Académicos e académicas

Sebastián Martínez-Risco y Macías

Sebastián Martínez-Risco y Macías

Ourense, 1899 - A Coruña, 1977

(Ourense, 1899 - A Coruña, 1977) Escritor e xurista, cultivou o galego desde a creación literaria e en ducias de artigos e ensaios, entre os que salientan os relacionados con Castelao e co dereito galego. Durante o seu mandato como presidente da Academia, a institución recuperou a súa actividade interna -con iniciativas como a posta en marcha do Día das Letras Galegas e co traslado á sede da rúa Tabernas- e aumentou a súa proxección exterior, estreitando os lazos coa comunidade galeguista establecida no exilio en Buenos Aires.

Nado no seu dunha familia ourensá culta e acomodada – era sobriño do erudito astorgano Marcelo Macías, curmán de Vicente Risco e irmán do científico Manuel Martínez-Risco- estudou o bacharelato no Instituto do Posío e cursou Dereito en Santiago de Compostela, Zaragoza e Madrid. Rematada a carreira de xeito brillante, en 1924 gañou as oposicións á xudicatura e estivo destinado, como xuíz de primeira instancia, na Pobra de Seabra (1926-1927), no Barco de Valdeorras (1927-1933), en Vilalba (1933-1941) e na Coruña (1941-1943). De seguido, solicita a excedencia para dedicarse, deica a súa xubilación, ao exercicio por libre da avogacía na Coruña, agás durante unha breve estancia dun ano como xuíz en Girona.

Sebastián Martínez-Risco amosou desde moi cedo a súa afección polas letras, colaborando con pezas de prosa e verso en medios como a revista ourensá La Centuria, La Esfera de Madrid ou El pensamiento Astorgano. A súa novela La tanza negra. Ejemplo y agonía del Juez Oria (1943), escrita en prosa esmerada e de estilo realista, trata dos dilemas éticos e sociais do seu oficio no contexto dunha historia amorosa frustrada. En verso, a súa composición “O Boneco” obtivo o primeiro premio para composicións en galego nos Xogos Florais de Santiago de Compostela (1945), e tamén publicou os libros Trébol poético. Recuerdo de Compostela (1943); 14 Nadaliñas 1958-1973 (1973) e Do recuncho amado (1980), escrita xa en 1943 e que saíu do prelo cun limiar de Ramón Cabanillas e ilustracións de Cándido Fernández Mazas.

Como xurista, alén do seu traballo como xuíz e como avogado de gran prestixio ao servizo da causa democrática en tempos da ditadura, Sebastián Martínez-Risco foi un destacado foralista e defensor do dereito civil galego. Escribiu numerosos artigos e ensaios sobre as regras consuetudinarias que rexían aspectos da vida galega, como o monte comunal, a compañía de familia, o uso das augas, muíños e fornos veciñais, as institucións forais ou a singular casuística das partillas galegas. A súa vindicación do xurisconsulto ourensán Juan Manuel Paz Nóvoa publicada no Boletín da Academia constitúe unha mostra máis do seu traballo a prol do dereito galego, que el consideraba máis auténtico que as normas de índole estatal, e que defendeu en obras como El régimen jurídico de la propiedad territorial en Galicia a través de sus instituciones forales (1958), “Lagunas institucionales en la Compilación del Derecho Civil especial de Galicia” (1967), Las ideas jurídicas del Padre Feijóo (1973), Proiecion da abogacia na sociedade galega (1977), e no seu propio discurso de ingreso na Academia, O sentimento da xustiza na literatura galega.

Outra das súa áreas de interese foron os estudos literarios e sociolingüísticos. Neste eido publicou artigos e deu conferencias sobre autores como Castelao, Cabanillas, Otero Pedrayo ou Valle Inclán. No libro Presencia da lingua galega: (conferencia pronunciada no "Círculo Mercantil e Industrial" de Vigo, o dia 21 de xaneiro do 1972) (1973), Martínez-Risco repasa a historia do galego, salienta o seu parentesco co portugués, traza unha diagnose do seu uso naquel momento e vindica a súa introdución no ensino, na Igrexa, nos medios de comunicación e na administración pública.

A súa etapa como presidente da Real Academia Galega caracterizouse pola recuperación da actividade interna e proxección exterior da entidade, nun momento no que o país carecía de institucións propias. Durante o seu longo mandato iniciáronse os traballos para o traslado da Academia á súa sede actual, na rúa Tabernas 11 da Coruña, inaugurada en 1979, e a custodia da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán; púxose en marcha o Día das Letras Galegas e publicáronse as primeiras Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1970). Xa na democracia, solicitouse o uso do galego no ensino e restableceuse o contacto coa Euskaltzaindia e co Institut d’Estudis Catalans para reclamaren, conxuntamente, os dereitos das respectivas linguas na nova lei de educación.

Sebastián Martínez-Risco mantivo, así mesmo, unha intensa relación co galeguismo do exterior, realizou constantes visitas á colectividade galega americana e recuperou os lazos coas súas principais institucións e con persoeiros individuais como Eduardo Blanco Amor, Alberto Vilanova, Luís Seoane, Xosé Núñez Búa, Isaac Díaz Pardo ou Xosé Neira Vilas.

Dotado dun profundo compromiso cívico e comprometido cos valores democráticos, na súa xeira como xuíz en Vilalba fundou e dirixiu o Ateneo Cultural de Vilalba, por onde pasaron as principais figuras do galeguismo do interior e, xa na Coruña, presidiu a Coral Polifónica El Eco. Foi membro tamén do consello de administración da editorial Galaxia, do consello de dirección da Revista de Economía de Galicia, da sección galega da revista portuguesa Quatro Ventos, da revista Sciencia Iuridica de Braga, e colaborador do Galician Programme da BBC. Foi membro numerario do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación e da Sociedade da Lingua Portuguesa de Lisboa, membro de honor do Instituto de Estudios Ourensáns Padre Feijóo, presidente honorario do Centro Galego de Xixón e socio de honra do Centro Ourensán de Buenos Aires. Proba da súa intensa relación coa diáspora é o libro Onde ferve o amor por Galiza. Correspondencia do galeguismo do exterior con Sebastián Martínez-Risco (1942-1977), editado por Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicado en 2016.

Ingresou na Real Academia Galega como membro de número o 18 de abril de 1953, nun acto no que lle deu resposta ao seu discurso Manuel Banet Fontela, e foi presidente da institución dende 1960 ata o seu pasamento en 1977.