Académicos e académicas
Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 1941
Data de ingreso
28/09/2002
A proposta de
Xosé Ramón Barreiro, Francisco X. Río Barja, Carlos Casares e Andrés Fernández-Albalat.
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Xosé Ramón Barreiro
Nesta cadeira
Francisco Díaz-Fierros Viqueira (28/09/2002 - Actualidade)
Isidoro Millán González-Pardo (16/05/1975 - 11/06/1978)
Manuel Gómez Román (30/12/1951 - 11/11/1964)
Gonzalo Brañas Fernández (27/07/1941 - 02/08/1948)
David Fernández Diéguez (28/03/1925 - 23/12/1936)
Adriano López Morillo (17/11/1910 - 30/01/1913)
José Ogea Otero (27/10/1905 - 03/12/1909)
Ángel Amor Ruibal (04/09/1905 - 27/10/1905)
Vilagarcía de Arousa, 1941. Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela, é un recoñecido especialista no estudo dos solos, as actividades agrarias, a calidade das augas, o clima, a paisaxe e a historia da ciencia en Galicia.
Nado en Vilagarcía mais vencellado familiarmente con Ribadeo, vila na que pasou a infancia, cursou estudos de Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou na especialidade de Edafoloxía cunha tese titulada Contribución a los estudios del agua en los suelos de Galicia (1967). Máis tarde, foi director do Instituto de Investigación e Análise Alimentaria da USC (1994-1998) e, como docente, dirixiu ou codirixiu vinte oito teses de doutoramento.
Defensor dunha concepción humanística da ciencia, comprometida coa sociedade do seu tempo, a maior parte da vizosa produción científica de Francisco Díaz-Fierros está centrada no estudo da terra de Galicia. En traballos como Capacidad Productiva de los suelos de Galicia. Mapa 1:200.000 (1984), O Caurel (1985), El purín de vacuno en Galicia. Caracterización, poder fertilizante y problemas (1990) ou Os solos da Terra Chá. Tipos, xénese e usos (1992), desenvolve unha análise dos solos galegos, das súas propiedades, cartografía e capacidade produtiva.
Alén da temática galega, colaborou na realización do Mapa Nacional de Suelos (1:200.000) de España, dos mapas e memorias adxuntas das provincias de Asturias, Cantabria, León e Huesca, do Mapa Mundial de Solos da FAO (1:500.000) e na elaboración do mapa da zona húmida española. Estudou, así mesmo, a interacción do solo coa choiva en Metodologías de estudios de procesos de erosión hídrica del suelo en España (1992), e publicou traballos sobre a disciplina da edafoloxía en xeral como La ciencia del suelo. Historia, concepto y método (2011).
A cuestión do monte como factor ecolóxico e económico, o seu aproveitamento forestal e a problemática dos incendios é outro dos seus campos de investigación en obras como As especies forestais e os solos de Galicia (1982), Os incendios forestais en Galicia (2006), Por unha nova cultura forestal fronte aos incendios (2007), Incendios forestales. Reflexiones desde Galicia (2018) e Unha nova xeración de lumes? Coloquio Galaico-Portugués (2021) e El eucalipto en España. Razones y pasiones (2022).
Francisco Díaz-Fierros é tamén un pioneiro no estudo do medio ambiente e da problemática específica do cambio climático en Galicia, zona que describe como unha encrucillada entre o clima atlántico e o mediterráneo. Tratou este tema en traballos como O Medio Ambiente: La Naturaleza en Galicia (1988), discurso de ingreso na Real Academia de Farmacia de Galicia, Do control de emisións a incerteza do risco (2000), Natureza (Proxecto Galicia), tomos XXXVI ao XLIII (2002-2004); ou A cuestión ambiental en Galicia. Raíces dunha nova cultura, 1750-1972 (2006). Así mesmo, coordinou varios traballos colectivos sobre o mesmo tema, como A natureza amezada. Xea, flora e fauna de Galicia en perigo (1989) e O Antropoceno e a Grande Aceleración. Unha ollada desde Galicia (2019).
