O secretario da RAE, Darío Villanueva; o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad; o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín; a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro e o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos Agrelo
A derradeira xornada do Congreso contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, e coa concelleira de Cultura do concello de Pontevedra, Anxos Riveiro. O catedrático Darío Villanueva Prieto pronunciou a conferencia de clausura, mentres o Coro Tradicional Cantares do Brión puxo o ramo ás tres xornadas do Congreso Valentín Paz Andrade.
O investigador Xosé Luís Axeitos Agrelo,
secretario da Real Academia Galega
"Expoñer os valores éticos, morais e políticos do xornal Galicia" foi a intención expresa do discurso de Xosé Luís Axeitos Agrelo, que levou por título "A Galicia do Galicia". Con este fin, o secretario da Real Academia Galega encetou a súa análise facendo referencia ao primeiro consello de redacción do Galicia, do que formaba parte o cónsul chileno en Galicia, Cádiz Vargas, que consideraba o novo xornal un medio idóneo para facer publicidade, nun medio rural coma o do noso país, da principal mercadoría que naquel tempo exportaba Chile: os nitratos para o abono.
Para o profesor Axeitos, a parte galega do novo xornal vía no Galicia a continuación lóxica da esmorecente cabeceira coruñesa El Noroeste, ao tempo que se marcaba como obxectivo facer un xornalismo novo, "afastado do vello xornalismo partidista", no mesmo estilo que practicaba o madrileño El Sol. Outro dos fins da nova cabeceira era o de dar visibilidade á nosa cultura, como xa fixera a xeración galeguista precedente dos Murguía, Chao e Compañel nos extintos El País de Pontevedra, ou La Oliva, de Vigo: "Non houbo descontinuidade nin perda ningunha, pois o Galicia incorporou á súa ampla nómina de colaboradores as personalidades máis destacadas do galeguismo da época". Para Axeitos Agrelo: "O Galicia naceu, como xa se dixo neste Congreso, nun momento de división nas Irmandades da Fala e tiña a vontade de superar aquela separación dando acubillo nas súas páxinas a todas as sensibilidades nacionalistas, desde Rey Soto e Cotarelo Valledor ata Villar Ponte, Rof Codina, Cabanillas, Otero, Risco, López Abente, Maside ou Bonome".
Segundo Axeitos, no Galicia houbo "un compromiso coa verdade e un afán colectivo de obxectividade que o sitúan inmediatamente no punto de mira da ditadura de Primo de Rivera, que viña de se instaurar naquelas datas". Outra das liñas editoriais máis definidas do novo xornal era o seu antibelicismo, que se constataba en feitos como a oposición á Guerra de África, ou na crítica á figura de Millán Astray, elevado a modelo de heroe nacional pola prensa conservadora da época. Outros aspectos relevantes foron a súa oposición á celebración de corridas de touros en Galicia e a promoción, na sección de Domingos Literarios, dos novos valores artísticos que ían xurdindo na Galicia dos anos vinte.
Carlos Paulo Martínez Pereiro
O Doutor en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Paulo Martínez Pereiro, fundamentou a súa conferencia na análise do discurso de ingreso de Paz Andrade na Academia: A Galecidade na obra de Guimarães Rosa. Para Martínez Pereiro, Paz Andrade "estaba a la page de todo o que se facía sobre Guimarães Rosa", quen fora descrito por Drummond de Andrade como "un escritor que escolleu un exilio na linguaxe común".
Segundo Martínez Pereiro, "A galecidade na obra de Guimarães Rosa está escrito con gran densidade literaria e de pensamento, con vontade de estilo ensaístico, como se revela no uso de abundantes prolepses que crean un efecto de suspense no lector". Paz Andrade encontrou, segundo Martínez Pereiro, unha identificación, "un tanto forzada", entre o galego miñoto, que coincide cos límites xeográficos da antiga Gallaecia, e o brasileiro do Sertão que usaba Guimarâes Rosa. "Se dicimos Galicia é Minas Gerais, estamos a representar unha relación de filiación, non de identidade", afirmou.
A seguir, Martínez Pereiro describiu o estilo literario de Guimarães Rosa como "prosoemático" e "hiperconsciente", "na liña de James Joyce, con abundantes neoloxismos e unha ortografía propia que converten a lectura dos seus textos nunha experiencia difícil, practicamente ilexibles para un lector brasileiro medio". A complexidade estilística e lingüística do autor do Sertão aumenta, en opinión de Martínez Pereiro, o valor do proxecto ensaístico de Valentín Paz Andrade, que emprega atinadamente ferramentas teóricas tomadas de Ferdinand de Saussure, Gaston Bachelard ou Claude Levi Strauss, co fin de "representar o achado dun Brasil de noso".
