Académicos e académicas

Ana Isabel Boullón Agrelo

Ana Isabel Boullón Agrelo

Ana Boullón Agrelo (A Pobra do Caramiñal, 1962) é unha recoñecida especialista en onomástica, a liña de investigación que desenvolveu con máis intensidade ao longo dunha traxectoria na que tamén conta con destacadas achegas ao campo da lexicografía, a edición de textos antigos (especialmente medievais) e a lingüística histórica. A profesora do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, adscrita ao Instituto da Lingua Galega, é coautora de diversos dicionarios tanto de nomes de persoas e apelidos como de léxico común e especializado, participa en proxectos nacionais e internacionais do eido da onomástica e a lexicografía, foi presidenta da Asociación Galega de Onomástica e forma parte de diversas asociacións científicas. No ano 2012 foi elixida académica correspondente da Real Academia Galega, onde realiza un intenso traballo como membro do Seminario de Onomástica, desde finais de 2021 como membro de número da institución.

A académica presentou os seus traballos en máis de corenta encontros estatais e internacionais, e por invitación en máis de vinte, en Baia, Leipzig ou Torino; realizou estadías nas universidades e Oxford, Trier e Queen Mary (Londres), e colabora como consultora en proxectos de investigación do Brasil e dos Estados Unidos. 

Estudo dos nomes propios, apelidos e topónimos
Ana Boullón dedícase desde comezos dos anos 90 do século pasado á investigación dos nomes e apelidos, un labor que compaxinou coa participación en obras divulgativas como o Diccionario dos nomes galegos (Ir Indo, 1992) e O teu nome (Ir Indo, 1994). Doutorouse no ano 1994 coa tese Antroponimia medieval galega (séculos VIII-XII), publicada pola editorial alemá Niemeyer, é membro desde 1990 do proxecto de investigación internacional Dicionario histórico dos apelidos románicos (PATROM); planificou, xunto a Xulio Sousa, a Cartografía dos apelidos de Galicia, froito dun convenio entre a Real Academia Galega e o ILG; colaborou na elaboración do Ranking dos 10 nomes máis populares de Galicia (2000-2015); coordinou o manual Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización (RAG, 2016) e nestes momentos está a coordinar a elaboración dun gran dicionario dos apelidos galegos, en fase de revisión, e mais a Guía dos nomes galegos, que estará tamén dispoñible na páxina web da Real Academia Galega con información sobre as etimoloxías dos nomes propios, os hipocorísticos ou as equivalencias en distintos idiomas.

A toponimia é outra das ramas da onomástica á que lle presta atención. Participa activamente, como membro do Seminario de Onomástica da RAG, na revisión do Nomenclátor de Galicia e é investigadora principal para a toponimia de Galicia e Portugal do proxecto Toponomasticon Hispaniae. Como especialista neste eido e veciña da Pobra do Caramiñal, a comezos dos anos 90 realizou achegas relevantes no proceso de discusión sobre a designación deste concello, opoñéndose con argumentos rigorosos ás voces que querían manter o castelanismo Puebla. As súas contribucións foron recollidas en publicacións como As razóns dun nome: Pobra do Caramiñal, editada polo propio concello no ano 1992.

Da lexicografía á edición de textos medievais
No campo da lexicografía, foi parte do equipo de obras divulgativas como o Diccionario normativo galego-castelán (Galaxia, 1988), Vocabulario comercial (Xunta de Galicia, 1988) e o Diccionario escolar galego (Galaxia, 1989), coordinou Léxico da administración castelán-galego (RAG-ILG, 1991); e participou en proxectos académicos como o Dicionario de dicionarios do galego medieval (2006), unha ferramenta en liña para o estudo do léxico medieval desenvolvida xunto a María Álvarez de la Granja e Ernesto Seoane, con quen coeditou o volume Aproximacións á variación lexical no dominio galego-portugués (2017). Desde 2007 forma parte do proxecto Dictionnaire Étymolgique Roman, que pretende elaborar un novo dicionario etimolóxico panrománico herdeiro do Romanisches Etymologisches Wörterbuch, de W. Meyer-Lübke; e é consultora para os nomes galegos do Projeto Novo Dicionário de Nomes em Uso no Brasil.

En canto á edición de textos medievais, destaca a que realizou con Henrique Monteagudo dunha morea de documentos non literarios no volume titulado De verbo a verbo. Documentos en galego anteriores a 1260 (2009), o seu estudo da transmisión textual da Crónica de Iria e a súa participación na comisión para a elaboración das normas de edición da documentación medieval da Gallaeciae Monumenta Historica.

Ana Boullón é ademais editora de libros como Na nosa lyngoage galega. A emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media (2007), Estudar toponimia. Aproximacións metodolóxicas e interpretativas (2017), Antroponimia e lexicografía (2018); imparte charlas nos centros de ensino sobre a orixe e o significado dos apelidos galegos e coorganiza desde 2016, xunto á académica correspondente Luz Méndez, as Xornadas de Onomástica Galega da RAG.

Como docente, comezou impartindo, na década dos 80, cursos de galego para o profesorado non universitario, xornalistas da CRTVG e persoal funcionario. É profesora universitaria desde finais da mesma década. Tras dar clases na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB da Coruña (1988) e a Escola Universitaria de Pontevedra (1990-1991), desde 1991 é profesora da Facultade de Filoloxía da USC, onde acadou o posto de titular no ano 1996. Está acreditada para o acceso ao corpo de catedráticos e catedráticas de universidade.