Académicos e académicas

Antonio Noriega Varela

Antonio Noriega Varela

Mondoñedo, Lugo, 1869 - Viveiro, Lugo, 1947
Data de ingreso
22/04/1939
A proposta de
Federico Maciñeira y Pardo de Lama, Indalecio Varela Lenzano e Pablo Pérez Costanti
Título do discurso

[Para cubrir as vacantes de varios numerarios, Manuel Casás Fernández solicitou un permiso ministerial co fin de que se puidese realizar unha toma de posesión colectiva na que os académicos entrantes non tivesen que dar lectura ao preceptivo discurso de ingreso e así axilizar os trámites. Concedido este permiso, ingresaron o 22 de abril de 1939 na Real Academia Galega: Ramón de Artaza y Malvárez, Narciso Correal y Freyre de Andrade, Jaime Solá Mestre (que xa presentaran o texto do discurso segundo consta no seu expediente), Juan Domínguez Fontenla, Antonio Noriega Varela e Lisardo Rodríguez Barreiro]

Antonio Noriega Varela foi un relevante investigador do noso léxico, así como xornalista e poeta de ideoloxía conservadora, que pertenceu, no ámbito literario, á denominada "Xeración de antre dous séculos", protagonizando, xunto con Ramón Cabanillas e outros, a transición da poesía galega do século XIX á do século XX.

Naceu en Mondoñedo o 19 de outubro de 1869. Aos catorce anos iniciou a carreira eclesiástica no seminario da vila natal. Alí chegou a ser popular grazas á súa habilidade para idear composicións de carácter humorístico e satírico, e comezou a escribir poemas en castelán. Tras abandonar a carreira eclesiástica, fíxose mestre. En 1901 empezou a exercer a docencia en Foz, onde entrou en contacto co agrarismo e o movemento anticaciquil da man de Antón Villar Ponte. Con esta convicción colaborou na revista satírica Guau...Guau!, para a cal escribiu varios poemas de corte cívico. Debido á súa vinculación coas actividades agraristas, foi trasladado forzosamente a Calvos de Randín, a carón da fronteira con Portugal, e, posteriormente, a Trasalba. Neste último destino trabou amizade con Otero Pedrayo e outros integrantes da Xeración Nós. Grazas ás lecturas que lle ofrecía a extensa biblioteca do pazo de Trasalba, propiedade de Otero Pedrayo, Noriega coñeceu en profundidade a literatura portuguesa, que deixaría unha importante pegada na súa obra.

Con 57 anos instalouse en Abadín e retomou os contactos da mocidade. Alí foi nomeado membro da Real Academia Galega, en 1927, e, un ano despois, deu ao prelo Como falan os brañegos, compilación de ditos, frases e adiviñas populares, froito da boa relación que Noriega mantiña cos labregos da zona. En 1930, por motivos de saúde, solicitou un traslado a Viveiro, o seu derradeiro destino como docente. En 1904 publicou o seu primeiro libro,Montañesas, que a partir da 3ª edición tería por título D’o ermo (1920) e que se vería aumentado ata a súa edición definitiva en 1946. Trátase dunha obra costumista en que abundan as composicións líricas sobre a vida dos labregos e de diálogo coa natureza. A súa achega máis orixinal son os poemas franciscanos, onde o eu lírico procura rescatar a esencia máis pura e sinxela da natureza. Publicou tamén unha escolma de cantigas populares na honra da Virxe María: A Virxe e a paisanaxe (1913).

Co tempo, Noriega foise afastando dos principios políticos do movemento agrario, chegando a apoiar, durante a guerra civil, o bando franquista. Nesa época, o poeta incrementou a produción en castelán, e, ata a morte, que tivo lugar en Viveiro o 27 de marzo de 1947, viviu unha etapa de fondo pesimismo. A súa produción reflicte con fidelidade as crenzas tradicionalistas e conservadoras que o mantiveron afastado do galeguismo.

Obra

D'o ermo. Ourense: Antonio Otero, 1920.
Como falan os brañegos. Serie I: locucións, frases, modos adverbiás, unha leria pr'os rapaciños, refráns, cantares i-adiviñanzas. A Coruña: Nós, 1928. 

Compilacións e estudos sobre o autor
DIÉGUEZ, T.
Noriega Varela, cantor da montaña (1869-1947). Lugo: El Progreso de Lugo, 2003.
FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F. (ed.)
Poesía. Vigo: Edicións Xerais, 1991.
FREIXEIRO MATO, X. R. 
A cara oculta de Noriega Varela. Biografía e textos esquecidos. Santiago de Compostela: Laiovento, 1992.  
FREIXEIRO MATO, X. R. 
Da montaña ao corazón: produción literaria e lingua en Noriega Varela. A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 1993. 
FREIXEIRO MATO, X. R.
Antonio Noriega Varela: estudio e edición da obra completa. Lugo: Deputación Provincial, 1994.
IGLESIA ALVARIÑO, A. (ed.)
Noriega Varela, poeta da montaña. Vigo: Galaxia, 1969.