Sesión de tarde da I Xornada

A sesión vespertina da primeira xornada do Congreso contou coas intervencións de Charo Portela, Xan Carballa, Miguel Anxo Seixas, Manuel Rivas e Luís Bará.
Manuel Rivas, Xosé Luís Axeito e Luís Bará
O escritor Manuel Rivas e o filólogo Luís Bará interviron na sesión de tarde, presidida polo secretario Xosé Luís Axeitos Agrelo
Charo Portela
Charo Portela, biógrafa de Paz Andrade

Charo Portela, autora de dúas biografías sobre o protagonista do Día das Letras 2012, analizou polo miúdo, no discurso titulado "Valentín Paz Andrade con Pontevedra ao fondo", o vencello do polígrafo pontevedrés coa súa cidade natal. En Pontevedra, vila natal do noso protagonista, foi onde acometeu a súa estrea como xornalista, nas páxinas de La Correspondencia Gallega. e foi tamén, segunda a investigadora, onde entrou en contacto con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que suporía unha influencia decisiva no seu compromiso político e vital con Galicia. Charo Portela afirmou que foi Juan Bautista Andrade, tío de Paz Andrade, quen puxo en contacto os dous escritores, coincidindo coa tese defendida pola profesora Emilia García López na xornada anterior. Na relación entre Paz Andrade e Castelao, Charo Portela salientou o pontevedrés Café Moderno, escenario de numerosas conversas co político rianxeiro que, ao estar atravesado polo camiño de ferro do tranvía, para unha precoz peza de xornalismo humorístico: "El tranvía de Marín y su literatura". Para a biógrafa e escritora, Pontevedra seguiría a ser un punto de referencia imprescindible para Paz Andrade, mesmo despois de se ter afincado en Vigo, a comezos dos anos vinte: "Pontevedra remanece na fondura das miñas visións máis mozas", afirmou Paz Andrade.

Para Charo Portela, sería o seu amigo pontevedrés Bibiano Fernández Ossorio-Tafall quen, por volta dos cincuenta, "lle ofrecería a posibilidade de fuxir daquela España gris da posguerra" como comisionado da FAO para América Latina. A escritora e investigadora rematou a súa conferencia evocando a forte vinculación de Paz Andrade co Museo de Pontevedra, institución á que doou os seus debuxos das serie "As mulleres", de Daniel Rodríguez Castelao.

O vídeo coa intervención de Charo Portela pode verse aquí.

Xan Carballa
O xornalista Xan Carballa durante a súa
conferencia

O xornalista Xan Carballa pasou revista, na súa quenda, á traxectoria política de Valentín Paz Andrade. Baixo o título "Os vellos galeguistas nunca morren", a súa conferencia debullou a longa militancia galeguista do polígrafo pontevedrés, desde os seus inicios nas Irmandades da Fala, pasando pola súa temperá intervención, en 1919, na II Asemblea Nacionalista de Santiago, onde reclamou a instauración dunha escola de xornalismo galego. O biógrafo e xornalista lembrou tamén a fundación do Grupo Autonomista Galego, no ano 1930 en Vigo, que presidía o mesmo Paz Andrade e que organizou, o 25 de xullo dese mesmo ano, no Teatro García Barbón de Vigo, un mitin histórico. Nel participou o noso protagonista á beira de Otero Pedrayo e Daniel Rodríguez Castelao cun discurso que, segundo o relator, foi o que achegaba "máis forza política dos tres".

Xan Carballa proseguiu a súa intervención analizando a ruptura de Paz Andrade co galeguismo anterior nos anos cincuenta, considerando a súa actitude de "cegueira política, "por ter renunciado á continuidade do Partido Galeguista". Xa na etapa da transición democrática, Carballa salientou a importancia do labor de Paz Andrade, en representación da lexitimidade, na Xunta Democrática, e o seu rol na escolla do nome, de liñaxe faraldiana, que actualmente ostenta o goberno autónomo galego: Xunta de Galicia.

O video coa intervención de Xan Carballa poden velo aquí.

Miguel Anxo Seixas
Miguel Anxo Seixas á beira de Xosé Luís Axeitos

O historiador, ensaísta e fotobiógrafo do protagonista, Miguel Anxo Seixas, deu conta do nobelo de experiencias e acontecementos que vincularon as figuras de Castelao e Paz Andrade no seu relatorio "Castelao á luz de Paz Andrade". Acoutando a pescuda entre os anos 1950, ano do pasamento de Castelao, e 1982, ano de publicación da primeira edición de Castelao na luz e na sombra, Miguel Anxo Seixas pormenorizou, de xeito erudito, os feitos históricos que, ano tras ano, foron achegando as figuras dos dous intelectuais, para culminar no proceso de escritura de Castelao na luz e na sombra.

