemala. Cumprida a etapa no continente americano, retorna a Madrid. Ao comezo da Guerra Civil, a súa casa viviu un saqueo que provocou a perda de boa parte dos seus arquivos. Pasou os anos da guerra entre Madrid e Ourense ata que, finalmente, decidiu volver a Galicia, escollendo como residencia Ourense, onde contaba cos amigos do pasado. En 1955, trala morte de Ángela Santamaría, marquesa de Atalaya Bermeja, pertencente a unha familia amiga da que el mesmo fora capelán, Rey Soto retirouse ao mosteiro de Poio. Logo dunha longa estadía no convento, faleceu na capital do Estado o 20 de febreiro de 1966. Por vontade do noso biografado, os seus restos regresaron ao mosteiro de Poio, ao que tamén doou a súa biblioteca.
A súa produción pode encontrarse en revistas como Alba ou na segunda etapa do xornal O Tío Marcos da Portela. Como tradutor, publicou en galego un libro de poemas satíricos de Horacio titulado Escola de larpeiros (1949). É autor dunha vastísima obra literaria en castelán recollida en catro volumes de Obras Completas (1965, 1966 e 1967). No entanto, as Obras Completas tamén albergan a súa produción poética en galego: unha ducia escasa de composicións que, no centenario do seu nacemento, foron publicadas por separado. Malia a súa obra exigua na nosa lingua, considérase un dos poucos poetas galegos que presentan un influxo modernista nos seus versos.
Recollemos, a seguir, as súas publicacións exentas en galego e tamén algunhas das máis significativas en castelán, nas que incluímos aqueles artigos que fan referencia á realidade galega.
Obra en galego
Literatura
Poesía
Falenas. Ourense: Imp. A. Otero, 1905.
Poemas en galego. Madrid: Revista de Estudios, 1979.
Obra en castelán
Literatura
Nido de áspides. Madrid: Pelardo y Páez, 1911.
Amor que vence al amor: poema dramático en tres actos y un prólogo. Madrid: Librería de los Sucesores de Hernando, 1917.
Cuento del lar: tragedia rústica en cuatro actos, en prosa y verso, estrenada en el Teatro Odeón, de Madrid, el dia 7 de marzo de 1918. Madrid: Librería de la Viuda de Pueyo, 1918.
La Loba. Madrid: Imp. Juan Pueyo, 1918.
Estampas Guatemaltecas. Guatemala: [s.n.], 1929.
La copla de cuasia. Madrid: Compañía General de Artes Gráficas, 1930.
El Crisol del Alquimista. Madrid: Compañía General de Artes Gráficas, 1931.
Galicia: venera y venero de España. A Coruña: Moret, 1949.
Obras Completas. Madrid: Revista Estudios, 1965-1967.
Ensaio
Divagaciones en torno de la poesía: conferencia leída en la Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos de La Coruña el 21 de noviembre de 1915. A Coruña: Tall. La Voz de Galicia, 1915.
La Imprenta en Galicia: El Libro Gótico: Discurso leido por Antonio Rey Soto en el acto de su recepción en la Real Academia Gallega el día 30 de agosto de 1920 y contestación de Marcelo Macías y García. Madrid: Estanislao Maestre, 1934.