Académicos e académicas

Xosé Neira Vilas
Vila de Cruces, Pontevedra, 1928 - 2015
Data de ingreso
17/11/2001
A proposta de
Xesús Alonso Montero, Antón Santamarina e Francisco Fernández Rei
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Xesús Alonso Montero
Escritor e divulgador cultural, fixo do mundo labrego e da emigración galega en América os temas da súa literatura. O seu libro Memorias dun neno labrego (1961), o máis vendido e traducido da literatura galega, narra, cunha linguaxe rica e accesible, as condicións de vida da sociedade campesiña galega nos primeiros relanzos do século XX desde a perspectiva dun neno.
Naceu no seo dunha familia labrega de Gres, no concello de Carbia, que en 1944 pasou a chamarse Vila de Cruces. Era o máis vello de sete irmáns. Os seus primeiros traballos foron os do campo e moi pronto se dedicou a axudar a seu pai no repartimento diario do correo, que era ademais de labrador era carteiro. Aprendeu solfexo do seu avó e, logo de rematar o ensino primario regrado, matriculouse nunha academia de Donostia para se formar a distancia como administrativo, o que lle permitiu comezar a traballar nun serradoiro local. En 1946 creou un grupo de teatro con outros mozos da contorna co que levaba á escena obras dramáticas en galego.
En 1949 emigrou á Arxentina e comezou a traballar, en Buenos Aires, como administrativo dunha empresa madeireira na que permaneceu ata que abandonou o país en 1961. Fóra do tempo de traballo, proseguiu coa súa formación autodidacta e coñeceu Galicia a través das actividades do Centro Galego e do seu contacto cos intelectuais galeguistas no exilio bonaerense, formado por Luis Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Isaac Díaz Pardo, Eduardo Blanco Amor ou Ramón de Valenzuela entre outros, que contribuíron a alicerzar, ademais, o seu compromiso político coa causa galega.
En 1953 participa na fundación das Mocedades Galeguistas, organización xuvenil da Irmandade Galega, da que foi secretario xeral e representante no GALEUZCA, e dá a coñecer os seus primeiros textos no voceiro desta organización, Adiante. En 1956 é designado polo Consello de Galiza para participar na comisión organizadora do I Congreso da Emigración Galega, que tivo un grande impacto mesmo alén dos círculos galeguistas americanos. Colabora na prensa galega da capital arxentina, en revistas como Galicia, Opinión Gallega, Lugo, Alborada, Galicia Emigrante e noutros medios do Uruguai e México. Tamén imparte conferencias sobre Castelao, o músico Varela Silvari e outros temas galegos; e participa na creación de AGUEA (Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas), que ofrece cursos gratuítos de historia, xeografía, lingua, literatura, economía e arte galega. Forma parte, así mesmo, do grupo de teatro Lugrís Freire, creado por Ricardo Flores, que dramatiza obras de Nan de Allariz, Varela Buxán ou Leandro Carré.
A partir de 1954 cursa estudos formais de xornalismo, escrita literaria e literatura universal, durante os cales coñece a Anisia Miranda, coa que casa en 1957. Xuntos fundan ese mesmo ano Follas Novas, editorial e distribuidora do libro galego en América. Montan exposicións do libro galego en Buenos Aires, Montevideo e Caracas e organizan debates semanais sobre temas galegos. En Follas Novas nace, en 1959, a Asociación Arxentina de Fillos de Galegos e co seu selo publica o seu primeiro libro, o poemario Dende lonxe (1960), con limiar de Rafael Dieste e capa de Seoane, e a novela Memorias dun neno labrego (1961), obra traducida a varias linguas que mereceu o recoñecemento unánime do público e da crítica, e que gozou de numerosas reedicións.
En 1961, logo do triunfo da revolución cubana, Neira Vilas e Anisia Miranda marchan vivir á illa, onde el desenvolve diversos cargos administrativos no Ministerio de Industrias. Escribe xornalismo literario, colaborando en diversos xornais e revistas, e en 1969 funda e dirixe, durante vinte e dous anos, a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, con domicilio na antiga sede do Centro Galego e que estuda a pegada galega na illa. No seu seo elabóranse índices de publicacións periódicas, proxéctase a cultura galega en universidades e centros de investigación de Europa e América e créase un importante fondo bibliográfico, o maior de América. En 1983 pasa a traballar como redactor xefe da revista infantil Zunzún.
