Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Einés
feminino
Nome cristián
Variantes
Femininas Inés
Hipocorísticos
Femininos Nesuca, Inesa
Etimoloxía e historia
Do nome grego Hagnē, co significado de 'pura, casta', que pasou ao latín da época precristiá como Hagne e ao xa cristián do século IV como Agnés, coa acentuación do grego. Aínda que, por ignorancia desta lingua, o nome se asociou por etimoloxía popular ao latino agnus 'año'.
Motivación
Santa Inés (séculos III-IV), lendaria virxe e mártir romana de doce anos, foi martirizada por resistirse a ser violada. A partir da etimoloxía popular do seu nome —Agna Dei ‘aña de Deus’, a personificación feminina do Agnus Dei—, a santa convértese nun modelo de castidade e de pureza.
A nobre galega Inés de Castro (c. 1320-1355), de sobrenome Colo de Garza, marchara para a corte portuguesa como dama de honra da súa prima Costanza, prometida do infante D. Pedro. Este acabou namorándose de Inés e convertéronse en amantes; despois casarían en segredo ao quedar o infante viúvo. A nobreza portuguesa, temerosa da influencia na corte da familia galega de Inés, os poderosos Castro —o seu irmán, Fernando Ruiz de Castro, era conde de Trastámara, de Lemos e de Sarria—, instou o rei Afonso IV ao asasinato da que coidaban que aínda era só a amante de Pedro, e iso ocasionou a rebelión deste contra o seu pai. Ao chegar a rei, Pedro I fixo público o seu lexítimo matrimonio e trasladou o cadáver da súa muller —coa que tivera catro fillos— ao mosteiro de Alcobaça, obrigando os cortesáns a que lle rendesen honores. Estes amores tráxicos inspiraron a moitos escritores, como o portugués Luís de Camões (canto III dos Lusíadas, 1572) ou o dramaturgo español Luis Vélez de Guevara (Reinar después de morir, 1635).
Chamáronse así
Seis das catorce abadesas bieitas galegas —coñecidas polo hábito da súa orde como as donas touquinegras— que se opuxeron con firmeza á supresión dos conventos femininos galegos e á centralización iniciada en 1487 pola raíña Isabel I de Castela: sor Inés de Quiroga, abadesa de Sobrado de Trives (o principal bastión e exemplo de loita); sor Inés Fernández, abadesa de San Miguel de Eiré; sor Inés López, abadesa de San Pedro Fiz de Cangas; sor Inés Rodríguez da Silva e sor Inés de Guitián, abadesas de Santa María de Pesqueiras; e sor Inés de Sanabria, abadesa de San Pedro de Ramirás. Estas monxas rebeldes enfrontáronse durante trinta anos a dúas raíñas (Isabel e Xoana), a dous reis (Fernando o Católico e Filipe I) e a catro papas. En 1499 fundouse, para recluílas, baixo a autoridade dunha abadesa de Burgos, o convento de clausura de San Paio de Antealtares de Santiago. Algunhas, como Inés de Sanabria e Inés de Eiré, fuxiron deste mosteiro e serían declaradas prófugas e apóstatas. Foi outro dos episodios da “doma” do reino de Galicia de finais do século XV e principios do XVI, que non se deu noutros reinos, e que remataría coa supresión dos mosteiros femininos galegos.
Inés Rivadeneira (1928-2020), mezzosoprano e catedrática de canto galega.
Agnès Varda (1928-2019), cinematógrafa francesa, a única muller da Nouvelle Vague.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Agnes | |
Catalán | Agnés | |
Español | Inés | |
Éuscaro | Inesa | |
Ines | ||
Aines | ||
Añes | ||
Francés | Agnès | |
Agnés | ||
Inglés | Agnes | |
Italiano | Ines | |
Agnese | ||
Portugués | Inês | |
Romanés | Agnes | |
Ruso | Agnesa |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]