O avogado Alfonso Álvarez Gándara
O avogado tudense Alfonso Álvarez Gándara bosquexou, ao longo do seu relatorio, un retrato persoal do protagonista do Dia das Letras 2012. Trazos particulares da súa personalidade, como o "laconismo expresivo" ou a "impasibilidade" ante as abundantes ameazas físicas que sufriu ao longo dos anos, foron algún dos aspectos destacados por Álvarez Gándara. O avogado lembrou tamén a súa defensa de Alberto Míguez, que fora procesado por publicar El pensamiento político de Castelao, na primeira actuación dun avogado galego neste tribunal. Para Álvarez Gándara, a decisión de Paz Andrade de concorrer ás eleccións do 36 nas listas do partido de Portela Valladares supuxo "un punto de inflexión na súa relación con Castelao, aínda que a súa elección tería suposto, en realidade, un aumento da representación galeguista nas Cortes".
Xa na posguerra, segundo o relator, Paz Andrade mantivo unha relación especialmente estreita co galeguismo do exilio, propiciando o seu distanciamento do grupo dominante no interior: "aínda que este vencello co galeguismo exterior sería o que lexitimaría, xa no 76, a súa incorporación á Xunta democrática".
O catedrático Darío Villanueva pronunciou a
conferencia de clausura do Congreso Valentín
Paz Andrade
So o título "O Valle-Inclán de Valentín Paz Andrade", o catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade de Santiago de Compostela, Darío Villanueva Prieto, puxo fin ao Congreso Valentín Paz Andrade analizando a obra La anunciación de Valle-Inclán. Para Villanueva, a crítica literaria é un xénero nado no xornalismo inglés do século XVIII, nomeadamente, no Spectator dirixido por Addison. Estes xornalistas "consideraban a cultura a ferramenta idónea para educar as masas de lectores en contra do Absolutismo".
Despois dunha introdución á xénese e rol da crítica literaria, o profesor Villanueva centrou o seu discurso na lectura que Paz Andrade fixo de Valle-Inclán: "unha tentativa de reconciliar o escritor de Rianxo cunha Galicia coa que tiña unha relación problemática". Neste sentido, Villanueva lembrou que fora o propio Castelao o primeiro en subliñar a importancia do substrato galego na obra de Valle, unha liña que sería seguida por Valentín Paz Andrade no seu ensaio, pois xa en 1939 Castelao definira a Valle como un "hijo del renacimiento cultural de Galicia".
Para o relator, os feitos de que galegos como Said Armesto ou César Barja fosen os primeiros promotores literarios de Valle-Inclán, ou que o limiar de Femeninas, primeiro libro publicado do autor de Rianxo, leve sinatura de Manuel Murguía, son probas da estreita relación de Valle-Inclán con algúns personaxes do Rexurdimento galego. No plano estritamente literario, Villanueva lembrou que "xa Ramón J. Sender sinalara a Curros, Pondal e Rosalía como influencias galegas en Valle" ou que outros autores, como Juan Ramón Jiménez, sinalaran "a súa estirpe celta, compartida con autores como Joyce e Yeats".
Nesta mesma liña, para Paz Andrade, a obra de Valle delata, na "materia de Galicia" e no seu "esperpentismo", a súa filiación galega no plano do contido. No plano da lingua, o seu "sincretismo idiomático", no que o galego conforma o substrato do castelán empregado por Valle, é o principal sinal da súa galecidade. Valle non escribiu en galego, segundo Paz Andrade, porque a nosa lingua carecía daquela de tradición en prosa e porque aspiraba a se converter nun escritor profesional.
Para o profesor Villanueva, Valle-Inclán foi, como Joyce, un escritor cunha personalidade polémica que tivo unha relación problemática e, ao mesmo tempo, de fidelidade absoluta co seu país natal: "Joyce e Valle foron dous xenios no dominio da linguaxe e na súa tendencia cara ao plurilingüísmo, cara a un verdadeiro palimpsesto de idiomas, se ben con resultados moi diferentes: o solipsismo verbal do Finnegan´s Wake nunca será o camiño escollido por Valle". Segundo Darío Villanueva, Paz Andrade desenvolve, en La anunciación de Valle Inclán, "unha acertada e argumentada defensa da galecidade do autor de Luces de bohemia".
Na mesa que pechou o Congreso, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, salientou a obra de Paz Andrade como "un exemplo de compromiso na tarefa da construción do futuro deste país" e como "unha obra con vocación de futuro e centrada na praxe". "A Galicia de hoxe sería inexplicable sen a contribución de Paz Andrade", afirmou Vázquez Abad.
Darío Villanueva, Vázquez Abad e Méndez Ferrín na mesa de clausura
Como colofón, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, felicitou os relatores pola calidade das súas intervencións e afirmou que "a multiforme personalidade de Paz Andrade queda moito mellor debuxada e definida tras estas xornadas".
O Coro Tradicional Cantares do Brión, de Gondomar, foi o encargado de pórlle o ramo ao Congreso coa interpretación das seguintes pezas: Foliada de Cerdedo, do repertorio de Cántigas da Terra; Muiñeira de Sabaxáns; O carro, poema de Manuel María e música de Baldomero Iglesias "Mero"; Alalá n.º 3, do repertorio de Aires da Terra; Tríadas do vento no mar, poema de Valentín Paz Andrade; melodías e letras extraídas do Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro; Eu non sei o que me deches, do repertorio do Real Coro Toxos e Froles e Na Touba do Brión.