Sesión de tarde da II Xornada

Os investigadores Camilo Nogueira Román, Xavier Vence, Xosé Manuel Beiras Torrado, Carlos Ramos Aguirre e Xusto Beramendi analizaron a dimensión sociopolítica de Valentín Paz Andrade.
Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras, Ramos Aguirre, Méndez Ferrín e Xabier Vence
Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras, Carlos Ramos Aguirre, Méndez Ferrín e Xavier Vence durante o coloquio
Camilo Nogueira
Camilo Nogueira Román con Xosé Luís
Méndez Ferrín

O ensaísta Camilo Nogueira Román abriu a sesión de tarde do venres coa conferencia "...Os anceios mariñeiros de Galiza", na que presentou unha visión da historia galega desde a Idade Media ata a actualidade. "Os Reis Católicos levaron a cabo un programa de sometemento da nobreza galega, que pasa a ser substituída por outra foránea, deixando o país descabezado", afirmou Nogueira. Segundo o profesor, este proceso político provocou, asemade, que o galego deixase de ser unha lingua de uso público e cultural, conservándose unicamente polas clases populares, campesiñas e mariñeiras, que permaneceron fieis ao idioma.

Para o economista, xa baixo os Austrias, a economía galega resentiuse do peche das súas rutas de comercio marítimo con Inglaterra, debido as continuas guerras con este país, e padeceu tamén a exclusión do comercio con América que comeza a facerse, exclusivamente, desde os portos de Cádiz e Sevilla. "Galicia chega pois, á Idade Moderna, co seu desenvolvemento económico coutado por mor da súa carencia dunha dirección política propia", defendeu. "Galicia é hoxe un país evolucionado grazas ao dinamismo da sociedade galega que se debe, entre outros motivos, ao esforzo de persoas como Valentín Paz Andrade, alguén decisivo para que Galicia fose recoñecida como nacionalidade histórica durante a transición", concluíu Nogueira Román.

O vídeo coa intervención de Camilo Nogueira pode verse aquí.

Xavier Vence
O economista Xavier Vence durante a súa
intervención, á beira do presidente da
Academia

Xavier Vence, economista e investigador, participou no Congreso co relatorio titulado, "A persistente marxinación de Galiza e a tarefa económica de Valentín Paz Andrade". Segundo Vence, as obras de análise económica do protagonista produciron escaso eco no universo académico: "de maneira que eu accedín ao seu pensamento unicamente a través dos seus libros". "Valentín Paz Andrade non se limitou a identificar e diagnosticar os males que afectaban á economía galega, senón que tamén propuxo solucións prácticas ao seu atraso e levounas a cabo, sobre todo no sector pesqueiro-alimentario, o cal o converte nun intelectual moi singular", afirmou.

Para o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, as obras económicas de Valentín Paz Andrade influíron na obra de numerosos economistas galegos, nomeadamente, no Atraso económico de Galicia, de Xosé Manuel Beiras, que desenvolve algunhas das ideas xa presentes en La Marginación de Galicia. Vence defendeu a relación entre o pensamento económico de Paz Andrade e o de Lois Peña Novo na súa defensa da industrialización de Galicia: "unhas teses desarrollistas que chocaban coa tradición agrarista do nacionalismo galego". Vence afirmou que "tamén era singular nel a importancia que lle concedía ás institucións e á lingua, considerados valores económicos" e defendeu que "Para Valentín Paz Andrade, a marxinación de Galicia dos fluxos internacionais do capital, concentrados en Madrid, e o centralismo político eran dous factores claves no subdesenvolvemento da nosa economía". "A recentralización política e financeira que estamos a sufrir nestas datas constatan a vixencia das teses de Paz Andrade", concluíu.

A intervención de Xabier Vence pódese ver aquí.

Xosé Manuel Beiras
Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira

So o título, "A Galicia como tarefa en Valentín Paz Andrade", Xosé Manuel Beiras Torrado comezou a súa intervención recoñecendo a relación de continuidade entre La marginación de Galicia, de Paz Andrade, e O atraso económico de Galicia, ensaio da súa propia autoría, que xa sinalara na súa conferencia Xavier Vence. A continuación, o catedrático de Estrutura Económica da Universidade de Santiago de Compostela afirmou que Galicia como tarea foi "un verdadeiro fito histórico no pensamento galeguista de posguerra, producido ademais desde o interior, non desde o exilio" e defendeuna como "a primeira obra que traza unha diagnose sistemática das principais doenzas do país, nunha visión que podemos considerar clínica, e, ao mesmo tempo, fai tamén o rexistro das súas enerxías vitais, transmitindo confianza nas súas potencialidades e unha verdadeira exhortación á asunción colectiva desa tarefa".

