Académicos e académicas
Manuel Gómez Román
Vigo, 1875 - 1964
Data de ingreso
30/12/1951
A proposta de
Ángel del Castillo López, Francisco Vales Villamarín e Leandro Carré Alvarellos
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Ramón Otero Pedrayo
Nesta cadeira
Francisco Díaz-Fierros Viqueira (28/09/2002 - Actualidade)
Isidoro Millán González-Pardo (16/05/1975 - 11/06/1978)
Manuel Gómez Román (30/12/1951 - 11/11/1964)
Gonzalo Brañas Fernández (27/07/1941 - 02/08/1948)
David Fernández Diéguez (28/03/1925 - 23/12/1936)
Adriano López Morillo (17/11/1910 - 30/01/1913)
José Ogea Otero (27/10/1905 - 03/12/1909)
Ángel Amor Ruibal (04/09/1905 - 27/10/1905)
Arquitecto e político galeguista, foi un dos máximos expoñentes, canda Antonio Palacios, da chamada arquitectura rexionalista galega. Este estilo pretendía establecer un diálogo entre a modernidade e a arquitectura tradicional galega, tanto a de orixe popular como a barroca, nomeadamente a compostelá. Fortemente comprometido coa causa galeguista ao longo de toda a súa vida, foi o secretario xeral do Partido Galeguista durante a II República e participou na súa reconstrución durante o franquismo. Foi un dos fundadores da Fundación Penzol e da Editorial Galaxia, da que tamén foi vicepresidente.
1/5
Nado no seo dunha familia ligada á construción, logo de rematar o bacharelato en Vigo, comezou en 1892 os estudos de Arquitectura en Madrid, carreira que abandonou en 1895 por discrepancias cun dos seus profesores. De volta na súa cidade natal, puxo en marcha unha academia de debuxo e traballou como escultor e contratista de obras, adoito canda o seu irmán Benito, con quen gañou, en 1908, a segunda medalla no concurso da Exposición de Belas Artes de Madrid.
Realizou diversas viaxes por Europa e A Arxentina para coñecer as novas técnicas de construción e tendencias arquitectónicas. Ao regresar a Galicia, ao non dispoñer do título preceptivo, traballou como arquitecto en colaboración co seu irmán e con colegas como Luís Vidal Tuasón ou Carlos Gato Soldevilla.
A partir de 1908 comeza a realizar as súas primeiras obras, nas que amosa unha clara influencia do modernismo e o secesionismo vienés, como o monumento a Concepción Arenal (1910-1912) e os edificios Mulder (1910) e Simeón (1911), todos eles en Vigo.
Entre 1914 e 1916 exerce como profesor na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid, onde entra en contacto co arquitecto porriñés Antonio Palacios (1874-1945) e decide rematar a carreira, aprobando dezanove materias en dous anos. En 1917 obtén finalmente o título e inicia unha segunda etapa como arquitecto –máis ecléctica e historicista– na que xa amosa a influencia de Palacios. Son obras deste período o Banco de Vigo (1921), o edificio de Correos de Vigo (1922), a fábrica de conservas de Alfageme e o edificio social da Caixa de Aforros (1925) na mesma cidade, así como a casa de Manuel Somoza Delgado (1922) en Lugo.
Co paso do tempo, o seu estilo foi incorporando máis elementos da arquitectura histórica galega, poñendo en valor a tradición popular dos canteiros sobre a pedra, como o exemplo do barroco compostelán coa obra de Domingo de Andrade á fronte.
Nesta terceira xeira de arquitectura rexionalista, que abrangue ata o seu pasamento en 1964, salientan as casas de José Araújo Pérez (1926), Joaquín de Miguel (1928), Jiménez Cuenca (1927), Fontán (1929), Baldomero Lois Asorey (1946) ou Ramón Rodríguez Somoza (1952), a ermida da Nosa Señora da Guía, o Museo Provincial de Lugo (1950) e o Colexio Fingoi (1950) na mesma cidade. O uso do azulexo e do ferro fundido sobre volumes de cantería de granito do país, a vontade de incorporar elementos construtivos do pazo rural á arquitectura urbana e a inspiración na paisaxe galega son trazos característicos desta etapa.
Comprometido con Galicia e coa cidade olívica tamén na acción política, participou na creación en 1922 da Liga de Defensores de Vigo, de signo liberal, pola que foi elixido concelleiro en varias ocasións. En 1924 participou na creación do xornal El Pueblo Gallego, propiedade de Portela Valladares e, en 1928 foi escollido presidente do Ateneo de Vigo. Tamén presidiu as sociedades La Oliva e o Rotary Club local.
Militante do Partido Galeguista, na súa III Asemblea, celebrada en Ourense en 1934, foi escollido secretario xeral, mentres Alexandre Bóveda ocupaba o cargo de secretario de organización e Castelao a secretaría política do partido. Coa chegada da II República, fundou en Vigo a Agrupación ao Servizo da República e tomou parte activa tanto na campaña do Estatuto como nas eleccións municipais de 1936. Logo do estoupido da guerra civil e durante a posterior ditadura, Gómez Román mantivo o seu compromiso militante co Partido Galeguista na clandestinidade tras a súa refundación en Vigo en 1943.
En 1933 fora elixido membro do Seminario de Estudos Galegos e director da súa sección de Ciencias Aplicadas. Foi tamén membro do padroado da Fundación Rosalía de Castro.
Proposto como membro numerario da Real Academia Galega en 1949 por Ángel del Castillo López, Francisco Vales Villamarín e Leandro Carré Alvarellos, ingresou en 1951 na institución co discurso titulado Arte e arquitectura en Galicia, ao que lle deu resposta, nun acto celebrado no Casino de Vigo, Ramón Otero Pedrayo. Neste ensaio, Gómez Román manifesta a súa vontade de preservar a tradición arquitectónica galega dándolle continuidade. Destaca os valores diferenciais do románico galego, que acadaron o seu cénit no traballo do mestre Mateo na basílica compostelá. O barroco tamén logrou en Galicia características propias que se manifestaron con esplendor no traballo do “poeta-arquitecto” Domingo de Andrade na Torre do Reloxo e no do mestre Casas Novoa, autor da fachada do Obradoiro, salienta.
A seguir, desbota a frialdade do neoclasicismo e sinala a necesidade de pór a arquitectura en diálogo coas outras artes e liñas de pensamento coevas en Galicia. Remata o discurso instando os organismos públicos á creación dunha escola de arquitectura e a se comprometeren co estudo e coa divulgación da arquitectura galega tradicional.
Na súa reposta, Otero Pedrayo descríbeo como un artista bohemio plenamente inserido na tradición da arquitectura galega que “non afasta o oficio da arte”.
En 1963, Gómez Román apoiou, canda Xesús Ferro Couselo, a iniciativa de Francisco Fernández del Riego para a celebración do primeiro Día das Letras Galegas, dedicado naquela ocasión a Rosalía de Castro.