Valentín Paz Andrade
Ano 2012
Valentín Paz Andrade
Biografía
Xurista, xornalista, académico, conferenciante, político, poeta ou empresario, a proteica e rica personalidade de Valentín Paz Andrade resiste calquera tentativa de redución a un único aspecto da súa prolifica vida que non sexa o do seu compromiso cun país, Galicia, que el mesmo propuxo como tarefa.
A formación
Descendente da burguesía local por liñaxe paterna, e da pequena fidalguía pontevedresa por parte de nai, o protagonista do Día das Letras deste 2012 naceu un 23 de abril de 1898 na aldea de Lérez, moi preto de Pontevedra. Aos oito anos ficou orfo de nai, un feito que o marcou profundamente. Cursou os primeiros estudos e mais o bacharelato en Pontevedra, onde xa amosou unha inclinación precoz cara ás letras sen dúbida fomentada polo seu tío, o ilustre poeta Juan Bautista Andrade que, ademais, foi quen lle presentou Castelao en 1916. Do trato co senlleiro líder nacionalista naceu unha longa amizade que se mantivo acesa ata a morte do político rianxeiro en 1950, pero tamén un firme compromiso con Galicia desenvolvido en moi diversas áreas. Baixo o consello do seu pai, trasladouse a Compostela para estudar a carreira de Dereito, e foi nesta época cando deu comezo á súa militancia activa no nacionalismo participando como orador, xunto con Euxenio Montes, na II Asemblea Nacionalista, celebrada en Compostela en 1919, e liderando a fundación do Grupo Autonomista Universitario, vinculado á Irmandade da Fala de Santiago, da que foi electo presidente. A súa xeira universitaria deixoulle, asemade, tempo para colaborar esporadicamente coa prensa local santiaguesa, nomeadamente, na Gaceta de Galicia e no semanario pontevedrés La Provincia. Culminou, finalmente, os seus estudos coa cualificación de sobresaliente.
Os inicios
Non ben rematada a carreira, debutou como avogado en Pontevedra xa en 1921, xusto antes de ser chamado a filas para participar na Guerra do Rif. Durante esta campaña, enviou crónicas desde Marrocos para o xornal coruñés El Noroeste que cimentaron a súa fama como xornalista, unha das súas facetas máis recoñecidas. En 1922, contando vinte e tres anos, recibiu unha baixa médica, grazas aos seus contactos, que lle permitiu abandonar África e volver a Galicia, onde se entrevistou, na Coruña, co cónsul chileno, Cádiz Vargas, co fin de botar a andar o proxecto dun xornal que acabou sendo o Galicia, subtitulado, Diario de Vigo, do que Paz Andrade foi director. O periódico saíu do prelo por vez primeira o 25 de xullo de 1922, contando con Roberto Blanco Torres, Francisco Pita ou Lustres Rivas na redacción; con Luís Ksado no deseño gráfico; co Castelao caricaturista nas ilustracións da portada e cun feixe de sinaturas como as de Antón Villar Ponte, Vicente Risco, Fermín Bouza Brey, Otero Pedrayo, Armando Cotarelo Valledor ou Amor Ruibal. Esta prestixiosa nómina de escritores, que desenvolveu un xornalismo de calidade cunha marcada liña progresista e galeguista, converteu de inmediato o Galicia nunha referencia xornalística a nivel galego. A partir de 1923, porén, empeza a sufrir persecución e censura so a Ditadura de Primo de Rivera, nun proceso que culmina co peche definitivo do Galicia en 1926. Paz Andrade, como director do xornal, viuse encarcerado na cadea da rúa Príncipe, en Vigo, durante un mes no ano 1924. A partires de 1927, Paz Andrade comezou a prestar servizos como avogado á patronal pesqueira viguesa radicada en Bouzas e fundou a revista especializada do sector; Industrias Pesqueras, co financiamento do industrial de orixe catalá José Barreras Massó. Esta relación co mundo do mar e da pesca converterase, en adiante, na súa principal actividade profesional, así como o obxecto de numerosos estudos, ensaios e conferencias, dos que o primeiro exemplo é Los puertos nacionales de pesca. Aportación de Vigo al estudio del problema, de 1928.