En canto ao background ideolóxico de Paz Andrade, para Beiras Torrado, o pontevedrés recolle o legado da liña de esquerda do Partido Galeguista ligada a Castelao, en contraste co rumbo marcado polo Grupo Galaxia nos anos cincuenta: "Paz Andrade tomara contacto en América cos teóricos do subdesenvolvemento agrupados arredor da CEPAL, que propuñan unha serie de diagnoses elaboradas desde a periferia do sistema e da ortodoxia teórica dominante". Sobre o destinatario da obra de Paz Andrade, Beiras negou que este fose o pobo galego no seu conxunto ou o nacente proletariado urbano: "Paz Andrade diríxese, como Brañas douscentos anos antes, á burguesía industrial e financeira do país. O que pasou é que este destinatario, como xa lle pasara a Brañas, fíxose o xordo".

O vídeo coa intervención de Xosé Manuel Beiras pode verse aquí.

Carlos Ramos Aguirre
Carlos Ramos Aguirre e X.L. Méndez Ferrín,
intres antes do comezo da conferencia

O sociólogo e profesor da Universidade de Palma de Mallorca, Carlos Ramos Aguirre, interveu na segunda xornada do Congreso co discurso titulado "Paz Andrade ou a racionalidade disidente: por unha idea activa de Galicia", no que subliñou a preeminencia da racionalidade como aspecto máis característico do temperamento de Paz Andrade. Segundo o investigador, "Paz Andrade posuía unha intelixencia práctica que o conectaba directamente coa Ilustración, como xa o soubo apreciar Cunqueiro no seu discurso de resposta ao ingreso de Paz Andrade na Academia, ao emparentalo con Cornide".

"Resulta evidente que Paz Andrade tiña un gran coñecemento dos ilustrados galegos, aos que chamaba Os doce do XVIII e dos que asume o seu proxecto político e cultural, baseado na idea de que Galicia tiña que acceder ao progreso mediante a reforma do sector agropecuario e do desenvolvemento industrial", afirmou. "Esta confianza cega no progreso é o signo máis evidente da súa liñaxe ilustrada", concluíu. En canto ás razóns da súa disidencia, o investigador Ramos Aguirre apuntou que "Paz Andrade tivo unha vida que o afastou da normalidade: foi soldado en África, director dun xornal, avogado da patronal, perseguido do anarquismo e do franquismo, iniciador do Grupo Pescanova... Todo isto transmite a idea dunha personalidade afouta e decidida" na que "non é de estrañar que xurda a disidencia, aínda que nunca a deserción". Con respecto ao Grupo Galaxia, defendeu un desacordo "visible en feitos como a súa proscrición da Revista Galega de Economía, sendo como el era o economista galego máis recoñecido naquela altura". Ramos Aguirre afirmou, asemade, que Galicia como tarea "proponse un nacionalismo industrialista afastado do nacionalismo identitario, que puña en relación o progreso material co progreso identitario".

O vídeo coa intervención de Calos Marcos Aguirre pode verse aquí.

Xusto Beramendi
O historiador Xusto Beramendi durante o
seu relatorio

"Paz Andrade no nacionalismo galego de entreguerras" foi o título da conferencia impartida polo historiador Xusto Beramendi, na que considerou Paz Andrade como "un dos xenios fundadores do nacionalismo moderno do que máis tarde se afastaría dramaticamente". Segundo o catedrático de Historia Contemporánea, Paz Andrade achegouse ao nacionalismo na súa etapa na Universidade da man de Porteiro Garea e Peña Novo. "Na II Asemblea Nacionalista, celebrada en Santiago en 1919, será cando el empece a ter un claro protagonismo no nacionalismo daquela altura, sobre todo entre a mocidade". Beramendi defendeu o posicionamento de Paz Andrade coa Irmandade Nacionalista Galega de Risco, a partir da IV Asemblea Nacionalista celebrada en Monforte, e a conversión do Galicia no voceiro oficioso desta facción, que se había enfrontar directamente coa ditadura de Primo de Rivera.

Para o historiador, tras a caída do réxime, na VI Asemblea Nacionalista celebrada na Coruña, Paz Andrade sitúase contra o grupo da Irmandade da Fala coruñesa, liderada por Villar Ponte, que propuña a disolución das Irmandades na ORGA de Casares Quiroga, e funda o Grupo Autonomista Galego de Vigo, co que concorre ás eleccións de 1931 ficando fóra das Cortes debido á masiva fraude electoral. Este fracaso político supuxo, para Xusto Beramendi, un punto e á parte na vida de Paz Andrade, que pasa a dedicar a maior parte do seu tempo ao seu labor profesional como avogado en Vigo. Así, cando se constitúe o Partido Galeguista, Paz Andrade rexeita formar parte da súa dirección, mesmo cando Castelao sofre desterro en Estremadura durante o bienio cedista. Para o profesor Beramendi, esta separación culmina coa súa concorrencia ás eleccións do 36 nas listas do Partido de Centro, de Portela Valladares, un feito que supón "unha conmoción no interior do Partido Galeguista" e que "facilita o seu pacto coa Frente Popular nesas eleccións".

A intervención de Xusto Beramendi pode verse aquí.