Segundo Miguel Anxo Seixas, Valentín Paz Andrade observou que todos os proxectos de concibir unha biografía de Daniel Rodríguez Castelao fracasaran e propúxose levar adiante unha biografía completa da súa autoría, a partir do ensaio que xa publicara, "Castelao, con Pontevedra ao fondo". Coa finalidade de elaborar unha obra o máis rigorosa posible, Paz Andrade solicitou información a personalidades da cultura que coñecían ou compartiran a vida co político de Rianxo. Ramón Piñeiro, Rodolfo Prada, Rafael Dieste, Pilar Vázquez Cuesta, Xosé Abraira ou Neira Vilas enviaron ao polígrafo pontevedrés información relevante. "Incluso Díaz Pardo, o editor, participa do proceso de corrección, engadindo novos documentos gráficos". Finalmente, para Miguel Anxo Seixas, Paz Andrade elaborou unha obra "moi celebrada" e "a única biografía completa nestes 32 anos, desde o pasamento de Castelao".

O vídeo coa intervención de Miguel Anxo Seixas pódese ver aquí.

Manuel Rivas no Congreso
Manuel Rivas durante o seu relatorio,
a carón de Xosé Luís Axeitos

O escritor, xornalista e académico Manuel Rivas Barrós continuou a xornada vespertina co relatorio "Paz Andrade: contra o cinismo". "Valentín agasallou a Galicia con froitos do mellor xornalismo e da mellor poesía", comezou Rivas, que defendeu o xornalismo como un "ben público, tan necesario como o leite ou o pan". Neste sentido, para Rivas, "o xornalismo foi o berce, o embrión de todas as actividades posteriores de Paz Andrade" e o xornal Galicia, dirixido por el, representa un "grande episodio na nosa historia xornalística". Segundo o relator, "o que Valentín quere facer é un xornalismo independente nun xornal galeguista", de aí que incorpore no Galicia as páxinas de cultura, a viñeta humorística, autoría de Castelao, e o editorial, modernizando o formato tradicional da prensa naquela época.

Na tese fundamental do seu relatorio, Rivas Barrós mantivo que libros como Galicia como tarea e La marginación de Galicia "son auténtico xornalismo; o xornalismo que non se pode facer". Defendeu, asemade, a honestidade e a implicación do traballo de Paz Andrade citando a Kapuscinski: "Paz Andrade fai un xornalismo non cínico, non para cínicos" e relacionou a facetas xornalística e poética de Paz Andrade: "tamén é xornalista na poesía, na medida en que toda boa poesía ten unha compoñente de información básica e necesaria".

A gravación en vídeo da intervención de Manuel Rivas pódese ver aquí.

Luís Bará
O filólogo e concelleiro Luís Bará durante
a súa alocución

O filólogo e concelleiro de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra, Luís Bará foi o encargado de pechar a primeira xornada do Congreso coa intervención "Historia de dúas cidades: Valentín Paz Andrade e o xornalismo pontevedrés e vigués de preguerra". Segundo expuxo o relator, acompañándose de mapas de distintas etapas históricas: mentres Vigo se convertía, nos inicios do século XX, en centro dinamizador da industria e da vida cultural, Pontevedra estaba entrada na súa actividade administrativa como capital de provincia. Mais os anos 20 foron tamén unha "Idade de Ouro para a prensa viguesa, que contaba con catro xornais diarios -Faro de Vigo, La Concordia, Galicia e El Pueblo Gallego-", aínda que o impulso axiña se converteu na "crónica dunha frustración", que o relator explica a partir das "tensións que se producen na sociedade viguesa na época da Ditadura de Primo de Rivera".

Para Luís Bará, estes "procesos de confrontación das elites" desembocaron nos acontecementos de 1924, cando Valentín Paz Andrade entra na cadea, e na posterior suspensión e desaparición do xornal Galicia. A partir de entón, "Paz Andrade reemprende a súa carreira profesional, traballando para a patronal pesqueira viguesa". O relator concluíu afondando na memoria da represión durante a guerra civil, lembrando, como exemplo, a figura de Rosario Hernández, "vendedora de xornais asasinada polo terror fascista".

Aquí pódese acceder a un vídeo da ponencia de Luís Bará.