Académicos e académicas

Manuel Casás Fernández

Manuel Casás Fernández

A Coruña, 1867 - 1960

Naceu na Coruña o 17 de agosto de 1867 e morreu na mesma cidade o 30 de xullo de 1960. Foi un xurista, historiador e sociólogo galego que tamén desempeñou o cargo de alcalde na súa cidade natal. Foi membro da Real Academia Galega e o seu Presidente.

Estudou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e distinguiuse, profesionalmente, no seu traballo coma forense, publicista e conferenciante, destacando a súa preocupación sobre o problema da delincuencia infantil: El problema de la delincuencia en los menores, presentado ao primeiro Congreso de la Abogacía Española, celebrado en San Sebastián el año 1907, e tamén Organización de Tribunales para menores delincuentes, ditada na Real Academia de Jurisprudencia, son estudos que reflicten este interese. Se ben Casás Fernández non abandonou o cultivo da investigación en diversos ámbitos xurídicos, consagrou os seus mellores traballos á criminoloxía. O ensaio Voltaire criminalista, Dostoiewski criminalista é un bo exemplo, aínda que a súa obra fundamental nesa orientación é a que desenvolve sobre a figura de Concepción Arenal, onde examina e comenta as ideas fundamentais da insigne penalista galega. Cómpre, tamén, sumar, a este traballo investigador no seu ámbito profesional, a investigación histórica, reflectida nunha dilatada produción ensaística, e a creación literaria; territorios nos que adoitou tratar temas relacionados con Galicia, a súa historia e a súa idiosincrasia. Asemade, non debe esquecerse un intenso labor xornalístico que lle abriu as portas do xornal El Imparcial, de Madrid.

Paralelamente a este traballo de índole intelectual, outra das vetas definitorias da súa variada personalidade foi a súa actuación como alcalde da cidade da Coruña, desenvolvida en dúas etapas: de 1916 a 1917, unha; de 1925 a 1927, outra. Durante o seu goberno, promoveu a celebración do I Congreso de Estudios Gallegos, en agosto de 1919, que supuxo un encontro de ensaios e reflexións sobre Galicia, a súa realidade e a súa historia, auspiciado polo Instituto de Estudios Gallegos, que o propio Manuel Casás fundara. Por primeira vez en Galicia, organizáronse cursos de extensión universitaria impartidos por catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela. No seu último período como alcalde, realizou un notable labor construtor, reflectido nos edificios da Audiencia Territorial de Galicia, a Delegación de Facenda, o Banco de España, Correos, o Cárcere, o observatorio meteorolóxico ou o peirao de trasatlánticos.. Ademais, desde o seu Concello xestionou a creación de da Biblioteca Infantil e da Biblioteca Municipal. Como Presidente do Instituto de Estudios Gallegos, iniciou a Biblioteca Concepción Arenal. Coa finalidade de fomentar o turismo inglés, fixo colocar no Xardín de San Carlos unha lápida dedicada ao Xeneral Sir John Moor, con versos de Rosalía de Castro e outra coa famosa arenga de Lord Wellington na honra dos soldados galegos. Proxectou, tamén, a construción dun Panteón de Galegos Ilustres.

Porén, quizais o aspecto máis salientable da actividade intelectual de don Manuel Casás sexa a súa vinculación á Real Academia Galega, na que ingresou como membro numerario o 13 de marzo de 1936, substituíndo a vacante deixada polo académico Rodrígo Sanza. Exerceu a presidencia con carácter accidental desde o 24 de decembro do mesmo ano, por nomeamento interino a partir do 16 de febreiro de 1940 e foi confirmado no cargo, por elección, o 13 de decembro de 1942. Como Presidente, sucedeu no cargo a Manuel Lugrís Freire. Baixo a súa xestión directiva conseguiu proxectar as actividades da Academia cara aos grupos intelectuais portugueses máis afíns á galeguidade, atraendo ao seo da Academia ás figuras máis relevantes das ciencias e as letras portuguesas do seu tempo. Asemade, acrecentou de xeito importante., en colaboración con Juan Naya Pérez, os fondos da biblioteca corporativa.

En xuño de 1917 presidiu, como alcalde da Coruña e con expresa representación dos alcaldes das principais cidades de Galicia, a Gran Festa de Afirmación Galega, celebrada en Ourense e organizada por importantes elementos culturais da cidade. Formulou, ademais, o Memorial de agravios de Galicia, denunciando a situación do país e demandando que fosen implementadas as medidas precisas para a súa recuperación.

