Académicos e académicas

Manuel Leiras Pulpeiro

Manuel Leiras Pulpeiro

Mondoñedo, Lugo, 25/10/1854 - Mondoñedo, Lugo, 09/11/1912

Nado en Mondoñedo o 25 de outubro de 1854 e finado na mesma vila o 9 de novembro de 1912, Leiras Pulpeiro cultivou fundamentalmente unha poesía de denuncia social e constitúe unha das principais figuras do noso Rexurdimento.

Iniciou os seus estudos de Latín e Humanidades no Seminario mindoniense, obtendo o título de bacharel en Artes no Instituto de Tapia de Casariego, na Asturias occidental. En 1870 desprazouse a Compostela para cursar a carreira de Medicina, seguindo os pasos de seu pai, que remataría en Madrid, en 1877. Un ano máis tarde, regresou a Mondoñedo xa como médico en exercicio. Porén, Leiras Pulpeiro non semellaba encaixar nunha sociedade mindoniense hermética e fortemente influenciada pola igrexa. A coherencia dos seus ideais galeguistas e anticlericais valeulle o apelativo de "médico dos pobres" e mesmo a casar polo civil no ano 1888, o cal foi motivo dun escándalo público con grande repercusión nos xornais locais.
Os seus primeiros poemas apareceron no semanario O Tío Marcos da Portela en 1884, sen que iso lle impedise a implicación na causa política, facendo parte activa do Partido Republicano Federal e participando, en 1887, na Xuntanza Federalista de Lugo que aprobou o "Proyecto de Constitución para el futuro Estado gallego". Os seus poemas, de poderosa sona xa naquel momento, levárono a ser nomeado, en 1905, membro da Real Academia Galega. No entanto, a súa modestia fixo que renunciase, considerando que non reunía as condicións necesarias. Con todo, anos despois deixou como legado á institución unha importante colección de material sobre léxico, ou tamén cantigas e refráns compilados ao longo da súa vida na comarca mindoniense.

Na última volta da súa vida, Leiras Pulpeiro resultou premiado nos Xogos Florais de Vigo e publicou, en 1911, Cantares gallegos, o único volume do autor editado en vida. Esta obra componse de poemas inspirados na tradición popular pola súa riqueza lingüística, predominio da temática amorosa ou social e mantementodun esquema métrico fixo. Xa no ano 1930 publicáronse as súas Obras Completas. Tomo I. Poesías, e, máis adiante, a partir de serlle dedicado o Día das Letras Galegas, publicáronse numerosas reedicións e compilacións.

Publicacións exentas en vida do autor
Apuntes para la geografía médica del distrito municipal de Mondoñedo. Mondoñedo: Tip. de H. Mancebo, 1910. Con Pastor Taladrid Pedreira.
Cantares gallegos. Mondoñedo: Tip. de H. Mancebo, 1911.

Edicións e compilacións
Obras completas. Tomo I. Poesías. A Coruña: Nós, 1930. Prólogo de Otero Pedrayo.
Obra completa. Vigo: Galaxia, 1970. Prologada, ordenada e anotada por X. L. Franco Grande.
Alonso Montero, Xesús (ed.) Obras completas. Santiago: Sálvora, 1983.
Departamento de Filoloxía Galega (ed.) Escolma de Leiras Pulpeiro. Santiago de Compostela: Universidade, 1983.
Poesía galega completa. Barcelona: Sotelo Blanco, 1984. Estudo preliminar por Ramón Reimunde Noreña; prólogo por Ricardo Carballo Calero.
Reimunde Noreña, Ramón (ed.) Costumes antigos en Galiza. Mondoñedo: Reimunde SAT, 1998.
Reimunde, Ramón. Ben pode Mondoñedo desde agora: a esencia popular na obra e na língua de Manuel Leiras Pulpeiro. A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 1998.
Uz, Carmen. Leiras Pulpeiro. Lugo: El Progreso de Lugo, 2003.
Ponte Far, José Antonio (coord.) Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912). A Coruña: La Voz de Galicia, 2010.