Académicos e académicas

Victoriano Taibo García

Victoriano Taibo García

Santiago de Compostela, 1885 - Vigo, 1966
Data de ingreso
15/10/1948
A proposta de
Eladio Rodríguez González, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Vales Villamarín, Ángel del Castillo López e Florentino López Cuevillas
Resposta pronunciada por
Ramón Otero Pedrayo

Mestre, narrador e poeta inserido no modernismo literario galego, foi autor dunha obra escasa, mais de alta esixencia literaria. Foi membro destacado das Irmandades da Fala e formou parte tamén do Seminario de Estudos Galegos (SEG).

Logo de rematar a carreira de Maxisterio en Santiago de Compostela, empezou a traballar en 1917 como mestre nas escolas da Ponte de Mera e Couzadoiro (Ortigueira), Sigrás (Cambre), Cerdido, Fiestras (Xinzo de Limia) e Morgadáns (Gondomar). Nesta última permaneceu durante longo tempo, agás os catro anos (1938-1942) nos que estivo desterrado polas autoridades franquistas en Villalar de los Comuneros a causa dun proceso de depuración iniciado contra el pola súa militancia galeguista. O seu último destino tívoo en Lavadores (Vigo). Foi un mestre recoñecido pola súa calidade como docente que defendía o uso do galego no ensino.

De firmes conviccións galeguistas, xa durante a súa xeira como estudante participara na comisión promotora do monumento a Rosalía de Castro, presidida polo pedagogo Vicente Fraiz Andón (1859-1919), director da Escola Normal compostelá da que el fora alumno. Máis tarde, foi secretario da Irmandade da Fala compostelá –con Lois Porteiro como presidente– e un dos asinantes do Manifesto Nazonalista de Lugo de 1918, data na que é escollido como membro correspondente da Academia a iniciativa de Tettamancy, Eugenio Carré, Manuel Lugrís Freire e Florencio Vaamonde. Tras a súa fundación, integrouse tamén nas fileiras do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Xa instalado en Gondomar, trabou amizade con Valentín Paz Andrade e publicou artigos en El Pueblo Gallego, o xornal de Portela Valladares, líder do Partido de Centro que Taibo apoiou, canda Paz Andrade, nas eleccións do 36. Ao longo da súa vida Taibo colaborou, de xeito asiduo, na prensa da Galicia da terra e na do exilio americano.

Inserido no modernismo galego canda Ramón Cabanillas e Gonzalo López Abente, a súa poesía delata tamén a influencia de autores como Eduardo Pondal, Rosalía de Castro ou Manuel Antonio. O seu libro de poesía máis relevante, Abrente (1922), destaca polo coidado uso da lingua e unha ortografía ás veces de carácter etimolóxico. O crítico e académico Ricardo Carballo Calero, na súa nota necrolóxica para o Boletín da Real Academia Galega, divide os seus poemas, consonte ao seu estilo e contido, en modernistas da escola de Cabanillas, rosalianos e pondalianos. Con capa de Álvaro Cebreiro, o volume inclúe dedicatorias a compañeiros seus das Irmandades da Fala como Lois Peña Novo, Ramón Villar Ponte, Xaime Quintanilla ou Lois Porteiro Garea.

O seu segundo poemario publicado en vida, Da vella roseira (1925?), foi o gañador dun certame convocado pola Asociación de Mestres Católicos de Galicia e a revista pontevedresa La Provincia. Trátase dun conxunto de cuartetos e tercetos de estilo costumista, asunto amoroso e ton popular nos que destaca o seu uso da retranca. O volume dedicoullo a Ramón Cabanillas e saíu do prelo cunha capa ilustrada por Camilo Díaz Valiño. Taibo deixou dúas outras obras inéditas en vida nas que practica o romance ao estilo de Amado Carballo e Lorca. Ambas as dúas publicáronse postumamente no volume Abicedo. Cabrinfollas (2008).

Como narrador, Victoriano Taibo publicou Da agra aberta (1956), un conxunto de trece contos de inspiración popular e tema costumista ambientados en Santiago de Compostela e na súa comarca, cunha rica lingua literaria, culta e patrimonial ao tempo, característica da autor. O libro, ilustrado cun debuxo de Castelao, conta cun ex libris de Cebreiro e un retrato de Taibo da man de Maside. O autor expón nun extenso limiar a xénese dos relatos, tirados na súa meirande parte do folclore popular galego agás en dous casos: un que ten como fonte un conto de Lamas Carvajal e outro que é froito da inventiva do autor. A seguir, o autor expón a súa concepción do galego literario, que el quere rico e enxebre, de procedencia culta e popular a un tempo; denuncia a deturpación da lingua oral por mor da influencia do español; expón a súa perspectiva sobre diversas cuestións de índole ortográfica, léxicas e de estilo, e defende o recurso ao portugués en caso de necesidade. Despois, sitúa a intención do seu libro de par dos de Fole que, naquel mesmo tempo, acababa de publicar Á lus do candil e Terra brava, e traza unha breve historia social da lingua. O libro, publicado grazas á axuda da comunidade de emigrantes galegos en Venezuela, principia cunhas notas introdutorias de Antón Vilar Ponte, Rafael Dieste e Del Riego, quen gaba a linguaxe literaria “enxebre, zumoroso, recendente” de Taibo e pecha cun Vocabulario no que explica o significado dalgúns termos. Catro dos seus contos teñen dedicatoria: un a Antón Beiras, outro a Olimpia Valencia, o terceiro a Faustino Santalices e o cuarto a Xermán Roca.

Como dramaturgo, Taibo compuxo a peza A estrana, con Xaime Quintanilla, e en 1954 publicou nos Cuadernos de estudios gallegos o traballo Lexicografía gallega. Estudo sobre o grupo Aleixoado, aleixado, leixado, co significado de ferido, baseándose na escrita de Pondal e Armada Teixeiro

Victoriano Taibo ingresou na Real Academia Galega o 15 de outubro de 1948 a iniciativa de Eladio Rodríguez González, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Vales Villamarín, Ángel del Castillo López e Florentino López Cuevillas. No seu discurso de recepción, Taibo analiza a influencia da paisaxe en Rosalía, especula, seguindo hipóteses previas, sobre a posibilidade de que Pondal escribise en galego antes que Rosalía e evoca o episodio da romaxe da poeta do Sar ao santuario da Barca en 1852. Na súa resposta, Otero Pedrayo destaca a influencia de Cabanillas, Pondal, Manuel Antonio e López Abente na poesía de Taibo, e a súa lingua literaria “antiga e nova”.

Victoriano Taibo foi membro Instituto Histórico do Minho e é fillo adoptivo do concello de Gondomar desde o 2018. O premio de poesía da entidade local de Morgadáns leva o seu nome.