Os ríos, a auga e os recursos hídricos galegos son analizados no libro Auga para todos (2017), e nos traballos As augas de Galicia (1996) e As concas fluviais de Galicia. Características e riscos de contaminación difusa (1993), dos que foi coordinador. O clima galego, factor fundamental na conformación dos solos, é outro dos seus temas de estudo en obras como Contribución a la climatología de Galicia (1971) ou Historia da meteoroloxía e climatoloxía de Galicia (2008), así como o volume divulgativo de banda deseñada Vivir no solo, no que participou no traballo de documentación. A paisaxe mereceu, así mesmo, a súa atención en obras como La construcción del paisaje: Megalitismo y Ecología. Sierra del Barbanza (1986) e na obra Olladas críticas sobre a paisaxe (2009), coordinada por el.
Alén do ámbito da súa especialidade científica, Francisco Díaz-Fierros coordinou as obras Carlos Casares. A semente aquecida da palabra (2003) e O Botafumeiro. Estudos e evocacións (2010) así como 44 Ribadenses destacados (2022). No eido dos estudos lexicográficos é autor, canda Antón Santamarina, dun traballo sobre a delimitación semántica dos termos “chan”, “solo” e “terra”, esenciais para a edafoloxía (1978). No 2012, xunto con Xurxo Mariño coordinou o libro Escribir de ciencia en galego.
A historia da ciencia en Galicia constitúe unha das súas áreas temáticas predilectas, tanto en traballos colectivos, como Los Gallegos (1975), no que traza a primeira historia da ciencia galega, como en monografías dedicadas a figuras senlleiras como frei Rosendo Salvado, o padre Feijóo, Humboldt ou o matemático lalinense Xosé Rodríguez González (1770-1824), un dos creadores do sistema métrico decimal, a quen tratou na súa novela O gran triángulo (2022). Tamén esculcou na historia do darwinismo en Galicia ou de institucións como o Colexio de Farmacia de Santiago e de persoeiros como Antonio Casares e Rodriguez Carracido. Membro do Consello da Cultura desde 1983 e vicepresidente desde 2002, dirixiu primeiro a Sección de Patrimonio Natural (1983-1998) e, a partir de 1999, coordinou a Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade, onde puxo en marcha o proxecto Álbum da Ciencia, un repertorio biográfico de científicos galegos, en boa parte, da súa autoría.
Colaborador desde moi novo na prensa galega, publicou artigos de divulgación científica tanto na prensa xeral, como La Noche, La Voz de Galicia, El Correo Gallego ou Faro de Vigo, como na especializada, en cabeceiras como a Revista de Economía de Galicia, dirixida por Xaime Isla Couto, Cerna e Encrucillada, na que publicou traballos sobre o pensamento ecolóxico e Teilhard de Chardin. Impulsou desde Sargadelos, da man de Isaac Díaz Pardo, o novo Seminario de Estudos Galegos, desde onde comezou a publicación de numerosos artigos científicos de temática galega. Dirixiu a primeira revista científica en galego, Braña, da Sociedade Galega de Historia Natural (1977-1980), foi membro dos comités editoriais da Revista Galega de Estudos Agrarios (1979-83); Trabajos Compostelanos de Biología (1976-79); Suelo y Planta (1990-1998); Proxecto Galicia de Hércules Ediciones (desde 2001), no que coordinou o tomo XXXVI (Historia Natural e Xeoloxía) e tamén do consello consultivo da Gran Enciclopedia Galega. Silverio Cañada (2003), na que redactou 23 voces.
Francisco Díaz-Fierros é membro de diversas sociedades científicas nacionais e internacionais e presidiu a Sección I da Sociedad Española de Ciencia del Suelo (1990-1998) e mais da Sociedade Galega de Historia Natural (1977-1983). Foi membro do Council of the European Soil Conservation (1994-98) e, desde 1983 ao 2013, do Consello da Cultura Galega, do que foi vicepresidente entre 2002 e 2013. Forma parte como membro correspondente da Real Academia Nacional de Farmacia (1992) e como numerario da Real Academia de Farmacia (2000). Ingresou como membro de número da Real Academia Galega o 28 de setembro de 2002 cun discurso titulado Un ensaio sobre a historia ecolóxica de Galicia: o aproveitamento do solo, respondido por Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Recibiu os premios Fray Bernardino de Sahagún da Deputación de León para traballos científicos (1972), o Federico Maciñeira da Deputación da Coruña (1980), o premio da Crítica Galicia á Investigación Científica (1997), o da Deputación de Pontevedra (Investigación) (1997), o premio Nacional de Pensamento e cultura científica (2008) e o Lois Peña Novo (2016).