O home político
Xa en 1930, fundou en Vigo o Grupo Autonomista Galego e deu comezo a unha febril actividade política. Participou -con Lois Tobío, Carballo Calero e Vicente Risco, membros do Seminario de Estudos Galegos- na elaboración do Anteproxecto do Estatuto de Galicia -o título orixinal era Exposizón presentada pol-a poñenza encarregada de redactar o Antreproyeito de Estatuto de Galiza- e, coa proclamación da República en 1931, integrouse no Partido Galeguista formando parte da súa dirección. Nas eleccións a Cortes Constituíntes de 1931, Paz Andrade concorreu en terceira posición na lista de Candidatura Galleguista por Pontevedra, tras Castelao e Cabanillas, malia saír só Castelao como deputado por mor dunha fraude electoral. En 1932, o seu traballo como asesor legal da patronal pesqueira viguesa costoulle tamén a Paz Andrade un atentado a man dos anarquistas do que saíu vivo, aínda que non ileso. Xa no 36, tras os acordos para concorrer ás eleccións conxuntamente coa Fronte Popular, o Partido Galeguista só conseguiu incluír un dos seus candidatos na coalición por Pontevedra, Castelao, de tal maneira que, ante o ofrecemento do centrista Portela Valladares, Paz Andrade participou nas eleccións co partido deste último, o Partido de Centro Democrático, sen saír electo deputado tampouco nesta ocasión. Aínda así, a influencia do noso homenaxeado sobre Portela Valladares abondou para que o xornal do centrista, El Pueblo Gallego, fixese campaña a prol da aprobación do Estatuto de Autonomía do 36, acollendo mesmo afervoados editoriais en favor da causa redactados por Paz Andrade.
Tras o golpe militar, a implicación política de Valentín Paz Andrade no bando republicano levouno a axudar na fuxida a varios dos seus camaradas, así como tamén a interceder, en balde, pola salvación de Alexandre Bóveda. En setembro do 36 padeceu el mesmo a represión franquista sendo desterrado a Verín, onde sofreu un atentado a mans dunha cuadrilla falanxista do que sae ileso. Pouco despois nese mesmo ano, foi enviado a Requeixo de Queixa como endurecemento da súa condena. Malia todo, moi preto de alí, en Trives, coñeceu a súa futura esposa, Dona Pilar Rodríguez Prada, coa que tivo o seu único fillo en 1940, Alfonso, así chamado en homenaxe a Castelao.
Empresario e intelectual
En 1940 regresou a Vigo de xeito irregular desde un segundo desterro en Extremadura, que nunca foi levantado oficialmente. Entón, o seu grande prestixio como avogado permítelle reiniciar as súas actividades profesionais no sector marítimo e, a partir de 1942, fíxose cargo de novo da revista Industrias Pesqueras, acollendo na súa nómina galeguistas xa insignes daquela como Francisco del Riego. Asemade, organizou un faladoiro no Café Alameda frecuentado pola intelectualidade viguesa da altura: Maside, Laxeiro, Lugrís, os irmáns Álvarez Blázquez ou Antón Beiras entre outros. Na década dos cincuenta foi comisionado pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) para favorecer o desenvolvemento da pesca en Latinoamérica. Así, impartiu cursos sobre economía e xurisprudencia pesqueira, ao tempo que escribiu numerosos ensaios sobre a cuestión e colaborou asiduamente en xornais da época so os pseudónimos M., Xan Quinto ou Mareiro. A estadía en América foi, ademais, aproveitada para recuperar o contacto co galeguismo do exilio, especialmente co Centro Gallego de Bos Aires, que, en 1955, publicou o seu libro de poemas Pranto Matricial, en memoria de Castelao, e, en 1959, Galicia como tarea, unha escolma das súas conferencias sobre a situación económica e política de Galicia impartidas no mesmo Centro Gallego, e que constituíu un verdadeiro manifesto político nacionalista de signo progresista. Unha vez máis, en 1957, ingresa no cárcere por mor da publicación dun artigo da súa autoría considerado crítico co réxime franquista en Industrias Pesqueras.
En 1960 participa na fundación, con capital do industrial lucense Xosé Fernández López, da empresa Pescanova, da que foi designado vicepresidente e á que en moi pouco tempo consegue, grazas ao seu profundo coñecemento do sector, converter na maior armadora europea de buques conxeladores. Nesta época publica tamén o ensaio literario La anunciación de Valle Inclán (Bos Aires, 1967); o seu segundo poemario, Sementeira do vento (Vigo, 1968) e o ensaio político-economico La marginación de Galicia (Madrid, 1970), que recunca e amplía os temas xa recollidos en Galicia como tarea. En 1964 foi proposta a súa entrada na Real Academia Galega por Otero Pedrayo, Domingo García-Sabell, Xesús Ferro Couselo e Francisco Vales Villamarín. No entanto, o seu ingreso non foi posible ata o 11 de febreiro de 1978, cando leu o discurso A galecidade na obra de Guimaraes Rosa, ao que deu resposta Álvaro Cunqueiro.
