Académicos e académicas
Xaquín Lorenzo Fernández
Ourense, 1907 - Lobeira, Ourense, 1989
Data de ingreso
16/09/1951
A proposta de
Florentino López Cuevillas, Vicente Martínez-Risco e Ramón Otero Pedrayo
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Ramón Otero Pedrayo
Xaquín Lorenzo naceu o 23 de xuño de 1907 na rúa da Paz en Ourense, xusto en fronte da casa na que anos antes naceran Vicente Risco e Otero Pedrayo. Seu pai, José Laurentino Lorenzo Álvarez, xornalista e debuxante estudara Dereito na universidade compostelá, aínda que nunca exerceu esta profesión. Súa nai, Xoaquina Fernández Barcia, procedía de Vigo.
Os primeiros anos da súa vida transcorreron na casa familiar con seu pais e seu irmán Xurxo, nado tres anos despois ca el. Tamén serán frecuentes as estadías na casa dos avós paternos, en Facós e en Vigo, na casa dos avós maternos.
As primeiras letras e os primeiros números non os aprenden os dous irmáns na escola, será no seo familiar e da man de seus pais. Eles foron os que se encargaron da formación intelectual dos fillos ata que comezaron na escola rexentada por Amador e Saturnino Villar, xa tiña para daquela Xaquín 8 anos, segundo testemuño de súa nai. No curso 1917-1918 comezou a súa andaina como estudante de bacharelato no Instituto de Ourense e xa nos últimos cursos recibiu clases de Otero Pedrayo, quen tras gañar a cátedra de Xeografía e Historia e despois de pasar por Burgos e Santander se traslada a Ourense. En xuño de 1923 acadou o grao de bacharel e matricúlase por libre en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago.
Neste mesmo ano un suceso lutuoso sacode a familia, seu pai morre de repente o 25 de novembro. Pouco tempo despois súa nai ten que trasladarse á Arxentina por mor dos problemas xurdidos co administrador dos bens alén do mar e os dous fillos quedan cos avós, Xaquín en Lobeira e Xurxo en Vigo, aínda que trala morte da avoa de Lobeira Xaquín vese obrigado a trasladarse a Vigo. Estas circunstancias inflúen negativamente nos estudos de Xaquín, en 1926 matricúlase no acceso á carreira de Dereito, pola que tampouco amosa moito interese.
No curso 1931-1932 matricúlase por primeira vez por oficial na universidade e elixe a especialidade de Historia, canda el tamén o fai seu irmán Xurxo, que xa iniciara os seus estudos en Madrid. Porén, o enfrontamento entre os profesores e os alumnos galeguistas, fundamentalmente os pertencentes ao Seminario de Estudos Galegos, entre os que estaban os dous irmáns abondo xa coñecidos polos seus traballos, provoca que ambos os dous teñan que trasladar o seu expediente a Zaragoza para poder continuar cos estudos. Ao pouco de chegar á cidade aragonesa, o 3 de abril de 1934, morre Xurxo vítima dunha septicemia. Xaquín, despois das exequias de seu irmán, regresa a Zaragoza e acada a licenciatura en Filosofía e Letras.
Dos anos de universitario son as súas primeiras publicacións e tamén o contacto co Seminario de Estudos Galegos no que ingresou como "socio aitivo" cun traballo sobre o carro galego, o 1 de maio de 1926. Xaquín traballou fundamentalmente nas seccións de Etnografía e Folclore, dirixida por Risco e na de Prehistoria, dirixida por Cuevillas. Participou en distintas campañas promovidas polo Seminario como a catalogación de castros, o estudo de distintas localidades (Velle, Calvos de Randín), e tamén cos seus propios traballos de investigación, que en moitos casos verán a luz na revista Nós. A súa tarefa non só incluía estudos, estivo moi implicado no proxecto de creación dun Museo de Galicia, proxecto que esmorece coa guerra e que aínda que tardiamente verá cumprido coa creación do Museo do Pobo Galego, do que será presidente. As tarefas organizativas dentro do Seminario tamén contaron coa súa presenza e desde case o momento do seu ingreso ocupou distintos cargos, foi membro da Comisión directora (1932-1933), Conservador do Museo (1932) e desde 1934 e ata a súa desaparición, conselleiro permanente da Institución.
Nestes anos mozos tamén participa na vida política do país, en 1930 foi nomeado secretario terceiro da Irmandade Galeguista de Ourense e un ano despois apoiou o Manifesto do Partido Nazonalista Republicán, formación na que estaban Risco, Otero Pedrayo, ou Cuevillas entre outros e que logo, xunto con outros grupos, constituirían o Partido Galeguista que a finais deste mesmo ano xa comezaba a agromar. Xaquín Lorenzo sempre se considerou un dos fundadores e participou en mitins, conferencias e traballou a prol do Estatuto de Autonomía.
