Novidades editoriais e actos arredor do Día das Letras 2012

Coma todos os anos, a figura protagonista do Día das Letras e a propia data do 17 de maio convocan unha morea de producións culturais e actos cívicos por todo o país e no estranxeiro.

No eido das producións editoriais, ademais das referidas semanas atrás, esta mesma mañá presentábase, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o volume que a Universidade de Santiago de Compostela editou neste Día das Letras Galegas: Lume de vidas. Valentín Paz-Andrade - Ramón Otero Pedrayo: un dialogo epistolar (1925-1976). Coordinado polo profesor e académico Henrique Monteagudo, o libro recolle unha escolma da correspondencia rescatada entre os dous escritores. Un total de 86 epístolas dan conta dun amplo treito das súas traxectorias vitais, fortemente entroncadas coa realidade histórica e cultural da época. Tras a presentación, o profesor Monteagudo pronunciou unha conferencia na que degrañou os detalles da relación entre os dous persoeiros atendendo ás cartas recollidas no volume. Denís Vicente acompañou a conferencia coa lectura de diversas pasaxes da obra de Paz-Andrade. Por outra banda, vén de saír do prelo un texto inédito de Valentín Paz-Andrade a cargo de culturagalega.org, Canto do pobo disperso, escrito orixinalmente en 1955 en Bogotá, nunha das súas viaxes como experto en pesca designado pola FAO para América Latina. O libro, editado e prologado por María Xesús Lama, pódese descargar en formato dixital no portal antedito. Nel, o poeta ofrécenos unha serie de sete poemas longos nos que trata, en ton épico, a realidade da emigración galega en América. Pola súa banda, Ouvirmos vén de facer pública a súa Fotobiografía: máis de cen imaxes tiradas do álbum familiar de Valentín Paz Andrade orientadas con textos de Anxo Seixas compoñen a proposta.

No que se refire ás celebracións de carácter cívico e popular, ademais da tradicional manifestación do 17 de maio en Santiago de Compostela, destaca, no noso país, a celebración da XI Romaría Etnográfica Raigame, que se celebrará en Vilanova dos Infantes, así como o Festiletras, desenvolvido pola Asociación Cultural Monte Branco de O Couto, en Ponteceso, e que conta cunha intensa programación cultural que abrangue toda a semana do Día das Letras Galegas.

Entre os actos que se levarán a cabo fóra de Galicia, salienta a homenaxe a Paz-Andrade proxectada polo Centro Gallego del Rosario, e as xornadas que a Universitat de Barcelona lle dedica ao estudo da figura de Valentín Paz-Andrade.