Académicos e académicas
Antonio Fraguas Fraguas
Cotobade, Pontevedra, 1905 - Santiago de Compostela, 1999
Data de ingreso
08/05/1956
A proposta de
Salustiano Portela Pazos, Ramón Otero Pedrayo e Luís Iglesias Iglesias
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Ramón Otero Pedrayo
Membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na mocidade, historiador, etnógrafo, profesor e director e presidente do Museo do Pobo Galego, Antón Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999) entrou en contacto desde moi novo co galeguismo. En 1923 foi un dos fundadores da Sociedade de Lingua, nada co obxectivo de defender o galego e de elaborar un dicionario.
Xa na etapa universitaria en Santiago ingresou, en 1924, nas Irmandades da Fala e colaborou co SEG, do que logo sería membro numerario. Nesta institución inaugurou en Galicia, baixo a dirección de Ramón Otero Pedrayo, os estudos de xeografía histórica, e abordou o Entroido e outros temas sobre a súa terra. Nestes tempos de mocidade publicou con asiduidade en Nós e A Nosa Terra. Comezaba unha obra, ampla e curiosa, con numerosos libros e artigos de revistas, ademais de incontables anacos de xornais nos que Galicia era o seu motivo esencial.
Antón Fraguas escribiu sobre xeografía; cultivou a historia, deixando biografías de personaxes ilustres como Murguía ou Castelao e a que foi a súa tese de doutoramento, sobre o Colexio de Fonseca da USC; e fixo tamén achegas á arqueoloxía. Pero o campo no que quizais máis destacou foi o do estudo da cultura campesiña, e en especial da súa parte espiritual. Festas, crenzas, romarías, cantigas, dicires etc. aparecen nos seus ensaios e conferencias.
Tras exercer como profesor auxiliar de Xeografía e Historia na USC, en 1933 incorporouse como docente ao instituto da Estrada, posto do que foi separado ao comezar a guerra civil. Por este motivo tivo que dedicarse ao ensino privado, que exerceu nunha academia propia ata que en 1950 gañou unha praza de catedrático de instituto. Ensinou no Masculino de Lugo ata que en 1959 acadou o traslado ao daquela Feminino Rosalía de Castro de Santiago, onde se xubilou en 1975.
Compaxinou a docencia coa investigación en contacto con distintas institucións como o Instituto Padre Sarmiento ou a Real Academia Galega, na que ingresou en 1956 co discurso Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. En 1963 foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago en Bonaval e en 1976 participou na creación do Museo do Pobo Galego, do que foi director e presidente. Foi tamén, xa na Autonomía, coordinador da sección de antropoloxía cultural do Consello da Cultura Galega. Desde estas palestras organizou e colaborou en congresos e xuntanzas científicas que serviron de foro de discusión e de posta ao día do universo da etnografía galega.
Recibiu, entre outras distincións, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, a Medalla ao Mérito Cidadán e Cultural do Concello de Santiago, o Premio de Investigación e o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia, ou o nomeamento de cronista xeral de Galicia.