Na democracia
Coa restauración democrática, Paz Andrade regresou á area política participando na Xunta Democrática de Galicia e na Comisión Negociadora da Oposición Democrática, a chamada Comisión dos Dez, en representación de Galicia. Saíu elixido senador en 1978 por Pontevedra na Candidatura Democrática Galega Independente. Fiel ás teses daquel nacionalismo republicano da súa xuventude, tomou parte nas reivindicacións dunha maior autonomía para Galicia frecuentes nesta época. En 1979 publicou o libro de poemas Cen chaves de sombra e, no 1982, deu ao prelo Castelao na luz e na sombra, froito dunha delongada investigación sobre a vida e obra do político rianxeiro.
Ao longo da súa vida, ademais de dirixir Galicia e Industrias Pesqueras, colaborou asiduamente en La Correspondencia Gallega, Alma Galaica, El Noroeste, Gaceta de Galicia, Vanguardia Gallega, El Pueblo Gallego, El Sol, La Calle, Industrias Conserveras, La Noche, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Emigrante, Informaciones, Información Comercial Española, Vieiros, Grial, El País, etc. Ademais, foi honrado con numerosos premios e homenaxes no outono da súa vida entre os que se contan o premio Pedrón de Ouro (1975), a Cruz de San Raimundo de Peñafort (1978), a Medalla da Cidade de Pontevedra (1979), a Medalla Castelao (1984), a Medalla ao Mérito Social Marítimo (1984), a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo (1986) e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1986). Valentín Paz Andrade, unha personaxe fundamental para entender a historia de Galicia no século vinte, finou na cidade de Vigo un 19 de maio de 1987 e foi soterrado no panteón familiar en Lérez, Pontevedra.
Obra
Obra en galego
Ensaio
- A galecidade na obra de Guimarâes Rosa. Introducción de P. Ronai e epílogo de A. Cunqueiro. Sada: ed. do Castro, 1978. Edición en portugués de Paulo Ronai, Sao Paulo: Difel, 1983.
- Castelao na luz e na sombra. Sada: ed. do Castro, 1982.
- Galiza lavra a sua imagen. Sada: Ed. do Castro, 1985.
Poesía
- Pranto matricial. Bos Aires: ed. Galicia do Centro Gallego, 1955.
- Sementeira do vento. Prefacio de Guilherme de Almeida. Vigo: Galaxia, 1968.
- Cen chaves de sombra. Limiar de Lorenzo Varela. Sada: ed. do Castro, 1979.
- Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo. Trasalba: ed. Fundación Otero Pedrayo, 1986.
Narrativa
- Soldado da morte. Escrita en 1921. Inédita.
Conferencias e artigos
"A nosa definición autonomista", discurso pronunciado con Otero Pedrayo e Castelao no teatro García Barbón de Vigo. A Coruña: Nós, 1930.
"Galicia na Monarquía e na República", discurso pronunciado no teatro García Barbón. Ourense: La Región, 1931.
"A evolución trascontinental da lingua galaico-portuguesa", en O porvir da língua galega, Lugo: Círculo de Belas Artes, 1968.
"Galiza diante da autonomía", conferencia no Congreso de Cultura Catalana de Barcelona, 7 de febreiro de 1977.
"O modelo federal para a constitución do Estado Galego", en Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos. Sada: Ed. do Castro, 1978.
"A xestación social da nova pintura galega", conferencia na Caixa de Aforros Municipal de Vigo, 17 de abril de 1980.
"Perspectiva e contrapunto da obra de Blanco Amor", conferencia no Ateneo de Ourense, 5 de Nadal de 1980.
"Bagaría e Castelao", Bagaría, folleto da exposición da Dir. Xeral de Bellas Artes y Archivos e o Carlos Maside, 1983.
"Aventura, drama e obra de Castelao", conferencia pronunciada en Lisboa, 18 de xullo de 1984.
"Castelao na vida e na obra", conferencia en Vilanova de Gaia, 7 de decembro de 1984.
"Pregón do mar de Riveira", 1 de agosto de 1985.