Logo de varias estancias en Galicia de curta duración, a partir de 1992 establécese canda Anisia no seu Gres natal, onde presidiu a fundación que leva o seu nome. A entidade conta cunha biblioteca pública, un museo etnográfico e unha sala de exposicións e concertos, e convoca anualmente varios premios literarios. Neste nova etapa Neira Vilas tamén colabora asiduamente na prensa publicando artigos en Faro de Vigo e El Correo Gallego, adoito relacionados coa emigración galega en América.
Recoñecido sobre todo polas súas achegas á narrativa, na súa extensa obra destacan aquelas novelas que describen a dureza das condicións de vida no rural galego do primeiro cuartel do século XX a través da ollada dun rapaz, como Memorias dun neno labrego (1961), Cartas a Lelo (1970) e Aqueles anos do Moncho (1977). Escritas cunha rica lingua patrimonial de orixe popular e nun estilo directo e accesible, estas obras acadaron unha moi ampla difusión entre o público galego e estranxeiro e unha alta valoración da crítica. Outras obras, como Xente no rodicio (1965), A muller de ferro (1969) e Querido Tomás (1980), retratan desde unha ollada adulta o mesmo contexto social e histórico.
A emigración galega en América é outro dos grandes eixos da súa narrativa, e aparece tratada nas novelas Camiño bretemoso (1967), Remuíño de sombras (1973) e Tempo novo (1980), así como nos libros de relatos Historias de emigrantes (1968), O home de pau (1999) e Relatos mariñeiros (2003). Estas obras conservan o mesmo estilo directo e accesible característico do autor, cunha linguaxe extraída do contexto urbano e a incorporación de técnicas narrativas experimentais, como o fragmentarismo e o perspectivismo.
No eido da literatura infantil e xuvenil publicou O cabaliño de buxo (1971), Espantallo amigo (1971), A marela taravela (1973), De cando o Suso foi carteiro (1988) e Chegan forasteiros (1993). Como poeta, amais da devandita Dende lonxe, Neira Vilas publicou Inquedo latexar (1969), Poesía recadada (1994), Cantarolas (1995) e Dende Gres (2004).
Outra faceta relevante da súa obra son as súas crónicas e estudos históricos sobre a pegada da emigración galega en Cuba, con títulos como Galegos no golfo de México (1980), Castelao en Cuba (1983), A prensa galega de Cuba (1985), Guerrilleiros (1991), Rosalía de Castro e Cuba (1993), A lingua galega en Cuba (1995), Eduardo Blanco Amor, dende Buenos Aires (1995), Memoria da emigración (3 tomos publicados entre 1994 e 1995), Galegos que loitaron pola independencia de Cuba (1998),Crónicas galegas de América (1999-2001), Manuel Murguía e os galegos da Habana (2000), Presenza galega en Cuba (2010) ou Galegos no Golfo de México (2023).
Como tradutor, verteu á nosa lingua Itinerario galego (1958) de Victor Luís Molinari; Trinta e nove poemas, de Nicolás Guillén (1977); O camiño de Santiago, de Alejo Carpentier (1993); A Idade de ouro, de José Martí (1991); Mitos e lendas da vella Grecia, canda Anisia Miranda (1983), o Xornal de prisión, de Ho Chi Minh (1983); e A historia absolverame, de Fidel Castro (1990). Cultivou, así mesmo, as memorias en libros como Lar (1974), Nai (1980) e Pan (1991), O sarillo do tempo (2004), Xentes e camiños (2005), Arredor do mundo (2007), Lóstregos (2009) e Penúltimo dietario (2011).
Doutor honoris causa polas universidades da Coruña (1998) e da Habana (2003), recibiu así mesmo o Premio da Crítica Española de narrativa e da Crítica Galega na categoría de ensaio, o Ramón Piñeiro de ensaio, o do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, a Medalla Castelao (1988), o Pedrón de Honra, o Premio Celanova Casa dos Poetas e o Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (2006), entre outros.
Xosé Neira Vilas entrou na Real Academia Galega en 2001 a proposta de Antón Santamarina, Francisco Fernández Rei e Xesús Alonso Montero, encargado de lle dar resposta en nome da institución ao seu discurso de ingreso. Neste texto, titulado A cultura galega en Buenos Aires: 1950-1960, describe a vizosa vida cultural da comunidade galega no exilio porteño.