O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín e o alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
Inauguraron o Congreso o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín e o alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Na presenza de membros da Academia e público xeral, a xornada deu comezo coa inauguración do Congreso por parte do presidente da RAG e dos representantes das institucións colaboradoras: Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde do Concello de Pontevedra.
O académico Ramón Villares durante
a súa intervención
Ramón Villares Paz, académico, catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela e presidente do Consello da Cultura Galega, iniciou a conferencia inaugural, "Paz Andrade na luz e na sombra", defendendo a natureza poliédrica e ilustrada do protagonista. No seu relatorio, o profesor Villares salientou tres aspectos fundamentais na figura de Paz Andrade: a súa achega á política galeguista, a súa condición de intérprete de Galicia e a súa intención de proxectar a Galicia no mundo.
Para o historiador, o polígrafo pontevedrés interesouse desde moi novo en "afastarse dos vieiros da vella política", encarnando a aposta por unha nova forma de entender a representación social que pretendía organizar, sobre novas bases, o ideario democrático e republicano das Irmandades da Fala sen deixar de establecer conexións co agrarismo. Segundo o profesor Villares, "lonxe da idea dunha esquina verde", Galicia foi para Paz Andrade obxecto de reflexión e así o amosan os ensaios Galicia como tarea e La marginación de Galicia, que supoñen "esforzo por definir un proxecto viable para Galicia no ámbito económico, pero tamén no cultural". Coa intención de "aproveitar os nosos recursos e proxectalos cara a fóra nunha aposta pola industrialización", Paz Andrade estaba a reinterpretar a idea establecida de Galicia. Neste sentido, Ramón Villares salientou a importancia da relación de Paz Andrade con Portugal, xa na primeira posguerra, e, moi especialmente, coa cultura luso-brasileira, que non se iniciara a partir de intereses empresariais, senón literarios. Así explica o historiador a tardía decisión de Paz Andrade de elaborar o discurso de ingreso na Real Academia Galega sobre Guimarães Rosa, aínda cando nun comezo era intención súa facelo sobre Francisco Añón.
Finalmente, o profesor Villares afirmou que "a idea sistemática de Paz Andrade desde a República ata a súa morta foi a de preferir facer a ser, sen caer no pragmatismo absoluto" e defendeu que en Paz Andrade existe "unha concepción da política baseada, sobre todo, na vontade das persoas".
A intervención de Ramón Villares pódese visualizar aquí.
Tucho Calvo, biógrafo de Paz Andrade,
presentando o seu relatorio
Tras un breve receso, o xornalista, escritor e biógrafo, Tucho Calvo, iniciou a súa intervención titulada "Unha mirada de futuro no século XX" afirmando que "Valentín destacou por romper coa Galicia autárquica da súa época e mirar cara a fóra", ao tempo que salientou tamén "a súa fidelidade ao pensamento galeguista e republicano". Segundo o biógrafo do homenaxeado, o pensamento, hoxe vixente, de Paz Andrade concibía "Galicia como cabeza de ponte para unir Europa con América". De aí a defensa un ferrocarril que, atravesando o norte da península ibérica, "trouxese a Galicia toda clase de mercadorías e crear, así, un porto fundamental".
Tucho Calvo asegurou a necesidade que Paz Andrade tiña de que "Galicia aproveitase o idioma para abrirse á lusofonía", defendeu o "enorme potencial" da obra do pontevedrés e celebrou este Día das Letras Galegas, convertido xa no Ano Paz Andrade, pois "contribuíu a poñer no mapa un personaxe polifacético e extraordinario que merece un posto de honra na nosa historia".
A intervención de Tucho Calvo pódese ver aquí.
Luís Cochón dirixíndose ao público
Na súa intervención, titulada "Valentín, sempre ao seu aire", o profesor e ensaísta Luís Cochón repasou a relación do protagonista deste Congreso con figuras coetáneas como Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego ou Ramón Piñeiro. "Valentín quedou fóra de Galaxia cando Galaxia non foi quen de crear a súa propia esquerda, aínda que fose morna, como era a de Valentín Paz Andrade", afirmou o profesor Cochón. Sobre as noticias biográficas do homenaxeado que se deron a coñecer, considerou que "as memorias nunca son obxectivas e sempre escorentan a realidade", e asegurou que "sabemos do autor o que o propio autor quixo que soubéramos del".
Luís Cochón destacou Paz Andrade como "alguén posuído polo don da palabra" e gabou a súa personalidade diversa e capaz: "a biografía de Valentín non é consecuencia dos feitos da súa vida, senón alicerce dunha peripecia vital a que parece ser chamado polos propios feitos". "Sabíase importante", aseverou.
A intervención de Luís Cochón pódese ver aquí.
A investigadora Emilia García López
pechou as intervencións da mañá
Por último, Emilia García López expuxo o seu relatorio so o título "Aparición dun inédito: Diarios de viaje". A historiadora e ensaísta encóntrase inmersa na edición dunha serie de diarios de viaxe de Valentín Paz Andrade. Trátase de material diverso, de diferente envergadura, no que o seu autor relata experiencias acontecidas nos lugares aos que viaxaba enviado pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) para impartir cursos de capacitación pesqueira. Nova York, México, Colombia, Brasil ou un voo sobre a Pampa arxentina son os escenarios escollidos.
Este proxecto iníciase a partir do traballo de dixitalización de documentos inéditos por parte do Consello da Cultura Galega. A obra publicada verá a luz proximamente en Alvarellos Editora, sendo o n.º 17 da colección Rescate, consagrada á recuperación de grandes obras esquecidas da nosa cultura. Emilia García defendeu o valor destes diarios de viaxes, pois, descobren un "Valentín íntimo, viaxeiro, anónimo", achegando "reflexións sobre a arte e a historia dos lugares nas que Galicia e ao imaxinario marítimo que Valentín Paz Andrade sempre tiña presente".
Vídeo da intervención de Emilia García López.