-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Ingresos
Durante as presidencias de Xesús Alonso Montero e Víctor F. Freixanes ingresaron na Academia once académicos de número e seis honorarios. Nos seus perfís, sobrancean os filólogos, os creadores literarios e os historiadores.
Fina Casalderrey é unha das figuras máis recoñecidas da literatura infantil e xuvenil galega. Mestra de profesión, ingresou na Real Academia Galega co discurso Viaxe á semente, no que reivindica a importancia da infancia como cerne da creación literaria. Marilar Aleixandre combina a creación literaria de vontade renovadora coa investigación científica e reflexiona, no seu discurso de ingreso Voces termando da paisaxe galega sobre a defensa da paisaxe, a lingua e a memoria colectiva depositada nos seus nomes.
Pegerto Saavedra é un historiador especializado na historia social e agraria de Galicia, cunha traxectoria investigadora centrada no campesiñado e na pegada dos mosteiros na súa sociedade. No ensaio Demarcacións, topónimos, papeis, memoria analiza como se organizaba e administraba o territorio galego durante a Idade Moderna, especialmente no século XVIII. Lourenzo Fernández Prieto, historiador especializado na historia agraria, a Guerra Civil e o franquismo, recupera en A memoria, a historia e a política a polémica entre Camilo José Cela e Valentín Paz-Andrade arredor da memoria republicana, a lexitimidade democrática e a autonomía galega en 1977.
Chus Pato é autora dunha poesía experimental e de forte conciencia cívica e feminista. En Baixo o límite cuestiona os límites da palabra e explora a relación entre poesía, linguaxe e filosofía. Ana Romaní é tamén poeta e, ademais, xornalista cultural. A túa obra está atravesada polo mar, a memoria e o pensamento feminista. No ensaio Táctil resonancia, recupera figuras como Xohana Torres e Penélope para vindicar unha tradición de mulleres que toman a palabra.
Ana Isabel Boullón e Gonzalo Navaza destacan polas súas achegas no ámbito da onomástica. No discurso de ingreso Todos os nomes. Identidade, pobo, país, Boullón defende que os nomes non son elementos neutros, pois evolucionan ao longo tempo, están relacionados coa historia e a paisaxe e forman parte da nosa identidade. O filólogo e escritor dezano, pola súa banda, explica en Nomes de persoa na toponimia de Lalín os topónimos da súa bisbarra natal procedentes de nomes de persoa e mostra como, a través deles, é posible esculcar na historia do concello. Por último, a lexicógrafa María Dolores Sánchez Palomino repasa en Ten sentido unha lexicografía académica bilingüe? a historia das relacións entre academias e dicionarios, e conclúe que unha academia pode producir obras bilingües cunha función comunicativa.
María López Sández e Anxo Angueira destacan pola súa investigación e reflexión sobre os elementos que contribúen a construír a identidade galega. López Sández estuda a relación entre literatura, territorio e paisaxe, e no discurso Onde abrolla o manancial analiza como o ensaísmo galego, especialmente o de autores lugueses do século XX, configura unha determinada visión de Galicia. Anxo Angueira é escritor, profesor e crítico literario. No discurso I es a noite, i es a aurora analiza a función simbólica da luz na poesía de Rosalía de Castro, de cuxa fundación é presidente.
Durante os mandatos de Alonso Montero e Freixanes ingresaron, así mesmo, un total de seis académicos de honra, todos eles sinalados polo seu labor a prol da difusión internacional da cultura galega. Marina Mayoral e Basilio Losada comparten unha importante dedicación ao estudo e á divulgación da literatura galega. Mayoral desenvolveu unha carreira literaria en galego e castelán e destaca polas súas investigacións sobre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. No seu discurso Por que Murguía destruíu as cartas de Rosalía? formula unha hipótese sobre a desaparición da correspondencia da escritora e a construción da súa imaxe pública. Basilio Losada foi filólogo, profesor universitario e tradutor, cun papel fundamental na difusión da literatura galega desde a Universidade de Barcelona. O seu discurso de ingreso céntrase nas primeiras novelas de Rosalía, La hija del mar e Flavio, e na súa dimensión social e feminista.
Nélida Piñon e María Rosa Lojo abordan, desde perspectivas diferentes, os vínculos entre Galicia e América, así como a relación entre memoria familiar, identidade e emigración. Piñon, escritora brasileira de ascendencia galega, recreou a epopea da emigración galega ao Brasil en A república dos soños e reivindicou as súas raíces no discurso A épica do coração. Lojo, escritora e investigadora arxentina, explora a emigración, o exilio e a memoria familiar como elementos centrais da identidade arxentina. No ensaio Unha galega filla en Buenos Aires, parte da súa propia experiencia familiar para analizar a presenza galega na cultura arxentina.
Kathleen March e Takekazu Asaka destacan polo seu labor de difusión da lingua e da literatura galegas fóra de Galicia. March é unha figura central dos estudos galegos no ámbito angloamericano, tradutora de numerosas obras ao inglés e impulsora da Galician Studies Association. No discurso Máis alá do manifesto reflexiona sobre a súa relación coa literatura galega e sobre a tradución como ferramenta de internacionalización. Asaka, filólogo xaponés, dedicou boa parte da súa traxectoria á aprendizaxe e divulgación do galego no Xapón e á tradución de autores galegos ao xaponés. En Do poñente ó nacente presenta o seu percorrido persoal e profesional como unha ponte entre as culturas galega e xaponesa.