A sublevación do ano 36 colle a Xaquín Lorenzo con 29 anos, o 1 de agosto foi chamado para incorporarse ao exército aínda que poucos días despois, o día 12 dese mesmo mes cae gravemente ferido en Villablino e ten que ser trasladado ao hospital de León. A consecuencia deste incidente declarárono inútil para o exército e o 29 de decembro de 1937 volveu definitivamente para a casa.
Finalizada a contenda foi nomeado profesor interino de Xeografía e Historia no Instituto de Ourense, ocupou o posto de Otero Pedrayo, apartado da cátedra desde 1937. A súa filiación galeguista non permitiu que seguise no ensino público e no curso 1942-1943 xa forma parte do claustro de profesores do colexio privado Cardenal Cisneros, do que chegou a ser copropietario e director e no que permaneceu ata a súa xubilación en 1981.
As novas Institucións nacidas trala confrontación contan coa súa colaboración así, aínda que non forma parte do Instituto Padre Sarmiento participa con varios traballos na súa revista Cuadernos de Estudios gallegos. Tamén colaborou na Comisión Provincial de monumentos Históricos y Artísticos de Ourense na que se encargou de sacar adiante o Boletín. Foi membro do Grupo Marcelo Macías de colaboradores do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Colaborou coa Coral de Ruada da que foi asesor desde 1947.
O seu labor de etnógrafo e arqueólogo segue paseniño desde a fin da confrontación e percorre Galicia na busca de datos para os seus estudos; o mar, a terra, os oleiros, os cesteiros, o carro, o xugo, os xogos e cantigas populares estarán presentes na súa obra.
Pouco a pouco comezou a época dos recoñecementos, o 16 de setembro de 1951 en Celanova e coincidindo co centenario do nacemento de Curros ingresou como Académico Numerario da Real Academia Galega cun discurso sobre a casa galega que foi contestado en nome da Corporación por Ramón Otero Pedrayo.
Dez anos despois foi distinguido coa Encomenda de Afonso X o Sabio, neste mesmo ano tamén recibiu a distinción de Colexiado Distinguido polo Consello Nacional de Colexios Oficiais de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras. Formou parte do Pedrón de Ouro desde a súa constitución en 1965. Pero quizais sexa en xullo de 1976 cando vexa cumprida unha das arelas máis cobizadas, a constitución do Padroado do Museo do Pobo Galego, do que foi elixido presidente.
En 1982 concedéuselle o Premio Otero Pedrayo, en 1983 foi nomeado Presidente de Honra do Pedrón de Ouro e fillo Predilecto da Provincia de Ourense. En 1984 recibiu a Medalla Castelao. No ano 1989 foi homenaxeado no Colexio Público de Bande que desde esta data leva o nome de Xaquín Lorenzo. Organismos públicos e privados réndenlle diversas homenaxes a este ilustre persoeiro nas últimas décadas.
Despois dunha vida dedicada á arqueoloxía, á etnografía, á historia e a tantas outras disciplinas, Xaquín María Perfecto Lorenzo Fernández, Xocas, como lle chamaban os seus amigos, morreu na súa casa de Lobeira o 18 de xullo de 1989.
A súa producción intelectual contén os seguintes títulos, ademais de numerosas achegas a distintas publicacións periódicas como El Pueblo Gallego, Cuadernos de estudios gallegos, Nós, Arquivos do Seminario de Estudios Galegos, Boletín da Real Academia Galega, Boletín de la Comisión de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense, Revista de dialectología y tradiciones populares ou Boletín Auriense:
A arte popular nos xugos de Galicia. Porto: Imprensa Portuguesa, 1935.
A Casa. Vigo: Galaxia, 1982.
As casas dos mortos. Lisboa: Junta de Investigações do Ultramar, 1965.
A muller no cancioneiro galego. Santiago de Compostela: Nós, 1932.
A Nosa Señora do Viso. Trasalba: Fundación Otero Pedrayo, 1983.
A terra. Vigo: CRTVG-Editorial Galaxia, 1982.
Cantigueiro popular da Limia Baixa. Vigo: Galaxia, 1973.
Da casa rural á casa vilega. Vigo: Galaxia, 2004.
Enredos. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego, 1992.
O carro no folclore de Galicia. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego, 2003.
O Mar e os Ríos. Vigo: Galaxia, 1982.
O mar terra adentro. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2004.
Os oficios. Vigo: CRTVG-Galaxia, 1995.
O Tardo: (Notas de mitología popular galega). Porto: Imprensa Portuguesa, 1934.
Refraneiro galego. Vigo: Castrelos, 1983.
Vila de Calvos de Randín. Notas etnográficas e folkóricas, en colaboración con F. López Cuevillas. Santiago de Compostela: Seminario de Estudos Galegos, 1930.
Xaquín Lorenzo. De varia etnográfica. A Coruña: La Voz de Galicia, 2004.