Manuel Casás foi tamén responsable e creador da Asociación Concepción Arenal e do Instituto de Estudios Gallegos, do que foi presidente perpetuo. Tamén é ben coñecida a súa intensa actuación na popular Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña, da cal foi Presidente durante sete anos, desde 1913 até 1919. Alí organizou veladas artísticas e literarias, como a Festa da Poesía Galega, en agosto de 1916, nunha homenaxe a Rosalía de Castro, así como a Festa de Cantos Rexionais, no mesmo ano, na que foi interpretado por vez primeira ante máis de 10.000 persoas, o Himno de Galicia. Así mesmo, organizou unha homenaxe a Manuel Murguía con ocasión do 80ª aniversario do seu nacemento. Manuel Casás foi distinguido con numerosos galardóns e nomeamentos, entre os que citamos o de Caballero de la Orden de Alfonso XII, a da Gran Cruz de Isabel la Católica, a Cruz Roja de la República de la Isla de Cuba, así como a Medalla de Ouro da cidade da Coruña. Membro de diversas institucións científicas de España e do estranxeiro, foi presidente da Asociación da Prensa de Santiago de Compostela, membro de honra da Societé Protectrice de L’enfant Anormal de Bruxelas e Presidente de Honra do Comité Internacional para a Unidade e a Universalidade da Cultura, con sé en Roma.

Ademais da bibliografía xa citada, don Manuel Casás foi autor de numerosas obras xurídicas e ensaísticas, dedicadas, estas últimas, na súa maior parte, á historia e á tradición galegas.

Publicacións exentas

Bibliografía xurídica

Causa del crimen de las Grañas del Sor: juicio oral ante el Tribunal del Jurado celebrado en la Audiencia de La Coruña los días 11 y siguientes hasta el 20 del mes de noviembre de 1902. A Coruña: Ferrer, 1902.

El Alcoholismo infantil como causa de degeneración y delincuencia de los menores: medios para combatir este mal. A Coruña: Imp. La Voz de Galicia, 1914.

El Código del menor. Índice de normas jurídicas para la protección de menores. Madrid: Reus, 1935. Informe presentado á sección quinta de Ciencias Sociais no XIV Congreso da Asociación para o Progreso das Ciencias, celebrado en Galicia do 1 ao 8 de agosto de 1934.

Cervantes criminalista y el sentido humanitarista de la justicia. A Coruña: El Ideal Gallego, 1954.

 

Bibliografía ensaística

El Regionalismo en Galicia. A Coruña: Ferrer, 1893. Obra teórica en que se desvela como discípulo do mestre Murguía.

Ágape y la revolución priscilianista en el siglo IV. A Coruña: Tip. de La Casa de la Misericordia, 1895.

Pláticas y crónicas: apuntes literarios, impresiones de viaje, notas jurídicas y sociales, algo de Galicia: (colección de trabajos periodísticos). A Coruña: Imp. de La Casa de la Misericordia, 1907.

Proceso del Catalanismo: Antecedentes históricos, literarios e políticos. Madrid: Compañía Ibero-Americana de Publicaciones, 1932.

Concepción Arenal, su vida y su obra. Madrid: Victoriano Suárez, 1936.

Concepción Arenal y su apostolado: Discursos leídos ante la Real Academia gallega en la recepción pública de Manuel Casas Fernández el día 13 de marzo de 1936. A Coruña: Moret, 1936.

Un gallego ilustre. Don Ramón de la Sagra. A Coruña: Roel, 1945.

Páginas de Galicia. Notas históricas y literarias. Santiago: Galí, 1950.

Episodios gallegos. Recuerdos históricos y literarios. Buenos Aires: Ediciones Galicia do Centro Gallego, 1953.

Los delincuentes en la Literatura y en el Arte: (conferencia pronunciada en el paraninfo de la Universidad compostelana). A Coruña: Tip. El Ideal Gallego, 1953.

Concepción Arenal en el aspecto pedagógico. Madrid: Victoriano Suárez, 1954.

 

Ademais das obras referenciadas, numerosos artigos de Manuel Casás viron a luz no Boletín da Real Academia Galega e noutras publicacións como Cultura gallega, Foro gallego, Alfar ou Galicia