"O home dentro do sabio: Pedro Joseph de Bermés, 1770-1824", discurso de ingreso na Academia de Ciencias, Santiago, 1985.
"O cinzeles de Faílde", no Catálogo Failde. Exposición Monográfica. Caja Vigo, 1986.
"Castelao e a lngua galega", conferencia en Viana do Casteleo, Comissão luso-galaica conmemorativa do Centenario de Castelao, 30 de xaneiro de 1986.
"Cruz Gallástegui, na hora e na obra", en Homenaje a Cruz Gallástegui Unamuno. Pontevedra: Deputación de Pontevedra, 1985.
"Perspectiva e contrapunto da obra de Blanco Amor", n. 3, A Nosa Terra, Vigo, 1985.
Bibliografía sobre Valentín Paz Andrade
- CALVO, T.
O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade. La Voz de Galicia: A Coruña, 1997.
- CALVO, T.
Valentín Paz-Andrade, a memoria do século. Sada: Ed. do Castro, 1998.
- CALVO, T.
Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX. Cesuras: Biblos Clube de Lectores, 2011.
- CARBALLA ALONSO, X.
Biografía de Valentín Paz Andrade. Vigo: Galaxia, 2012.
- PORTELA YÁÑEZ, R.
Valentín Paz-Andrade: escritor, xornalista e poeta, avogado, político e empresario, Galicia como tarefa. Vigo: Ir Indo, 1998.
- PORTELA YÁEZ, R.
Valentín Paz Andrade. Vida e obra. Vigo: Edicións Xerais, 2012.
- PRIETO LAMELA, A.
D. Valentim Paz-Andrade e Castelao: breve resenha biográfica. Braga: Barbosa & Xavier, 1987.
- SEIXAS SEOANE, M.A.
Valentín Paz Andrade. Fotobiografía. Lugo: Ouvirmos, 2012.
Obra en castelán
Ensaio
- Galicia como tarea. Bos Aires: ed. Galicia do Centro Gallego, 1959.
- La anunciación de Valle Inclán. Limiar de Blanco Amor. Bos Aires: ed. Losada, 1967.
- La marginación de Galicia. Madrid: Siglo XXI, 1970.
- Los puertos nacionales de pesca en España. Aportación de Vigo al estudio del problema. Vigo: Unión de Entidades Viguesas, 1928.
- Principios de economía pesquera. Limiar de B. F. Osorio-Tafall. Santiago de Chile: F.A.O., 1954.
- Producción y fluctuación de las pesquerías. Madrid: Unesa,1954.
- Sistema económico de la pesca en Galicia. Bos Aires: Citania, 1958.
- Los derechos sobre el espacio marítimo. Barcelona: ed. Reus, 1960.
- El Capital como factor del desarrollo de Galicia. A Coruña: Banco del Noroeste, 1970.
Conferencias e colaboracións
"El impacto de la sardina en la economía de Galicia", conferencia do Curso de Verán da Universidade de Santiago, Vigo, verán de 1956.
"Soberanía y recursos libres del mar", conferencia do Curso de Verán da Universidade de Santiago, Vigo, verán de 1957.
"Pesquerías de onda larga", conferencia pronunciada en Lorient, na III Biennale Internationale de Pêches, 2 de xaneiro de 1966.
"Evolución del sector pesquero en Galicia", en Perspectivas de Galicia ante el 2º plan de desarrollo. A Coruña: Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, 1968.
"La población y la depresión agro-económica de Galicia", en Problemas y Soluciones del desarrollo económico de Galicia. Madrid: Zero, 1972.
"El concepto de zona económica en el nuevo derecho de la mar", conferencia pronunciada o 27 de setembro dentro do ciclo La mar, organizado polo Club de Dirigentes de Empresa de la Cámara de Comercio, A Coruña, 1974.
"La sociedad y la economía", en Los gallegos. Madrid: Istmo, 1976.
"La pesca y la economía española", ponencia das 1ª Jornadas de Marketing en la pesca, Vigo, setembro de 1976.
Ligazóns
Web oficial sobre Valentín Paz Andrade
Biografía na web da Asociación de Escritores en Lingua Galega
Un renacentista na Galicia do século XX, A cultura de Paz Andrade, Diario das viaxes de Paz Andrade, Paz Andrade aos puntos e Mapa conceptual sobre Paz Andrade (PDF 0.8 Mb) en culturagalega.org
Entrada e cronobiografía de Valentín Paz Andradade na Galipedia
Fotobiografía de Paz Andrade en ouvirmos.com